Ir al contenido principal

16 Domingo TO C 2022

Domingo 16º do Tempo Ordinario

 

Sexamos carballeiras cheas de pólas con follas de acollida

CANTO GOZOSO

 

 

  • Entrada.- Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2).
  • Lecturas.- Escoita ti (Nº 26).
  • Ofertorio.- Grazas, Señor na mañá (Nº 117 ).
  • Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

 

OLLOS ABERTOS

 

         As carballeiras son espazos moi presentes na nosa realidade cotiá. Quen non ten repousado da calor baixo a sombra dun carballo? Quen non se ten sentido acollido e protexido baixo as súas pólas e follas? Quen non ten atopado baixo unha carballeira o sosego e a paz nun momento preciso? 

As carballeiras son para nós lugares máxicos de encontro e interioridade. E como precisamos ámbalas dúas en tempos de présa, individualismo e superficialidade!!!!! Dispoñámonos entón, externa e internamente, para compartir, celebrar e participar da nosa reunión comunitaria na carballeira eclesial do domingo ao redor da que nos reunimos como comunidade buscando, o acougo acolledor que sempre nos ofrece o Señor.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

 

·      Porque non sempre aproveitamos a brisa acolledora que Ti nos ofreces. SEÑOR, GRAZAS POR ACOLLERNOS.

·      Porque desperdiciamos espazos e momentos que nos ofreces para experimentar a graza do teu acougo. CRISTO, GRAZAS POR ACOLLERNOS.

·      Porque somos máis de sobrevalorar o superficial que de valorar o sinxelo e importante. SEÑOR, GRAZAS POR ACOLLERNOS.

 

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abraham, estando este sentado á entrada da súa tenda, nas horas da calor. Abraham ergueu os ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ó seu encontro, desde a entrada da tenda, e postrouse, dicindo: ‑“Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. Farei traer unha pouca auga, bañaréde-los pés e descansaredes baixo a árbore. Coa mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as forzas, para logo seguirdes camiño”.

Responderon eles: ‑“Está ben. Fai como dis”.

Abraham correu á tenda onda Sara, para lle dicir: ‑“Trae tres cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica”. E el foi correndo ó cortello, colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado, para que o guisase ó momento. Despois, co vitelo guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ó seu lado baixo a árbore.

Nisto eles preguntáronlle: ‑“¿Onde está Sara, túa muller?”

El respondeu: ‑“Aí dentro, na tenda”.

E un deles engadiu: ‑“Volverei verte para o ano, e entón Sara a túa muller, terá un fillo”. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Irmáns e irmás:

Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa. Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que agora se manifesta ó seu pobo santo. A este pobo quíxolle Deus amosa-la espléndida riqueza que representa para os pagáns este segredo: ¡que Cristo, a gloria esperada, tamén é para vós! El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns coma é debido.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Cando ían de camiño, entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:

‑Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.

Pero o Señor respondeulle:

‑Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas,pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

 

PALABRA REMOÍDA

 

·      A carballeira de Mambré foi espazo e lugar de encontro, repouso e presenza de Deus. Alí Deus móstrase en toda a súa fondura diante de Abraham que descansaba da calor. Pero Deus non se mostra cheo de esplendor, aparatosidade ou grandeza. Todo o contrario. Faise presente na sinxeleza de tres homes que aparecen pola porta precisando descansar. Porque Deus é sempre presenza encarnada na xente sinxela, humilde e xenerosa. E isto foi capaz de velo Abrahám, cando se achegaron aqueles estraños, por iso corre a ofrecerlles lugar onde descansar e auga coa que poder refrescar da secura e dureza do camiño. Que imaxe tan doada de entender e aplicar a nosa realidade de hoxe! Si, porque tamén nós precisamos de ser acollidos diante da dureza da vida e das dificultades que nela imos atopando. Abraham entendeuno perfectamente: só un Deus que acolle, pode facerse presente en quen  ten que ser acollido/a, por iso se achega e lle abre a porta da súa casa. Seremos nós tamén, como Abrahám, capaces de abrir a porta a quen sabemos que chega con cansazo, dificultade, desacougo, sensación de derrota e incomprensión ou tristura e acoller ofrecendo compartir a carballeira na que sabemos atopar a frescura do amor de Deus?

 

·      Acoller esixe compartir, como compartiron Abraham e Sara, e esta experiencia tan gozosa só pode producir felicidade e paz interior. Desde esta paz é como podemos ir descubrindo que a vida é un constante camiñar en compañía e acompañando, non un ir cada quen polo seu lado e en direccións contrarias ou enfrontadas; compartir apórtanos o gozo interior do traballo ben feito e do recoñecemento da outra persoa como igualdade compartida da mesma identidade de Deus; compartir supón deixar atrás a tentación de impor, dominar, mandar ou someter aos demais no nome do prestixio, o poder ou a intolerancia. Compartir é alegrarse do ben do outro/a e tender a man para percorrer camiños que unen e levan ao recoñecemento da mesma dignidade a quen precisa ser defendido/a. Seguindo a estela que se nos abre en Mambré, que tamén nós nos esforcemos por ofrecer acollida e compaña na carballeira da nosa vida, e diante de tanto deserto queimado polo sol.

 

·      E dese compartir sen enfrontar é do que nos fala o evanxeo no testemuño, distinto pero complementario, de Marta e María. Todo é bo cando fai posible crecer e ser felices. E isto non o entendera moi ben Marta ata que atopou con Xesús. Ela pensaba que con facer, facer, facer, xa estaba todo acadado; porén Xesús móstralle a outra cara, que non distancia senón que complementa. Por que entón buscar separar e acentuar as diferenzas, cando o camiño mellor é descubrir que pode aportar cada quen e enriquecernos mutuamente? Algo así nos pasa tamén hoxe, no canto de buscar o que cada un pode aportar, tentamos moitas das veces marcar as diferencias, o que separa, o que enfronta, como lle ocorría a Marta. Porén Xesús, coñecendo e tendo a experiencia do enriquecemento complementario, simplemente lle di que a pluralidade moito máis enriquecedora e humana que a unilateralidade. Canto precisamos volver á carballeira e buscar nela o espazo no que interiorizar, descansar e dialogar para logo poder actuar!

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

 

Deus invítanos a recoñecelo na sinxeleza e na mansedume de quen está en disposición de saír de si mesmo/a e tender a man. Seguindo esta guía compartamos a oración comunitaria dicindo: GRAZAS POR ESCOLLERNOS.

·      Para que a igrexa sexa carballeira baixo a que as persoas que se sentan cansas e precisadas dunha man, sexan acollidas e acompañadas. Oremos. GRAZAS POR ESCOLLERNOS.

 

·      Para que as nosas parroquias sexan carballeiras cheas de pólas que dean sombra de paz, acollida, compaña e colaboración. Oremos. GRAZAS POR ESCOLLERNOS.

 

·      Para que nós saibamos ser árbore chea de follas que  protexen e non dividen, que coidan e non feren, que achegan e non apartan. Oremos. GRAZAS POR ESCOLLERNOS.

Señor, que saibamos descubrirte en quen busca carballeiras que acollan, acompañen e alenten. Amén.

 

 

RECENDO DE GRATUIDADE

 

A parroquia non é unha estrutura anticuada; Precisamente por ter unha gran plasticidade pode adoptar formas moi diversas que requiren da docilidade e creatividade misioneira do Pastor e da comunidade. Aínda que certamente non é a única institución evanxelizadora, se é capaz de reformarse e adaptarse continuamente, seguirá sendo “a mesma Igrexa que vive entre as casas dos seus fillos e fillas” [26] .. Isto supón que está realmente en contacto cos fogares e coa vida da vila, e non se converte nunha estrutura pulcra separada da xente ou un grupo selecto que se mira a si mesmo. A parroquia é presenza eclesial no territorio, ambiente de escoita da Palabra, de crecemento da vida cristiá, de diálogo, de anuncio, de caridade xenerosa, de adoración e de celebración [27] . A través de todas as súas actividades, a parroquia anima e forma aos seus membros para que sexan axentes de evanxelización [28]. É unha comunidade de comunidades, un santuario onde os sedentos van a beber para seguir camiñando, e un centro de constante envío misioneiro. Pero hai que recoñecer que o chamamento á revisión e renovación das parroquias aínda non deu froitos suficientes para que estean aínda máis preto da xente, sexan lugares de comuñón viva e de participación, e estean plenamente orientados á misión.  ( Francisco, EG. 28)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo CANTOS Entrada.-  Camiñarei  (  )          Lecturas.-  As túas palabras Señor son espírito e vida  (  )          Ofertorio.-  Recibe, Señor  (   )          Comuñón.-  No colo de miña nai  (  ) OÍDO Á ESPREITA          Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O  Deus Pai ,  Fillo  e  Espírito Santo móstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.          Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamo