ESQUEMA
FÓRA DO TEMPLO
SAÚDO
PROCLAMACIÓN DA PALABRA (Mc 11, 1-10) BENDICIÓN DOS RAMOS
CANTO PROCESIONAL: Ti es camiño e verdade (Nº 57)
DENTRO DO TEMPLO
ORACION COLECTA ACOLLAMOS A SÚA PALABRA
PASANDO A PALABRA POLA NOSA VIDA CREDO
AGRADECENDO O CAMIÑAR COMPARTIDOOFERTORIO: Xurdirá (Nº 128)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50) AGRADECENDO A FE COMPARTIDA BENDICIÓN
Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.
SAÚDO DE QUEN DIRIXE A CELEBRACIÓN
O amor de Deus sempre é xeneroso e sen fronteiras. Para achegarnos a El non precisamos nin pasaporte nin carné de identidade, porque as súas mans están sempre abertas e dispostas a acoller e a deixarse sentir con tenrura e agarimo. Desde este amor e esta acollida estamos hoxe aquí fóra para comezar a camiñar cara á Pascua de resurrección. Unha camiñada na que atoparemos dificultades e atrancos; pero tamén alento e compaña a través da presenza da comunidade reunida para compartir e celebrar o inicio desta andaina sinodal e participativa. Dispoñámonos logo a comezala.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos dicíndolles:
- Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ó que entredes, ides atopar
atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta".
Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
- ¿Que facedes aí desatando o burriño?
Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
- ¡Hosanna! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Bendito o reino
do noso pai David que chega! ¡Hosanna no ceo!
PALABRA DO SEÑOR
Bendición DOS RAMOS
Señor, imos comezar este camiño cara a Pascua. Facémolo bendicindo estes ramos e palmas que hoxe traemos as persoas que participamos da celebración.
Sabendo que Ti tamén queres acompañarnos nesta andaina, pedímosche que a túa bendición se faga presente entre nós, para que sexamos testemuñas de unión e colaboración, de xeito que construamos comunidades que sexan berces de solidariedade, entendemento e diálogo.
Bendí + estes ramos e palmas, cos que mostramos que comezamos o camiño que nos leva a participar comunitariamente de Semana Santa.
P. X.N.S. Amén.
(Ao remate da bendición, comezamos a procesión cara á igrexa cantando)
CANTO PROCESIONAL
1. Ti es camiño e verdade, Ti es a vida, Señor a carón teu atopamos luz, agarimo e calor.Aquí vimos confiados, aquí chegamos, Señor.
Aquí comemos teu corpo, sinal de agarimo e amor.
2. Ti coidas dos paxariños, dás ás flores linda cor; da túa man agardamos canto nós temos, Señor.
3. Ti acaricias os nenos, na praia escolles a Xoán.
Deixa, Señor, que á túa beira sempre poidamos estar.
4. Polos camiños da vida quen queira seguro andar, veña beber deste viño, veña comer deste pan.
ORACIÓN COLECTA
Fai crecer, Señor, a fe das persoas que esperamos en Ti e escoita as oracións dos que a ti acudimos; para que ao erguer hoxe os ramos e as palmas en honor de Cristo vitorioso, permanezamos nel dando froito abundante de boas obras. P.X.N.S. Amén.ACOLLAMOS A súa PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA DE PAULO AOS FILIPENSES
Irmáns e irmás:
Facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea. Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el. Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros.
Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús.
El, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus; senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición
de escravo; fíxose un home normal e presentouse coma tal. Abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor.
PALABRA DO SEÑOR
CANTO: As túas palabras, Señor, son espírito e vida (Nº 113)
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS
Á mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mailos letrados -todo o Sanedrín-, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
Pilato preguntoulle:
- Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
- Ti o dis.
E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Pero Pilato volveulle preguntar:
- Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilato. Polas festas tiña o costume de soltar o preso que lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclama-lo indulto tradicional. Pilato respondeulles:
- Queredes que vos solte ó rei dos xudeus?
Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás. Pilato respondeu:
- E que fago eu con ese ó que lle chamades rei dos xudeus? A xente volveu berrar:
- Crucifícao! Pilato replicou:
- Pero, que mal fixo?
Mais eles berraban máis forte:
- Crucifícao!
E Pilato, para compracer ó pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados, levárono para dentro do pazo do gobernador, é dicir, do Pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla. Empezáronlle a facer saúdos:
- Saúde, rei dos xudeus!
E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.
Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira -o pai de Alexandro e de Rufo- e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes para saber o que lle tocaba a cada un.
Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
- Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días!
Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
- Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora, Xesús berrou moi forte:
- Eloí, Eloí, lamá sabactaní (que quere dicir: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches").
Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:
- Oístes? Está chamando por Elías.
