Ir al contenido principal

14 domingo TO 2023

14º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO


BUSQUEMOS ACOUGO, DE CANSAZOS E TRISTURAS, NA AGARIMOSA APERTA DE XESÚS



Cantos

ENTRADA.- Unha xuntanza de amor ( 7)

LECTURAS.- Contade as marabillas ( 24 )

OFERTORIO.- Cantádella ao Señor ( 33 )

COMUÑÓN.- Déixate querer ( 61)


Mirada agradecida


Deixarnos acoller. Que difícil nos resulta ás veces! Canta distancia poñemos entre quen se achega a nós buscando escoitarnos ou acompañarnos, e as nosas desconfianzas e dúbidas! Seguro que non nos teñen faltado veces nas que, sabendo que estabamos mal e que precisabamos unha man amiga, nos temos pechado en banda para non mostrar as nosas incertezas e as nosas debilidades. No nome dun nunca beneficioso orgullo, canto temos sufrido innecesariamente.

No evanxeo de Hoxe Xesús invítanos a vencer estas resistencias e a achegarnos a El, para deixarnos agarimar polo seu amor, pola súa acollida, pola súa misericordia. Deixemos, entón acompañar por El. 


Corazón misericordioso



  • Porque o noso orgullo impídenos buscar axuda cando a precisamos. SEÑOR, NON DEIXES DE CONFIAR EN NÓS.
  • Porque a nosa soberbia fainos crer o que non somos. CRISTO, NON DEIXES DE CONFIAR EN NÓS.
  • Porque nos deixamos arrastrar polas aparencias e o quedar ben. SEÑOR, NON DEIXES DE CONFIAR EN NÓS.


Palabra proclamada


 PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ZACARÍAS


Relouca, filla de Sión,

grita de ledicia, filla de Xerusalén.

Velaí chega o teu rei,

é xusto e protexido do Señor,

humilde e montado nun burro,

si, nun burriño fillo dunha burra.

Eu acabarei cos carros de Efraím

e cos cabalos de Xerusalén,

acabarase o arco de guerra

e El anunciará a paz ás nacións,

reinará desde un mar a outro mar,

desde o Éufrates ós confíns da terra.


PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS


Irmáns e irmás:

Vós non vivades así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela. Porque, se vivides segundo a baixa condición, teredes que morrer pero, se coa axuda do Espírito mortificáde-las obras do corpo, viviredes.


PROCLAMACIÓN DO EVANXEO SEGUNDO MATEO


Naquel tempo dixo Xesús:

Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.

Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga liviá.



Palabra remoída


  • Relouca. Esta palabra que aparece hoxe no comezo da primeira lectura é toda unha invitación a como temos que vivir a nosa fe, cada día, no noso mundo actual. É verdade que hai moitas cousas que non nos gustan, que nos entristecen, que nos fan rebelarnos contra elas, que non nos axudan a manter o bo ánimo. Mais sen negar iso, tamén é verdade que as persoas que temos fe, e dicimos crer realmente en Deus; no Deus que se manifesta en Xesús, non deberamos esquecer que reloucar, aledarse, é unha tarefa permanente, e positiva, para manternos en actitude de espreita e non deixarnos levar polo ambiente, tantas veces desacougante, pola tristura ou  polo pouco exemplo, mesmo desilusión, que nos poden causar aquelas persoas que tiñamos como referentes. Si, porque ese relouque do que nos fala hoxe a palabra de Deus ha ser unha actitude que nos fai tomar conciencia de que se Deus é verdadeiramente importante na nosa vida, non pode máis que producirnos alegría, capacidade de reloucar. Porque El non nos vai deixar sos ante as dificultades e problemas, non vai pasar de lado mirándonos de esguello, non vai prescindir de nós. E como ben sabemos, El sempre se vai facendo presente a través das mediacións que imos descubrindo neste noso camiñar cotián. Mediacións que nos chegan a través de testemuños de persoas que non se deixan vencer polo que fan todos, polo que é maioritario ou polo que se espera dun. Quen testemuña actúa, vive e compórtase de maneira que o importante sempre é aquilo que fai que sexamos felices e mellores persoas, facendo partícipes da felicidade aos demais.


  • O que nos ten que levar a cuestionarnos sobre cales son as actitudes que motivan a nosa toma de decisións, a mirada que temos das cousas, a capacidade de non deixarnos vencer polo que todo o mundo fai, o xeito de ser creativos, non extravagantes, coa nosa vida e coa coherencia á hora de comportarnos. Non vale todo, non tódolos comportamentos son iguais, non se ha xustificar o que nos é máis cómodo como se fose o mellor, e criticar, polo esforzo que supón, aqueles outros comportamentos que supoñen renuncia, distancia ou rexeitamento. Inda que todos o fagan así. O gregarismo, que tanto se practica hoxe, non pode ser unha actitude que mostre e mova o noso comportamento á hora de traballar, de relacionarnos, de esforzarnos por facer as cousas ben. O “onde vas Vicente, onde vai a xente”, que tan popular é entre os nosos refráns, non pode converterse no modelo, programe ou formulario desde o que actuamos.


  • Por iso Xesús sitúase e camiña desde outra perspectiva. Para El a relación de confianza e fidelidade co Pai é a que marca a súa maneira de facer as cousas, de tratar ás persoas, de tomar decisións na súa vida. O “achegádevos a min” pronúnciase desde a convicción de que Deus bendí e acompaña o camiñar das persoas. Unha invitación a achegarse para non vivir na friaxe de quen se sente só e decepcionado polo xeito de comportarse daquelas persoas nas que se confiaban. E esta achega é unha achega chea da calor de quen sente, quere, se preocupa e é capaz de dalo todo por aquelas persoas das que terma. En Xesús atopamos ao amigo que non se afasta, que non nos da as costas, que non cambia de opinión para deixarnos ao pairo, que... porque o que o move é o amor. Si, o amor, pero non ese amor de consumo e gratificación momentánea, senón o amor de quen disputa unha carreira de fondo, a vida, e sabe que apesares dos momentos críticos que virán ao longo da carreira, e da tentación de abandonar, seguimos para adiante porque El non está só ao final, na meta para acollernos; El vai facendo tamén a carreira con nós. Así, o xugo, tan duro por veces, sempre é máis levadeiro.



Oración compartida


O Señor sempre nos tende a súa man para acompañarnos no noso camiñar. Con agradecemento de saber que non nos deixa sos, dicimos: Grazas por camiñar ao noso lado.

  • Para que a Igrexa non deixe nunca de renovarse, e traballe para que Evanxeo sexa acollido con alegría e confianza. Oremos. Grazas por camiñar ao noso lado.
  • Para que nas comunidades cristiás venzamos a tentación de mirar ao pasado como se fose o tempo mellor, sen apostar por un presente e un futuro no que temos que dar razón da nosa esperanza. Oremos. Grazas por camiñar ao noso lado.
  • Para que nós non dubidemos nunca en achegarnos ao Señor, pois nel atopamos sempre acougo para os nosos cansazos e as nosas tristuras. Oremos. Grazas por camiñar ao noso lado.

Señor, poñemos nas túas mans as nosas angueiras e cansazos, coa confianza de saber que as acolles para acompañarnos e alentarnos no noso camiñar cotián. Por Cristo o noso Señor. Amén.


Acougo interiorizado

Pintores onde ninguén contempla xa a beleza.

Filósofos que fan preguntas a quen prefire non escoitar.

Mestres que pensan que o saben todo

e médicos para quen non se quere curar.

Alumnado esgotado en bibliotecas baleiras.

Xardineiros alegres en tempos de seca.

Escritores destacados que poucos saben valorar

e tímidos mensaxeiros da mellor das noticias.

Camiñantes no medio do deserto.

Soldados dunha batalla a medias.

Tolos pola causa xusta

e amigos de quen ninguén quere abrazar.

Corazóns inquedos gañando ao sensentido existencial.

Leais cando demasiados queren abandonar.

Escaladores cando todos descenden.

E tan fráxiles que dá medo seguir para adiante.

Profetas nun mundo que se afasta da fe,

onde a esperanza latexa na realidade.

E apaixonados por un pobo

que ás veces menospreza o amor e a verdade.

Vivindo contracorrente polo Reino,

Cara a vida e o máis alá,

Que nos convoca ao pairo

E que nunca nos deixará. ( Álvaro Lobo, s.j.)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...