Ir al contenido principal

15 domingo TO 2023

PASANDO DA OBSESIÓN POR COLLEITAR AO PACIENTE LABOR DE SEMENTAR




CANTOS

ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
LECTURAS: Señor Xesús (Nº 52)
OFERTORIO: Sementar, sementarei
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

MIRADA AGRADECIDA

Colleitar/Sementar é a dialéctica na que se move hoxe a palabra que imos proclamar. Para poder colleitar é preciso sementar previamente, e ás veces, como está a ocorrer neste ano, pode ser que sementemos e que a colleita non sexa boa, porque os froitos apodrecen antes de madurar. É algo que ás veces esquecemos nunha sociedade coma a nosa, que vai tan rápido e na que buscamos a resposta, a solución, o triunfo... inmediatos.
Aprender a respectar os ritmos das persoas, aprender a abrir espazos para a escoita e a reflexión na nosa vida, aprender a levantarse cando fracasamos ou as cousas non veñen ben dadas. Este é o reto ao que hoxe somos convidadas e convidados na nosa celebración: a pasar da obsesión por colleitar ao paciente labor de sementar, un labor moito máis difícil e a longo prazo.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Porque moitas veces queremos colleitar respecto, tolerancia e cercanía cando nós sementamos o contrario: SEÑOR, AXÚDANOS A SEMENTAR CON AMOR E PACIENCIA.
Porque en demasiadas ocasións nós tampouco prestamos atención á túa palabra e deixamos que esvare pola nosa vida; CRISTO, AXÚDANOS A SEMENTAR CON AMOR E PACIENCIA.
Porque non sabemos respectar os diferentes ritmos das persoas; SEÑOR, AXÚDANOS A SEMENTAR CON AMOR E PACIENCIA.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Velaí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ó que sementou
e pan ó que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmás e irmáns:
Penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós. Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto. E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ó pé del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
- Dunha vez saíu un labrego a sementar. E ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira, e ó medraren as silvas afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. ¡Quen teña oídos que escoite!
E achegándose os discípulos dixéronlle:
- ¿Por que lles falas en parábolas?
El respondeulles:
- Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. Por iso lles falo en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo: Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes. Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure. ¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mais os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oír o que vos oídes, e non o oíron. Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño. O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; pero, ó non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona. O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

Que difícil nos resulta respectar os diferentes ritmos das persoas!!!! Como nos gustaría un mundo no que todo o mundo levase a mesma velocidade ca nós. Mais non é así!!!!! Cada persoa é única e irrepetible, e dentro desa singularidade ímonos situando no mundo. Porén, isto que para nós é un problema, para Deus é unha riqueza. Que ben o entendeu Isaías e que ben nolo transmite cando, de parte de Deus, nos di que a súa Palabra conseguirá aquilo para o que a mandou. A Palabra non é pasado. Tampouco unha simple ilusión que nos leva a empreñar do aire. Non. A Palabra é vida, esforzo, tarefa, luz, camiño.... que nos axuda a darlle á nosa vida un sentido. A Palabra é auga que refresca o noso corazón, tantas veces reseco e sedento.
Só desde esta óptica entenderemos todos os matices que ten a parábola que Xesús nos conta no Evanxeo que vimos de proclamar. Si. Se cadra, contaxiadas e contaxiados pola sociedade da inmediateza, tamén nós como Igrexa primamos máis a colleita que a sementeira. Mais na Igrexa de Xesús non precisamos máis persoas colleitadoras, sobra coas que hai. E non precisamos persoas colleitadoras porque o noso non é, ou non debera ser, colleitar éxitos, conquistar as rúas, dominar a sociedade, encher os templos, impoñer a nosa fe..... Non, malia que a moitas persoas lles pese, iso non é o noso. Na Igrexa de Xesús fan falla persoas sementadoras coma El, que sementaba en calquera parte, ata nos lugares máis insospeitados e entre xente moi afastada da relixión oficial. Sementaba do mesmo xeito que fan as persoas labregas: conscientes de que a semente poderíase botar a perder, conscientes de que como ocorre este ano, non se recollerá o froito desexado... mais non por iso deixan de sementar. Velaí a tarefa á que somos convidadas e convidados: a sementar palabras de esperanza, xestos de compaixón e feitos de compromiso alí por onde pasamos. Só así daremos testemuño de que Xesús nos deixou en herdanza a parábola do sementador, non do colleitador. Unha sementeira que sempre supón coidar.

 

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Porque nos creaches libres e con capacidade para tomar decisións, agradecémolo dicindo:
QUE SEXAMOS SEMENTADORAS E SEMENTADORES DA TÚA PALABRA
* Pola Igrexa, que somos todas as persoas bautizadas, para que nunca esquezamos que a semente evanxelizadora é a Palabra de Deus, e non a nosa propia, OREMOS.
* Polas nosas comunidades, para que sexamos quen de respectar os ritmos das diferentes persoas que nela convivimos, OREMOS.
* No día da Virxe do Carmen, pedimos por todas as persoas que traballan no mar, para que a súa dura tarefa sexa sempre valorada, respectada e dignificada, OREMOS.
* Por cada unha e cada un de nós, para que a tempo e a destempo sexamos persoas sementadoras da Boa Nova de Xesús, OREMOS.
Señor, porque confiamos en Ti e na capacidade que nos deches de ser libres, agradecemos poder compartir esta oración comunitaria reuníndonos no teu nome e chamándonos a un compromiso real por non deixarnos levar da tentación do cómodo e fácil. P.X.N.S.

 

MIRADA ESPERANZADA

Sodes sementes do Reino plantadas na historia.
Sementes boas e tenras, cheas de vida.
Téñovos na miña man,
arrólovos e quérovos,
e por iso vos lanzo ao mundo: perdédevos!.
Non teñades medo a treboadas nin a secas,
a pisadas ou a espiños.
Bebede dos pobres e enchoupádevos do meu orballo.
Fecundádevos, rebentade,
non quededes enterradas.
Florecede, dade froito.
Deixádevos arrolar polo vento.
Sodes sementes do meu Reino!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...