QUE SEMPRE BUSQUEMOS ACOUGO BAIXO A SOMBRA DA VIÑA TRABALLADA
CANTOS
Entrada.- Vinde axiña ( 10 )
Lecturas.- Con tódalas criaturas ( 22 )
Ofertorio.- Grazas, Señor (34 )
Comuñón.- Ti es camiño ( 57 )
MIRADA AGRADECIDA
De viñas e viñedos van hoxe as lecturas que imos escoitar na celebración. Viñas e viñedos que nos invitan a traballar con paixón, compromiso, responsabilidade e alegría. Viñas e viñedos que non son carga escravizante, senón berce de acollida e descanso. Viñas e viñedos que a través e grazas ao noso traballo, se converterán en lugares onde descansar e atopar mans amigas no esforzo por non deixarnos levar nin da tristura nin do desacougo.
Que esta palabra de Deus que hoxe nos achega ata a sombra da viña, sexa tamén berce onde atopar acougo e esperanza.
PALABRA PROCLAMADA
· Porque non sempre somos quen de coidar a viña que puxeches nas nosas mans. SEÑOR, QUE A TÚA VIÑA SEXA BERCE DE ESPERANZA.
· Porque non sempre somos quen de prestar atención a tódalas mans que traballan na túa viña e nos precisan. CRISTO, QUE A TÚA VIÑA SEXA BERCE DE ESPERANZA.
· Porque non sempre facemos da uva da túa viña froito que axuda a acougar as sedes de tantos corazóns que o precisan. SEÑOR, QUE A TÚA VIÑA SEXA BERCE DE ESPERANZA.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Voulle cantar ó meu amigo a canción do meu amor á súa viña.
Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;
construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;
esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,
facede, por favor, de xuíces,
entre min e a miña viña.
¿Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?
¿Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
Pois agora vouvos dici-lo que lle vou facer á miña viña:
quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,
romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;
o cardo e maila silveira medrarán nela;
ós mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;
e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaí: sangue vertido.
Esperaba deles xustiza, e velaí: berros de auxilio.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES
Irmáns e irmás:
Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, todo o que sexa xusto, todo o que sexa enxebre, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar. O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz irá convosco.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós sumos sacerdotes e ós anciáns do pobo:
- Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñadores e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñadores, para cobra-las rendas. Pero os viñadores agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandóulle-lo seu propio fillo, dicindo para si: “O meu fillo hano respectar”. Pero os viñadores, ó veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa”. E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
- Ben, ¿e cando veña o señor da viña, que fará cos viñadores aqueles?
Respondéronlle:
- A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendarálle-la viña a outros viñadores, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
- ¿Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros
é agora o esquinal:
esa pedra colocouna o Señor,
¡que regalía para nós!?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. Palabra do Señor.
PALABRA REMOÍDA
· Preparemos as viñas . A imaxe da viña que acabamos de escoitar como fío condutor da palabra que esta mañá temos proclamado é unha imaxe suxestiva e chea de riqueza en maneiras de entendela e formas de concretala. Pero para que poida ser creativa, rexeneradora e chamada a dar froitos, é preciso que previamente a coidemos. Porque se non imos termando dela permanentemente, chegará un momento no que ou ben secará ou ben deixará de dar froito pola desatención. Por iso, todas e todos nós, que recibimos a invitación de ir traballar cada día na viña da vida, sen présa pero tamén sen pausa, estamos chamadas e chamados a esforzarnos co noso actuar, co noso xeito de comprometernos en cambiar o mundo para ben e para mellor, en non dar nunca ás costas a quen nos precise, en non converter nin a oración nin a vida de fe nun consume sen conexión con todo canto no noso día a día nos preocupa, nos alenta, nos fai dubidar ou nos reafirma neste camiñar ao abeiro de Deus. Traballemos para ir preparando a viña de xeito que nin seque nin deixe de dar froitos que nos aleden, animen e nos fagan sentir a alegría da fe compartida e confesada.
· Sen desacougar . E fagámolo sempre sen deixarnos vencer polo desánimo e o desacougo. É verdade que non é doado manter a constancia e o sentido e a coherencia da fe no noso día a dia. E non o é porque moito, non todo, do que nos rodea non son testemuños de esperanza e gozo para vivir a fe. O mesmo o ambiente no que nos movemos non é un ambiente que nos axude a sentirnos persoas comprendidas e recoñecidas como verdadeiras testemuñas de Xesús e valoradas pola nosa decisión de crer. E isto e así, mesmo moitas veces, dentro das nosas propias familias. Pero, como nos di hoxe Paulo na carta que lle escribe aos cristiáns e cristiás de Filipos, non ha levarnos a deixarnos vencer polo desacougo, o desánimo ou a tristura no vivir a nosa fe. Esta fe que recibimos como a mellor das herdanzas para que nos fose acompañando e dando sentido e horizonte de esperanza á nosa vida e ás nosas decisións.
· Que dea os mellores froitos . Se somos quen de manter esa forza da fe e sabemos poñela no centro do que nos move a tomar decisións que nos axuden a crecer en ser cada vez mellores coas demais persoas; en ser cada vez persoas máis solidarias e entregadas a facerlle ben a quen sabemos que nos precisas. Se somos quen de non deixar que ninguén nos afaste do coidado da viña, atoparemos nela a uva fresca e sempre saborosa da presenza de Deus como xugo que refresque e sacie as sedes, que tantas veces veñen ao noso corazón, e non nos axudan a seguir camiñando no coidado da viña. Fagamos o posible por non perder nunca o horizonte de quen é o seu dono. Fagamos o posible para que ninguén se apropie da viña nin con engano nin con mentiras. Fagamos o posible para que insistir unha e outra vez que a viña é do Señor, non dos señoritos que se queren facer donos dela. Pois só deixándonos guiar da man do Señor, saberemos coidala para que siga a dar, en nós, os mellores froitos.
ORACIÓN COMPARTIDA
O mellor dos viñateiros, Xesús, chámanos hoxe a coidar, que non a vender, a súa viña. Agradezamos a confianza posta en nós dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
· Para que sabéndonos Igrexa chamada a coidar a viña coa que Deus nos agasallou, saibamos termar dela e mantela afastada de quen a quere mercar para negociar con ela. Oremos. Señor, grazas por confiar en nós.
· Para que o Sínodo de toda a Igrexa, que se está a celebrar en Roma, non se deixe amedrentar polos que queren facer da viña non casa e berce onde acougar e sentir o alento da presenza do Señor, senón guetto de medo e poder. Oremos. Señor, grazas por confiar en nós.
· Para que nós, como traballadores e traballadoras da viña, afastemos dela aos mercardes que só se achegan para controlala e impedir que dea froitos que nos leven a vivir con alegría, esperanza e solidariedade a nosa vida. Oremos. Señor, grazas por confiar en nós.
Grazas por agasallarnos co viña, para que a coidemos e poida dar os mellores froitos para nós e para a casa común que con tódolos seres vivos compartimos. P. X.N. S. Amén.
ACOUGO INTERIORIZADO
Entra, Señor, e derruba os meus muros.
Que na miña cidadela asediada entren os meus irmáns e as miñas irmás,
as persoas amigas e tamén as inimigas.
Que entren todas, Señor da vida.
Que coman dos meus silos,
que beban das miñas cisternas,
que pazan nos meus campos.
Que se fagan cargo, meu Deus, do meu goberno.
Que poida darlles todo.
Que ergan a túa bandeira nas miñas ameas,
que fagan leña das miñas lanzas, converténdoas en podadeiras.
Que entren, Señor, na miña viña, que é a túa viña.
Que corten racimos, e mollen o teu pan no meu aceite.
E saciados de todo o teu amor, polo meu amor,
volvan a ti para servirte.
Entra, Señor, e rompe os meus muros. (Antonio Ordóñez, sj)
Comentarios