Ir al contenido principal

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA.- Eu sei de quen me fiei  ( 64)

o   LECTURAS.- Oh, Señor, escólleme ( 62 )

o   OFERTORIO.- Grazas Señor na mañá ( 34)

o   COMUÑÓN.-  Ti es camiño e verdade ( 57)

 

Sinal de Coresma.- Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.

 

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

            As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe.

No evanxeo de hoxe escoitaremos como Xesús se anoxa diante daqueles que converteran o templo nunha tenda de compra venta, e reacciona facendo unha afirmación que nunca deberiamos esquecer: “non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio”. Aprendamos logo a non mercadear a fe, porque a Deus nin o podemos comprar nin utilizar segundo a nosa conveniencia; a Deus só podemos escoitalo, acollelo e seguilo.

Que nesta coresma, na que se nos invita a recompoñer os corazóns rotos, saibamos curar feridas sen mercadear coas persoas.

 

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

o   Porque non acabamos de achegarnos e tender a man a tantos corazóns rotos que temos ao noso redor; SEÑOR, QUE SEXAMOS CORAZÓN AQUECIDO.

o   Porque precisamos recompoñer a nosa vida das dores e fracasos que nos chegan; CRISTO, QUE SEXAMOS CORAZÓN AQUECIDO.

o     Porque caemos na tentación de pretender comparte con cartos, cando ti só nos pides confianza; SEÑOR, QUE SEXAMOS CORAZÓN AQUECIDO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

O Señor pronunciou estas palabras:

‑"Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.

Non terás xunto comigo outros deuses.

Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra. Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos. Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por tódalas xeracións.

Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ó que pronuncia en van o seu nome.

Pensa no día do sábado, para o faceres día santo. Traballarás seis días na semana, e neles fara-la túa tarefa. Pero o día sétimo é sábado, dedicado ó Señor o teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou. Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.

Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor teu Deus che dá.

Non matarás.

Non cometerás adulterio.

Non roubarás.

Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.

Non cobizara-la casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu xumento, nin nada de canto é seu". Palabra do Señor

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

 Os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; pero nós predicamos un Mesías crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns é unha loucura. Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus. Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes. Palabra do Señor

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Estaba a chega-la Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mailos cambistas, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambistas; e ós que vendían as pombas, díxolles:

‑Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".

Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:

‑¿Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:

‑Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Replicáronlle os xudeus:

‑Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.

Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home. Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

o   Israel tiña claro que o Deus no que confiaban era o mesmo que acompañara aos seus antepasados na dureza da estadía en Exipto e ao longo de todo o camiño de volta ata a súa terra, a “terra prometida”. O que ocorría era que namentres as cousas non ían ben, non deixaban de dirixirse a Deus pedindo axuda, pero cando a cousas ía estupendamente, rápido esquecían a presenza de Deus, a compaña de  Deus, a fidelidade a Deus. Sabendo desta debilidade Deus Pai proponlles un camiño para que o vaian facendo desde a fidelidade e a confianza: renova a Alianza desde o binomio do amor a Deus e o amor ao próximo. O que supón descubrir que nin todo vale nin todo está ao mesmo nivel, senón que a palabra dada, as conviccións, a fidelidade e a esixencia son fundamentais, inda que custen, para que sexamos felices e mellores, para nós e tamén para as demais persoas. Non o esquezamos. Os mandamentos non son letras fixas e frías, senón camiño que se nos invita a percorrer para ir gañando felicidade xunto caos demais persoas.

o   Paulo centra todo este camiño na persoa de Xesús. E así llelo transmite aos cristiás e cristiáns de Corinto. Só en Xesús ten sentido e plenitude a vida de quen quere seguilo e vivir desde os eu proxecto de vida. De xeito que, para acadalo, haberá moitas veces que recompoñer o camiño, volver comezar, asumir que inda que nos sabemos débiles, tamén somos capaces de esforzarnos e cambiar. E todo desde o seguimento de Xesús, aquel que pasou facendo o ben e acollendo. Paulo non mercadea coa fe, fálalles de Cristo. E nós? Preferimos comprar a vontade de Deus que esforzarnos por superar xenreiras e construír solidariedades?

 

o   Xesús teno claro: se había algo que o incendiaba de verdade era o intento de manipular a Deus desde criterios de utilidade e mercantís. Porque El ben sabía que Deus é amor xeneroso e entregado, non tendeiro que cobra taxa polos favores pedidos. Se para Xesús estaba claro, por que non sempre o está para nós? Porque unha cousa é axudar ás necesidades da comunidade, a solidariedade con quen o precisa, e outra moi distinta pretender comparar/vender a Deus segundo o noso interese persoal e particular. Deixemos logo que esta palabra que hoxe vimos de escoitar nos axude a non crear hipermercados do relixioso e si comunidades aquecidas que comparten, celebran, viven e se saben necesitadas do agarimo e amizade das cantas e cantos as compoñen/compoñemos. Sexamos logo templo de Deus que nos leve a estar ao lado de tantos corazóns rotos que nos precisen.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Na gratuidade do Deus que sempre acompaña a nosa oración dicimos: 

QUE SEMPRE AGRADEZAMOS O DON DA FE.

o   Para que sexamos unha Igrexa xenerosa, solidaria e misericordiosa. Oremos.

o   Para que saibamos construír comunidades onde nos queiramos, nos axudemos e saibamos colaborar en accións comunitarias. Oremos.  

o   Para que nós non nos deixemos vencer pola tentación de facer da fe mercadeo con Deus, porque El non compra nin vende, simplemente acolle. Oremos . 

Grazas, Señor, por acompañarnos nesta conversión do corazón ao que nos invitas nesta coresma. P.X.N.S Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

O éxodo da escravitude á liberdade non é un camiño abstracto. Para que a nosa Coresma sexa tamén concreta, o primeiro paso é querer ver a realidade. Cando na silveira ardente o Señor atraeu a Moisés e falou con el, inmediatamente revelouse como un Deus que ve e sobre todo escoita: "Vin a opresión do meu pobo que está en Exipto e oín os seus gritos de dor, provocados polos seus capataces. Si, coñezo moi ben os teus sufrimentos. Por iso baixei para libralo do poder dos exipcios e para levalo daquel país a unha terra fértil e espazosa, a unha terra onde mana leite e mel” (Ex 3, 7-8). ( Francisco. Mensaxe de coresma 2024) 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa