Ir al contenido principal

17 domingo TO C

NA VELLEZ SEGUIRÁN DANDO FROITO

(II XORNADA MUNDIAL DOS AVÓS E AVOAS E DAS PERSOAS MAIORES)


 

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS

ü  Entrada: Andarei na presenza do Señor

ü  Lecturas: Canta o sol

ü  Ofertorio: No colo da miña nai

ü  Comuñón: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

 

OLLOS ABERTOS

         Dun tempo a esta parte é común ler nos medios de comunicación a referencia á palabra edadismo, un termo que non é novo, pero que agora está de plena actualidade. O edadismo podemos definilo como o conxunto de prexuízos cara ás persoas maiores. Estamos xa que logo, ante un xeito de discriminación, unha cara máis do que Francisco define como cultura do descarte.

         Mais no poliedro eclesial non queremos nin podemos discriminar a ningunha persoa, porque todas somos importantes e necesarias. Por iso celebramos hoxe a II Xornada Mundial das avoas e dos avós e das persoas maiores, porque certamente como nos di o lema deste ano: “Na vellez seguirán dando froito”. 

         Hoxe poñemos no centro da nosa celebración ás persoas maiores, coas súas vidas cheíñas de experiencia e sabedoría, que tanto nos teñen que ensinar e das que tanto temos que aprender. 

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

· Porque moitas veces nós tamén discriminamos e apartamos, xogando a ser pequenos deuses, SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA ACOLLEDOR.
· Porque moitas veces nós tamén caemos no pesimismo e no andanzo de sentir que xa o demos todo e non temos forzas para comprometernos, CRISTO, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA ACOLLEDOR.
· Porque moitas veces nós tamén balconeamos a vida, mirando desde a ventá, sen comprometernos, SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA ACOLLEDOR. 

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

O Señor seguiu dicindo:
- "O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave. Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino".
Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abraham quedou diante do Señor. Abraham adiantouse cara ó Señor e preguntoulle:
- ‑"¿Por caso aniquilarías os inocentes cos culpables? Se houbese cincuenta xustos na cidade, ¿aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel? ¡Lonxe de ti facer tal cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. ¡Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, ¿non vai facer xustiza?"
O Señor respondeu:
- "Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".
Abraham insistiu:
- "Perdoa o atrevemento de lle falar ó meu Señor, sendo eu po e cinsa. Se para cincuenta xustos faltan cinco, ¿aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"
Respondeu o Señor:
- "Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".
Abraham insinuou:
- "Se cadra, hai corenta".
El respondeu:
- "Non o farei, en vista dos corenta".
Abraham dixo:
- "Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. ¿E se houbese trinta?"
El respondeu:
- "Non o farei, se atopo trinta".
Abraham teimou aínda:
- "Voume atrever a lle falar outra vez ó meu Señor. Podería ser que houbese vinte".
Respondeu o Señor:
- "Non a destruirei en graza ós vinte".
Abraham dixo:
- "Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. ¿E se houbese dez?"
El respondeu: ‑"Non a destruirei por mor dos dez".

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS COLOSENSES

Irmáns e irmás:
Sepultáronvos con Cristo no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos. E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos a vida con El. El perdoounos todos os pecados, anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Dunha vez despois de estar el orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
- Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos.
Respondeulles:
- Cando recedes, dicide:
Pai, ¡sexa santificado o teu Nome! Pai, ¡veña o teu Reino!
Dános cada día o noso pan.
E perdoa os nosos pecados, como tamén perdoamos nós a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
Logo continuou:
- Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mais os nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, cando menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".
Ou logo, ¿que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? ¿Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousa boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan!

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

Tal e como nos lembra Francisco na súa mensaxe para a II Xornada Mundial das avoas e dos avós e das persoas maiores:
· A ancianidade a moitas persoas dálles medo, pois considérana unha especie de enfermidade coa que é mellor non entrar en contacto. As anciás e os anciáns non nos concirnen –pensan- e é mellor que estean o máis lonxe posible, quizá xuntas e xuntos entre eles, en instalacións onde os coiden e que nos eviten ter que facernos cargo das súas preocupacións. É a cultura do descarte, esa mentalidade que, mentres nos fai sentir diferentes das persoas máis débiles e alleas ás súas fraxilidades, autoriza a imaxinar camiños separados entre nós e eles. Mais en realidade, unha vida longa é unha bendición e as persoas anciás non son parias das que hai que tomar distancia, senón sinais viventes da bondade de Deus, que concede vida en abundancia.
· A ancianidade non é unha estación doada de entender. Ninguén nos preparou para afrontala e mesmo parece que nos colle por sorpresa As sociedades máis desenvolvidas invisten moito nesta idade da vida, pero non axudan a interpretala; ofrecen plans de asistencia, pero non proxectos de existencia. Por iso é difícil mirar cara ao futuro. Por unha parte, temos a tentación de exorcizar a vellez agochando as engurras e finxindo que somos sempre persoas novas. Por outra parte parece que non nos quedaría máis que vivir sen ilusión, coa resignación de non ter xa froitos que dar. Mais as persoas maiores están chamadas a vivir unha ancianidade activa nas súas relacións con Deus e cos demais, sendo protagonistas e non balconeando a vida.
· Precisamos un cambio profundo, unha conversión que desmilitarice os corazóns, permitindo que cada persoa recoñeza na outra a unha irmá. Nisto as persoas maiores teñen unha gran responsabilidade: a de ensinarlle ás mulleres e aos homes do noso tempo a ver aos demais coa mirada comprensiva e tenra que lle dirixen aos netos e ás netas. As persoas maiores afinan a súa humanidade, facéndose cargo dos demais e converténdose en mestras e mestres dun xeito de vivir pacífico e atento ás persoas máis vulnerables. Están, xa que logo, chamadas a ser artífices da revolución da tenrura.

ORACIÓN COMPARTIDA

Sendo Deus esperanza e vida, fagámoslle o agasallo da nosa oración comunitaria desde a vida que compartimos dicindo:
QUE POÑAMOS EN MARCHA A REVOLUCIÓN DA TENRURA
  • Para que a Igrexa que formamos todas e todos nós Señor sexa motor dunha revolución da tenrura que coloque ás persoas no centro, OREMOS. 
  • Para que nas nosas comunidades as persoas maiores se sintan queridas, acollidas, escoitadas e necesarias, OREMOS. 
  • Para que nós nunca caiamos na tentación do edadismo, discriminando, utilizando, arrinconando ou invisibilizando ás persoas maiores nas nosas familias, nas nosas comunidades, na sociedade, OREMOS.
Nas túas mans poñemos este momento de oración comunitaria, coa convicción de que a escoitas, alentas e acompañas. P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS

Dámosche grazas, Señor,
pola bendición dunha longa vida
porque, aos que se refuxian en Ti
concédeslles dar froito.
Perdoa, Señor,
a nosa resignación e desánimo,
pero non nos abandones
cando desfalecen as nosas forzas.
Ensínanos a mirar con esperanza
o futuro que nos dás,
a misión que nos encomendas
e a cantar os teus encomios sen fin.
Fainos tenros artífices
da túa revolución,
para custodiar con amor ás crianzas
e a todas as persoas cativas que buscan refuxio en Ti.
Protexe, Señor, ao Papa Francisco
e concédelle á túa Igrexa
liberar ao mundo da soidade.
Dirixe os nosos pasos polo camiño da paz.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo CANTOS Entrada.-  Camiñarei  (  )          Lecturas.-  As túas palabras Señor son espírito e vida  (  )          Ofertorio.-  Recibe, Señor  (   )          Comuñón.-  No colo de miña nai  (  ) OÍDO Á ESPREITA          Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O  Deus Pai ,  Fillo  e  Espírito Santo móstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.          Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamo