Ir al contenido principal

33 domingo TO 2023

Coidar a facenda encomendada

Cantos

Entrada.- Que ledicia miña (4) 

Lecturas.- Benaventurados (119)

Ofertorio.- Ti e-lo pan do ceo (54)

Comuñón.- No colo da miña nai (49) 

Mirada de  acollida

         De talentos vai o Evanxeo de hoxe; os talentos que Deus nos outorga a cada unha e cada un de nós para que os poñamos e render. O Evanxeo como boa noticia é sempre invitación a superar a pasividade para non deixarnos  levar da preguiza nin da rutina. Esforzarnos, non ter medo a comezar as veces que faga falta, de non deixarnos levar do desalento, de  facer da nosa vida de fe rutina ou desacougo, é tarefa na que nós imos concretando que os noso talentos están a render.

       A celebración de hoxe é logo un bo momento para poñer o mellor de cada unha e cada un de nós para que, acollendo todo canto temos recibido como don, o convertamos en experiencia verdadeiramente comunitaria e celebrativa, de xeito que os nosos corazóns aquezan en esperanza e participación.

 

Corazón de misericordia

·      Por tódolos talentos desprezados e non postos a render. Señor, aquécenos o corazón.

·      Pola nosa falta de ilusión e alegría.  Cristo, aquécenos o corazón.

·      Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos. Señor, aquécenos o corazón.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

 

Unha muller xeitosa ¿quen a atopará?:

o seu valer supera o das perlas.

O seu marido pon nela a confianza

e non lle han faltar ganancias;

procúralle felicidade, e non desgracia,

tódolos días da súa vida.

Consegue lá e liño,

e traballa gustosa coas súas mans;

Bota as mans á roca

e os seus dedos manexan o fuso.

Tende a palma ó indixente

e achega as súas mans ó mendigo.

A gracia engana e a fermosura esvaece:

só a muller que teme ó Señor merece ser loada.

¡Que falen por ela as obras das súas mans,

e os seus feitos lle dean honra na praza! Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

 

Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar. Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.

Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e manteñámo-lo propio control. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos esta parábola:

É coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e déulle-lo coidado da súa facenda. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.

De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.

O cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a desfrutar da festa do teu señor". Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei". E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a desfrutar da festa do teu señor".

Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí te-lo que é teu". Pero o señor respondeulle: "¡Mal criado, lacazán! ¿Conque sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois, poñía-los meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía colle--los cartos e mailos intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. Porque ó que ten, háselle dar e abondo; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mailo renxer dos dentes". Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

·      Saber facer da nosa vida sentido, compromiso, esforzo e diálogo vainos preparando para facerlle fronte a tódalas situacións e momentos, difíciles algúns e doados outros, aos que debemos de responder ao longo da vida. Porque unha vida que só sabe camiñar na rutina, e que non é capaz de desenvolverse con confianza e sen medo; que non fai o esforzo por non deixarse levar do de “sempre”, e se ve incapaz de apostar polo novidoso, estimulante, renovador e creativo, acaba sendo unha vida pobre e empobrecida. Porén, a primeira lectura que vimos de escoitar móstranos como o camiño do traballo, do esforzo, de superar atrancos e dificultades é unha vida que vai camiñando cara a plenitude. E que importante é ter isto en conta neste momento na nosa sociedade!, que importante é saber responder aos novos retos que coma crentes se nos van presentando cada día; que importante é manter viva a capacidade de ilusionar e ilusionarnos coas cousas novas que van xurdindo para facernos a vida mais doada e feliz! Traballemos logo, sen deixarnos abater polas dificultades, para que a nosa vida sexa unha vida chea de proxectos, ganas, esforzos e ilusións, porque será indicio de que non camiña soa. Deus vaise facendo presente nela alentándoa e acompañándoa.

 

·      E para iso é fundamental saber aproveitar todos e cada un dos talentos que Deus vai poñendo en Nós. E inda que as veces digamos ou pensemos o contrario, todas e todos nós temos talentos; todas e todos nós temos capacidades; todas e todos nós somos alguén  e non algo. E iso é posible vivilo e sentilo porque Deus é referencia fundamental no camiñar cotián. Porque Deus non desaparece do noso universo de ideas, feitos, pensamentos e conviccións. El é quen a vai alentando e desenvolvendo para que poida sentirse plena. E isto é así porque na liberdade na que El nos creou, foi poñendo talentos para que rendesen a nivel persoal e comunitario; talentos que nos levan a poñernos en contacto e relación coas demais persoas; talentos que mostran que, se poñemos esforzo e ganas, podemos facer da nosa vida e da de aquelas persoas que están ao noso redor, unha experiencia de alegría compartida chamada a facer da participación solidariedade no ben común.

 

·      Non deixemos logo que o medo, como lle pasou ao criado do evanxeo, nos paralice, nos inhiba, nos incapacite ou desalente. Porque cando isto ocorre, nada do que Deus quere para nós é posible. E isto ocorre moitas veces nas nosas comunidades cristiás cando non nos animamos a colaborar, cando non facemos o posible para crecer interiormente, cando a espiritualidade a reducimos a ritos e costumes, cando nos negamos a aceptar, acoller e potenciar os talentos que Deus nos ofrece para poñelos aos dispor de todo canto nos faga máis felices, máis participativos, máis alegres, máis testemuñas do proxecto de Xesús.El non cansaba de escoitar, de acoller, de buscar o que unía e fortalecía as relacións entre os que o acompañaban e escoitaban. Fagamos nós entón, seguindo este mesmo vieiro do mestre, da nosa vida unha tarefa permanente de facer que os talentos recibidos dean o mellor de si. A escusa, a rutina, o autoritarismo, a falta de espírito crítico... non fan máis que poñernos de costas á confianza que Deus puxo en nós. Non enterremos os talentos evitando que rendan para que sexamos mellores persoas e conformemos mellores comunidades!

 

Oración compartida

         Un dos talentos que Deus pon en cada unha e cada un de nós é o da oración , fagamos logo dela unha experiencias comunitaria e compartida dicindo: Señor, grazas por confiar en nós.

·      Para que sexamos unha Igrexa viva, aberta, ilusionada e con capacidade de ilusionar. Oremos. Señor, grazas por confiar en nós.

 

·      Para que nos esforcemos en ser comunidades capaces de romper coa rutina, o desleixo e o costume. Oremos. Señor, grazas por confiar en nós.

 

·      Para que a nosa vida sexa capaz de renovarse e crecer para que , sentíndonos orgullosos da nosa fe, saibamos testemuñala desde o compromiso coas persoas máis pobres e a acollida de quen non pensa coma nos. Oremos. Señor, grazas por confiar en nós.

Grazas, Señor, por esta invitación que hoxe nos fas de poñer os nosos talentos aos servizo da alegría compartida e da paz construída con esforzo. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

Esperanza celebrada

A Igrexa está chamada a ser sempre a casa aberta do Pai. Un dos sinais concretos desta apertura é ter igrexas coas portas abertas por todas partes. Así, se alguén quere seguir un movemento do Espírito e achegarse na procura de Deus, non atopará a frialdade dunha porta pechada. Pero hai outras portas que tampouco se deben pechar: todos poden participar dalgún xeito na vida eclesial, todos poden formar parte da comunidade, e nin sequera as portas dos sacramentos deben pecharse por ningún motivo. Isto é especialmente certo cando se trata dese sacramento que é a “porta”: o bautismo. A Eucaristía, aínda que constitúe a plenitude da vida sacramental, non é unha recompensa para os perfectos, senón unha medicina xenerosa e alimento para os débiles[51]. Estas conviccións teñen tamén consecuencias pastorais, que estamos chamados a considerar con prudencia e audacia. Moitas veces actuamos como controladores da gracia máis que como facilitadores. Pero a Igrexa non é unha alfándega; É a casa paterna, onde hai espazo para todos coa súa vida atarefada.     Evangelii gaudium 47)

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

 

 

Unha muller xeitosa ¿quen a atopará?:

o seu valer supera o das perlas.

O seu marido pon nela a confianza

e non lle han faltar ganancias;

procúralle felicidade, e non desgracia,

tódolos días da súa vida.

Consegue lá e liño, e traballa gustosa coas súas mans; Bota as mans á roca e os seus dedos manexan o fuso.

Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo.

A gracia engana e a fermosura esvaece: só a muller que teme ó Señor merece ser loada.

¡Que falen por ela as obras das súas mans, e os seus feitos lle dean honra na praza! Palabra do Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo CANTOS Entrada.-  Camiñarei  (  )          Lecturas.-  As túas palabras Señor son espírito e vida  (  )          Ofertorio.-  Recibe, Señor  (   )          Comuñón.-  No colo de miña nai  (  ) OÍDO Á ESPREITA          Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O  Deus Pai ,  Fillo  e  Espírito Santo móstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.          Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamo