Ir al contenido principal

4 Coresma B 2024

UN CORAZÓN ROTO TI, SEÑOR, NON O DESPREZAS

SINAL DE CORESMA

Colocamos a cuarta parte do corazón

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)
  • LECTURAS: Arrepentido (Nº 13)
  • OFERTORIO: Eu soñei (58) 
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ESPERTANDO Á RÚAH

Neste domingo de Coresma, pasado xa o ecuador, invítasenos a dar vida, a poñer paz, servizo, alegría, fe, unión, amor...desde a cruz. Si, porque hoxe somos convidadas e convidados a volver os nosos ollos, coma Nicodemo, cara á cruz para descubrir que non todas as cruces son salvadoras. Hai cruces inevitables (certos momentos, climas, traballos...) que debemos asumir. Hai cruces que che endosan (en forma de calumnia, illamento, contaxio....) que temos que evitar. Hai cruces que te atrapan (cartos, poder, fama, envexa....) e das que temos que fuxir.
Porén, hai unha cruz que temos que admirar e coa que podemos e debemos cargar: a que procura que as persoas non teñan cruces, a que axuda a levar a cruz, a que sufre porque ama e sente coma súa propia a dor dos demais. Esta é a cruz de Xesús que hoxe se nos invita a mirar. Esta é a cruz que dá vida, a cruz que nos salva.

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

· Fáltanos amor e sóbranos prepotencia, SEÑOR, QUE NUNCA NOS ESQUEZAMOS DE TI.
· Fáltanos compromiso e sóbranos palabrería, CRISTO, QUE NUNCA NOS ESQUEZAMOS DE TI.
· Fáltanos confianza e sóbrannos medos, SEÑOR, QUE NUNCA NOS ESQUEZAMOS DE TI

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO SEGUNDO LIBRO DAS CRÓNICAS
As autoridades de Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, imitando as abominacións dos pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.

O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía mágoa do seu pobo e da súa morada; pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo. Incendiaron o templo, derrubaron a muralla de Xerusalén, prenderon lume a todos os seus palacios e esnaquizaron todos os obxectos de valor. Levou consigo desterrados a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus descendentes ata o triunfo do reino persa. Cumpriuse así o que anunciou o Señor a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo desolada, ata cumprirse setenta anos.
O ano primeiro de Ciro, rei de Persia, o Señor, para cumprir o que anunciara por medio de Xeremías, moveu a Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino:
- "Ciro, rei de Persia, decreta: O Señor, Deus do ceo, entregoume todos os reinos da terra e encargoume construír un templo en Xerusalén de Xudá. Todos os dese pobo que viven entre nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS EFESIOS
Irmás e irmáns:
Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo e resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, para mostrarlles ós séculos vindeiros a rebordante riqueza da súa graza, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús. Porque vos salvaron por gracia, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos. Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facérmo-lo ben no que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Dille Xesús a Nicodemo:
Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

A historia de Israel, como seguramente tamén a nosa, é unha historia de idas e voltas, de pecado e conversión. A primeira lectura de hoxe fainos un resumo desta historia, referente ao tempo do desterro a Babilonia. A infidelidade de Israel, desde os xefes e sacerdotes ata o pobo. foi enorme. Aquela alianza que de xeito tan solemne firmaron e prometeron cumprir con Moisés á saída de Exipto e que lembrabamos o pasado domingo, xa a esqueceran. Israel abandonou ao seu Deus e fíxose outros deuses máis cómodos, desoíndo os avisos que lle enviaron. E chegou o desterro, experiencia amarga “á beira dos ríos de Babel sentabamos e chorabamos”. Tamén no mundo rico e satisfeito en que estamos a vivir, é frecuente a experiencia de Babilonia. O Deus de Xesús ten pouco sitio nun mundo no que a vida non é especialmente dura nin complicada. Daquela, só uns poucos nostálxicos están a ter saudade dun mundo distinto. E mesmo ás veces ten máis que ver co volver a un pasado que xa non vai ser que con gañar un futuro para todos desde o corazón de Deus, un mundo máis xusto e habitable, onde houbese un sitio para o Deus da vida e da liberdade. E nós, estamos dispostos a buscar os signos da súa presenza máis alá da nosa parroquia, alén das nosas seguridades?. 

Pero a experiencia da vida que vén de Deus, de ter unha oportunidade nova para volver a empezar, non é só cousa do pasado. Paulo descubre que moito antes de que nós estivésemos a buscar a vida e a liberdade, mentres estabamos a vivir do pecado, Deus andaba a procurar para nós unha vida de alegría e de esperanza. O amor de Deus supera o noso mal, e por iso nos entregou a Xesús, para que tivésemos unha vida en plenitude, chea de amor e de confianza. Se estamos a ver só o negativo, o que falta para acadar a plenitude, estamos aínda no tempo do pecado, no tempo en que a vida anda coxa ou baleira. En troques, se andamos a procurar a parte positiva das cousas, o que agroma e medra cada día, estamos da parte da resurrección e da vida. Como persoas e como Igrexa ¿de que lado estamos?
Moisés levantara unha serpe no deserto como menciña para curar aos que foran mordidos. Xesús tamén foi levantado do chan, como signo para a nosa vida. El é para nós cátedra de sabedoría, lección maxistral, menciña e remedio dos nosos males. Na cruz de Cristo entendemos que significa o amor de Deus e que resposta espera de nós. Tamén El pasou polo sufrimento e pola morte: para ensinarnos que non está na nosa man escapar da morte. Pero está en nós a posibilidade de enchela de terror e de espanto ou de tomala como unha oportunidade para darlle sentido a cada cousa que vivimos. Quen vive das obras da luz quere que chegue o día novo para camiñar na luz. Quen anda nas tebras da noite quere que a noite non acabe, para seguir descamiñado. Por iso nós queremos erguer unha nova esperanza no medio dun mundo desesperanzado que busca o sentido da vida en ter cada día máis, en vez de ocuparse cada vez máis en sentir a Deus e facer posible o seu reinado de fraternidade e de amor.

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Señor, ti acompáñasnos no camiño da coresma e queres o mellor para nós, por iso dicimos confiados:
QUE SEMENTEMOS VIDA
Pola Igrexa, para que non teña medo a entrar en diálogo coa sociedade e as súas manifestacións, valorando o positivo que teñen e unindo esforzos para poñer vida onde hai morte, OREMOS:
Polas nosas comunidades, para que teñan espírito crítico e renovador, comezando por si mesmas e rexeitando todas as actitudes que produzan medo, dor, exclusión social, marxinalidade, infelicidade, OREMOS.
Por nós, para que neste camiño da coresma, descubramos a presenza do Señor que nos invita ser persoas solidarias, entregadas na construción dun mundo mais xusto e fraterno, OREMOS:

Grazas, Señor, por alentarnos e facer de nós persoas espertas. Mantennos no camiño con ánimos renovados. PXNS.

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

A través das tebras que nos rodean,
condúcenos Ti sempre máis adiante.
A noite é escura e estamos lonxe do fogar.
Guía os nosos pasos torpes e vacilantes.
Nós non gardamos sempre a alianza,
non rezamos sempre para que ti nos conduciras.
Desexabamos escoller e ver o noso camiño,
botamos en falta os días de gloria,
aqueles nos que o orgullo dirixía a nosa vida e era o noso querer...
Señor, non te lembres deses anos que pasaron xa.
O teu poder bendiciunos tan grandemente
que saberá conducirnos ata que a noite pase
e nos sorrían as luces do novo día.
Guíanos Ti, Señor.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...