E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:
- Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo. Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.
O veo do Templo rachou en dous de arriba abaixo. O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ó morrer, dixo:
- Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.
PALABRA DO SEÑOR
PASANDO A PALABRA POLA NOSA VIDA
• Poñerse en camiño: Comezabamos fóra e invitábasenos a romper as comodidades de quen non quere moverse para irnos poñendo en camiño. Un camiño que quere ser imaxe da vida de cada unha e cada un de nós. Si, porque poñerse en camiño chama a desinstalarnos, a vencer a nosa preguiza, a saír das nosas zonas de conforto, a facer da vida non rutina e si creatividade e novidade. Claro que isto é doado dicilo, pero non é nada doado facelo, porque as nosas canseiras moitas veces quítannos as forzas para continualo, para loitar contra os atrancos que iremos atopando, para perder os medos e apostar por seguir cara adiante. En fin, o camiño, sendo logo metáfora da vida, temos que ilo facendo paso a paso e sen présa, pero tamén sen pausa; ilo facendo cando sae o sol e todo o vemos moi ben e con alegría, pero tamén cando atopamos nubes, chuvia ou neve convertidas en tristura, desesperanza ou desilusión, que nos dificultan poder avanzar. Pero non por iso debemos abandonalo. Por iso este tempo que chamamos Semana Santa, que non vacacións de primavera, quere ser unha chamada a aprender a valorar que é o importante e que é o secundario neste camiñar, de xeito que poidamos chegar, coa mesma ilusión coa que comezamos, á meta da pascua esperanzada da resurrección de Xesús.
• Un camiño no que non imos sos: Neste camiñar que hoxe comezamos non imos sos. Sentimos a presenza de Xesús ao noso lado, á vez que sabemos tamén descubrir os rostros, convertidos en vidas, das persoas da nosa comunidade que, coma nós, tamén queren camiñar a pesares das dificultades que tamén irán/iremos
atopando. Sabelo ten que ser para nós estímulo de que nos precisamos, que todas e todos somos necesarios, inda que non imprescindibles, que tendo a Cristo como eixe de luz na vida, como acabamos de escoitar na lectura de Paulo, descubrimos que se nos invita a esforzarnos por entendernos, querernos e axudarnos, de xeito que o noso testemuño do que hoxe celebramos sexa crible e poida transmitir honestidade e sinceridade. Porque só así, terá sentido comezar esta andaina comunitaria que hoxe nos leva a cantar o hosanna da alegría.
• Un camiño que remata na mesa Eucaristía: E todo camiño ten unha meta, un horizonte, un destino, e este non pode ser outro máis que a mesa da Eucaristía; mesa de encontro trinitario e fraterno, pero tamén mesa de comunidade reunida e animada para non deixarse levar nin do derrotismo nin da tristura. A mesa da Eucaristía a onde nos leva este camiño, pasa pola dureza do camiñar, pero supéraa porque nos fai sentir a alegría do pan compartido para seguir alimentando as nosas vidas e as nosas esperanzas. Vidas e esperanzas que teñen nome: dignidade recoñecida sen distincións de persoas, solidariedade para quen nos precisa, preto ou lonxe; compromiso pola verdade e loita contra a inxustiza, e sempre, sempre mirada de fraternidade para con quen pensa e actúa distinto a nós.
AGRADECENDO O CAMIÑAR COMPARTIDO
Compartimos agora, Señor, a nosa oración comunitaria. Facémolo sabendo que Ti sempre acompañas o noso camiñar, por iso che dicimos:
• Queremos, Señor, ser Igrexa en comuñón que aprende a camiñar sinodalmente, sen caer na tentación do individualismo. OREMOS.
GRAZAS POLO TEU LATEXO DE MISERICORDIA
• Queremos, Señor, camiñar cara á Pascua desde a túa invitación a tender as mans a quen o precise e acompañar a quen se sente só. OREMOS.
GRAZAS POLO TEU LATEXO DE MISERICORDIA
• Queremos, Señor, vivir a nosa fe con alegría, creatividade e sen medos. OREMOS.
GRAZAS POLO TEU LATEXO DE MISERICORDIA
Grazas, Señor, por esta invitación a deixarnos acompañar polo teu latexo misericordioso ao noso carón. P.X.N.S. Amén.
AGRADECENDO A FE COMPARTIDA
Grazas Señor pola oportunidade que me regalas e nos regalas,
cada día, para vivir, para soñar, para escribir, para ser feliz e facer felices aos demais.
Permite que a túa bendición chegue ás persoas que máis o necesitan. Agasállanos cun corazón limpo e sincero, con capacidade de latexar coa tenrura da túa acollida. Grazas, Señor, por invitarnos a comezar o noso camiño cara á Pascua. Amén
Comentarios