Ir al contenido principal

33 Domingo TO A - Xornada das persoas pobres


XORNADA MUNDIAL DOS POBRES. 

TENDE A TÚA MAN ÁS PERSOAS POBRES

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
  • LECTURAS: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
  • OFERTORIO: Téndeme a túa man (Nº 47)
  • COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme (Nº 62)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Hoxe é o día da Xornada mundial dos Pobres, co lema: Tende a túa man ás persoas pobres. Dinos Francisco na mensaxe que escribiu para este día:
“A antiga sabedoría ten formulado estas palabras coma un código sagrado a seguir na vida. Hoxe resoan con todo o seu significado para axudarnos tamén a nós a ollar o esencial e a superarmos os atrancos da indiferenza. A pobreza sempre asume rostros diferentes, que demandan unha atención especial en cada situación particular; en cada unha delas podemos atopar a Xesús, o Señor, que se nos revelou presente nos nosos irmáns máis febles (cf Mt 25, 40) .
A opción por dedicarse aos pobres e ter conta das súas moitas e variadas necesidades non pode estar condicionada pola disposición de tempo ou por intereses privados, nin por proxectos pastorais ou sociais descarnados. O poder da graza de Deus non pode ser abafado pola tendencia narcisista a poñerse un mesmo sempre en primeiro lugar”

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Renova, Señor, o noso corazón para non ter medo a achegarnos ás persoas pobres; SEÑOR, TÉNDENOS A MAN.
  • Renova, Señor, a nosa ilusión para non deixar que o desánimo agrome en nós; CRISTO, TÉNDENOS A MAN.
  • Renova, Señor, a esperanza, para non deixarnos arrastrar polo pesimismo; SEÑOR, TÉNDENOS A MAN.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS TESALONICENSES

Tocante ao tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar. Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.

Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

O Reino dos Ceos é tamén coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulles o coidado da súa facenda. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.
De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.
Ao cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor". Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei". E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu". Pero o señor respondeulle: "¡Mal criado, lacazán! ¿Conque sabías que sego onde non semento e recollo onde non boto? Pois, poñías os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía coller os cartos e mais os intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. Porque ao que ten, háselle dar e abondo; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".
PALABRA DO SEÑOR

REMOENDO NA PALABRA

Da mensaxe de Francisco nesta Xornada mundial dos Pobres:
• “Manter a mirada cara ao pobre é difícil, pero moi necesario para dar á nosa vida persoal e social a dirección correcta. Non se trata de empregar moitas palabras, senón de comprometer concretamente a vida, movidos pola caridade divina. Cada ano, coa Xornada Mundial dos Pobres, volvo sobre esta realidade fundamental para a vida da Igrexa, porque os pobres están e estarán sempre connosco (cf. Xn12,8) para axudarnos a acoller a compaña de Cristo na nosa vida cotiá.
• A comunidade cristiá está chamada a involucrarse nesta experiencia de compartir, coa conciencia de que non lle está permitido delegala noutros. E para apoiar aos pobres é fundamental vivir a pobreza evanxélica en primeira persoa. Non podemos sentirnos “ben” cando se marxina un membro da familia humana e se converte apenas nunha sombra. O berro silencioso de tantos pobres debe atopar ao pobo de Deus en primeira liña, sempre e en todas partes, para darlles voz, defendelos e solidarizarse con eles ante tanta hipocrisía e tantas promesas incumpridas, e convidalos a participar na vida da comunidade... Para o pobo cristián lembrar a todos o gran valor do ben común é un compromiso de vida que se realiza no intento de non esquecer a ningún dos que viven coa súa humanidade violada nas necesidades fundamentais.
• Tender a man descubre a quen o fai, en primeiro lugar, que en nós existe a capacidade de realizar xestos que dan sentido á vida. Cantas mans tendidas se ven cada día! Lamentablemente, cada vez máis sucede que as présas arrástranos nunha vertixe de indiferenza, ata o punto que nos incapacita para recoñecer todo o ben que cada día se realiza no silencio e con gran xenerosidade. Así sucede que, só cando ocorren feitos que alteran o curso da nosa vida, os nosos ollos vólvense quen de enxergar a bondade dos santos “da porta do lado”, «dos que viven cerca de nós e son un reflexo da presenza de Deus» (Exhort.Ap, Gaudete et exultate,7), pero dos que non fala ninguén... Tender a man é un signo: un signo que lembra inmediatamente a proximidade, a solidariedade, o amor.
• Este é un tempo favorábel para «volver sentir que nos necesitamos uns a outros, que temos unha responsabilidade polos demais e polo mundo […]. Xa tivemos moito tempo de degradación moral, burlándonos da ética, da bondade, da fe, da honestidade […]. Esa destrución de todo fundamento da vida social remata por enfrontármonos uns cos outros para preservar os propios intereses, provoca o xurdimento de novas formas de violencia e crueldade e impide o desenvolvemento dunha verdadeira cultura do coidado do ambiente» (Carta enc. Laudato Si, 229)” .
• Só se nos deixamos de andrómenas e poñemos a render os talentos que Deus nos concedeu a cada un/ha de nós pasaremos das palabras aos feitos; respondendo, no servizo aos irmáns/más empobrecid@s, a todo canto El e eles esperan de nós. Non os agochemos deixándonos vencer pola covardía e a mesquindade!

COMPARTINDO O COMPROMISO

Acollendo a man que Deus nos tende permanentemente, e deixando sentir a calor da súa presenza, recemos comunitariamente dicindo:
TÉNDEME A TÚA MAN, QUE A MIÑA ESTÁ ABERTA, SEÑOR
  • Señor, queremos sentírnos Igrexa que non lle dá as costas nin aos pobres nin á pobreza do noso mundo, por iso che dicimos:
TÉNDEME A TÚA MAN, QUE A MIÑA ESTÁ ABERTA, SEÑOR
  • Señor, queremos vivir como parroquia a forza da solidariedade convertida en amor para coas persoas necesitadas e esquecidas das nosas comunidades, por iso che pedimos:
TÉNDEME A TÚA MAN, QUE A MIÑA ESTÁ ABERTA, SEÑOR
  • Señor, queremos que a nosa vida non sexa un escondernos ante as situacións nas que se precisa das nosas mans, do noso traballo, do noso corazón e da nosa cercanía cara á persoa que se sente ignorada e soa, por iso che dicimos:
TÉNDEME A TÚA MAN, QUE A MIÑA ESTÁ ABERTA, SEÑOR
Grazas, Señor, por seguir tendéndonos a man, a pesares de que nós as veces dámosche as costas.

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO

“Neste camiño de encontro cotiá cos pobres, acompáñanos a Nai de Deus que, de xeito particular, é a Nai dos pobres. A Virxe María coñece de preto os atrancos e sufrimentos dos marxinados, porque ela mesma se atopou dando a luz ao Fillo de Deus nun cortello. Pola ameaza de Herodes, co seu home Xosé e o pequeno Xesús fuxiu a outro país, e a condición de refuxiados marcou á Sagrada Familia durante algúns anos. Que a oración da Nai dos pobres poida reunir aos seus fillos escolleitos e a cantos os serven no nome de Cristo. E que esa mesma oración transforme a man tendida nun abrazo de comuñón e de renovada fraternidade”.
(Francisco para a Xornada dos Pobres)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...