Ir al contenido principal

Asuncion 2021

 A ASUNCIÓN DA NOSA SEÑORA

ENCHÉRONNOS DE MEDO E CULPA… MAIS MARÍA É PARA NÓS CAMIÑO DE LIBERACIÓN


61AsuncionA

CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Noraboa, María (Nº 74)

  • LECTURAS: Salve, Raíña (Nº 73) 

  • OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 68)

  • COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (Nº69)


COMEZAMOS

Estade alegres! O amor de Deus, feito realidade na nosa nai María, é un derroche de xenerosidade para todas as persoas. Que a súa paz e a súa misericordia sexan con todas e con todos vós!

ABRIMOS OS OLLOS

A pouco que nos paremos a pensar no papel das mulleres ao longo da historia, decatarémonos de que nun relato feito por e para varóns, as mulleres ocupamos sempre un lugar secundario. Reducidas ao silencio e á invisibilidade, camiñamos cheas de medo, de culpa, de complexos, de inseguridades... 

Mais os plans de Deus non eran estes. Desde o principio creounos home e muller á súa imaxe e semellanza iguais en dignidade. Por iso cando chegou a plenitude dos tempos, enviou ao seu Fillo, nacido dunha muller, para facernos nel fillos e fillas. Así, na nosa historia de salvación, irrompe con forza un rostro feminino para sandar definitiva e radicalmente a ferida do pecado e da morte. 

María, a quen hoxe celebramos na festa da súa Asunción aos ceos abre para todas nós un camiño novo, un camiño de liberación, un camiño de superación dos nosos medos, un camiño de sermos protagonistas e non simples espectadoras. Por iso, con ela afirmamos que o Señor desbarata os plans dos soberbios e enaltece ás persoas humildes. Sementaron en nós medo, mais o testemuño de María fai que nos medren ás. 

MISERICORDIANDO 

  • Polas veces nas que nós tamén nos temos burlado das mulleres que reclaman un papel protagonista na sociedade e na Igrexa, SEÑOR, QUE NON OPRIMAMOS A NINGUÉN.

  • Por terlle esixido moito máis ás mulleres á hora de ser valoradas e escoitadas; CRISTO, QUE NON OPRIMAMOS A NINGUÉN.

  • Porque son demasiados os comportamentos machistas que consentimos e cos que nós actuamos; SEÑOR, QUE NON OPRIMAMOS A NINGUÉN.

OÍDOS Á ESPREITA 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE 

E abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario. Entón houbo lóstregos, berros, tronos, un terremoto e unha grande treboada. E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés, e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. Estaba embarazada e berraba coas dores do parto. Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas. Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra. O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar a luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese. Tivo un varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer a todas as nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ao seu trono. Mentres tanto, a muller fuxiu para o deserto. E oíuse un gran berro no ceo que dicía: “Arestora chegou a vitoria, o poder, e o reino do noso Deus, así coma a soberanía do seu Mesías”. 

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS


Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Isabel a grandes voces:

- Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu seo!. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?. Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!.

Entón María exclamou:

Proclama a miña alma a grandeza do Señor,

alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,

porque reparou na súa humilde escraviña.

Desde agora tódalas xeracións me van felicitar,

porque o poderoso fixo en min marabillas!.

O seu nome é santo,

e a súa misericordia chega, xeración tras xeración,

a todos os que o temen.

Manifesta o poder do seu brazo,

desbaratando os plans dos soberbios.

Derruba do seu trono aos poderosos,

e fai subir aos humildes;

aos famentos éncheos de bens,

e aos ricos despídeos baleiros.

Ampara a Israel, o seu servidor,

lembrándose da súa misericordia,

conforme llelo prometera aos nosos pais,

en favor de Abrahán e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa.


PALABRA DO SEÑOR


GARDAMOS TODO ISTO NO NOSO CORAZÓN

  • Sempre que no calendario litúrxico celebramos unha festividade da Virxe, podemos caer no retrouso fácil de lembrarnos ese día nas nosas celebracións das mulleres e da súa presenza na sociedade e na Igrexa, e ao rematar... a outra cousa bolboreta. Porén, a fe que profesamos esixe de nós un compromiso vital coa causa da igualdade, pero unha igualdade real e efectiva, non unha igualdade por tempos.

  • Porque... non é doado ser muller nesta sociedade pensada e feita por homes e para homes. Os datos obxectivos amósannos que, máis alá de leis e boas intencións, a realidade segue a estar marcada polas diferenzas en todos os ámbitos sociais. Á voz da muller seguimos esixíndolle un plus para que sexa escoitada; o número de mulleres maltratadas, asasinadas, desaparecidas... non deixa de medrar; cada día sufrimos distintos acosos machistas en forma de “piropos” que intimidan, de insultos que degradan, de silencios cómplices ou de medos que paralizan; cada día temos que loitar duramente para que os homes se fagan cargo dunhas tarefas, as domésticas, que semellan ser patrimonio das mulleres; cada día facemos unha dobre xornada pola que cobramos un 20% menos ca eles nunha única xornada, a laboral... xa que as tarefas domésticas non teñen prezo; cada día temos que renunciar á nosa formación e á nosa independencia para levar a cabo o papel de coidadoras que a sociedade nos outorga. 

  • E se miramos cara adentro, á nosa Igrexa, no nome dunha falsa fidelidade a Xesús, todo, absolutamente todo, se pensou por, para e desde os homes como únicos integrantes, silenciando a voz feminina e, o que é máis grave, relegándoa ao cuarto das cousas inútiles. Non podemos negalo. Non queremos negalo. Corría o ano 1965 cando no remate do Concilio Vaticano II, escrutando os sinais dos tempos, nunha mensaxe dirixida ás mulleres se afirmaba: “Chega a hora, chegou a hora na que a vocación da muller cúmprese en plenitude, a hora en que a muller adquire no mundo unha influenza, un peso, un poder xamais alcanzado ata hora. Por iso neste momento no que a humanidade coñece unha mutación tan profunda, as mulleres, cheas do espírito do Evanxeo, poden axudar tanto a que a humanidade non decaia”. Van alá case 60 anos desta mensaxe e podemos afirmar sen lugar a dúbidas que o reloxo quedou parado, porque a igualdade segue a ser tarefa pendente. As mulleres, no mellor dos casos, podemos ser catequistas, cantoras, decoradoras de interiores, limpadoras... pero sempre en silencio, sempre sen poder de decisión, sempre sen voz nin voto. 

  • Mais os plans de Deus non eran, non son estes. Non: Deus enxalzou a María, nai de Xesús, nai da Igrexa e con ela e en ela a todas as mulleres do mundo que hoxe loitamos e traballamos polo camiño que ela nos abriu, un camiño de igualdade, un camiño de corresponsabilidade, un camiño de decisión, un camiño de autonomía e independencia, un camiño sen medos. Que María, muller, crente, sinxela, pequena, acolledora, autónoma, independente... nai, nos axude a que esta Igrexa, mude o seu rostro para facer resplandecer nela o rostro materno de Deus, que derruba do trono aos poderosos, aos machistas, aos carreiristas e ergue á xente pequena, servidora e sinxela, que traballa pola felicidade das persoas irmás. Sementaron en nós medo; mais María deunos ás para soñar o imposible e para erguernos por riba do medo!

REZAMOS EN COMUNIDADE

Como comunidade crente, alegre e esperanzada que celebra a festa na honra da Nosa Señora, presentamos a Deus as nosas peticións dicindo como María: 

PROCLAMA A MIÑA ALMA A GRANDEZA DO SEÑOR

  • Para que a Igrexa non teña medo a escoitar a voz das mulleres, e conte con elas no seu traballo diario e na toma de decisións, OREMOS.

  • Polas mulleres que nas nosas comunidades levan a cabo tarefas que a pesares de ser moi necesarias, non sempre son recoñecidas, OREMOS. 

  • Por todas as mulleres que levan a cabo a tarefa do coidado da vida, para que María sexa sempre para elas alento no camiño, OREMOS.

  • Por cada unha e cada un de nós, que hoxe nos xuntamos para celebrar a festa na honra da nosa Nai, para que ela nos axude a incorporar á nosa mirada as gafas violeta, OREMOS.

Escoita, Señor, a oración que che presentamos na mediación de María. Fai que, coma ela, sexamos persoas valentes e comprometidas. P.X.N.S. Amén.

AGRADECEMOS A COMPAÑA DE MARÍA

Grazas, Deus Pai, por regalarnos a María,

nai nosa na fe, na esperanza e no amor,

muller de pobo, humilde, labrega. 

Bendita ti entre todas as mulleres!!!

Grazas, Señor, porque con ela aprenderemos a fiarnos de Ti,

a aceptar e acompañar os seus proxectos,

aínda que por veces nos parezan escuros e sen saída.

Bendita ti entre todas as mulleres!!!

Grazas, Deus, porque con ela poderemos experimentar con alegría,

no máis fondo do noso corazón, da nosa vida,

que Ti es todo misericordia.

Bendita ti entre todas as mulleres!!!

Grazas, Pai, porque con ela descubriremos nós tamén a nosa pequenez,

envolta toda ela na túa ollada agarimosa,

que comprende, dignifica e enaltece.

Bendita ti entre todas as mulleres!!!

Grazas, Señor, porque con ela decatarémonos de que a historia 

da humanidade non é unha historia orfa de graza e dinamismo,

senón que toda ela está cruzada pola urxencia do teu amor.

Bendita ti entre todas as mulleres!!!

Grazas, Señor, porque con María descubriremos

o valor da muller, das mulleres,

na historia da nosa vida, do noso pobo, da humanidade,

e tratarémola como nai total das nosas vidas. 

Bendita ti entre todas as mulleres!!!


Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor