A MISIÓN COMEZA CUNHA FESTA
CANTO GOZOSO
ö ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
ö LECTURAS: Como che cantarei (Nº 28)
ö OFERTORIO: Acharte presente (Nº 51)
ö COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)
ESCOITA ACTIVA
Despois do tempo de Advento e de Nadal, hoxe ábrese diante nosa un novo capítulo co comezo do tempo ordinario que nos acompañará ata a Coresma. Mais o tempo ordinario, o de todos os días, é tamén tempo de graza no que temos que descubrir a presenza de Deus no que facemos alí onde estemas. E a súa é unha presenza sempre alegre e esperanzada. Xesús comeza a súa misión, e faino no contexto dunha festa, dunha voda. El achégase para cambiar a auga da mediocridade, da inxustiza, do abuso e da mentira no viño novo de xustiza, creatividade, coherencia e misericordia. Un Deus que nos bendí cos seus dons, cos talentos que pousa no noso corazón e que non son para enterrar, senón para poñer ao servizo do ben común.
“Facede o que El vos diga”. Que as palabras de María que imos proclamar no evanxeo de hoxe nos poñan en disposición de escoitar, celebrar e vivir unha Palabra sempre actual.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
* Porque nos falla constancia, e rapidamente tiramos a toalla, deixándonos vencer pola apatía, a desesperanza e a indiferenza, SEÑOR QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
* Porque moitas veces vivimos a nosa fe de xeito triste e aburrido, esquecendo que o Venres Santo deixa paso á Pascua de resurrección, CRISTO, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
* Porque a diferenza de María, non somos persoas discretas, senón que nos gusta presumir do ben que facemos, SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
O AGASALLO DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Por Sión non quedarei en silencio,
e por Xerusalén non ficarei quedo,
ata que a súa xustiza saia como un resplandor
e a súa salvación alume coma unha lámpada.
Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria,
chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.
Serás coroa preciosa na man do Señor
e turbante rexio na palma da man do teu Deus.
Non se che volverá chamar "Abandonada",
nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",
senón que a ti se che chamará "Ti e-lo meu amor"
e á túa cidade se lle chamará "A casada".
Si, o amor do Señor estará en ti,
e a túa cidade casará.
Como casa un mozo cunha virxe,
así casará contigo o teu Construtor.
O gozo que sente o noivo pola noiva,
sentirao o teu Deus por ti. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMAIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aquel outro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:
‑Non che teñen viño.
Replicoulle Xesús:
‑Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
Súa nai díxolles entón ós servidores:
‑Facede o que el vos diga.
Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
‑Enchede de auga as tinas.
Eles enchéronas de todo.
Díxolles entón:
‑Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:
‑Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.
Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos. Palabra do Señor.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
· Hoxe imos de voda. Si, así é, porque tanto a primeira lectura do profeta Isaías coma o evanxeo de Xoán que vimos de proclamar fálannos de vodas. É este un símbolo frecuente para expresar a alianza de Deus co seu pobo, no sentido de canto ten de festa, de compromiso, de entrega, de vida en común. Agora ben, o relato das vodas de Caná vai máis alá, pois quere expresar o paso da antiga alianza á nova, o paso da relixiosidade dos xudeus á relixiosidade de Xesús. En tempos de Xesús, a relixión xudía chegara a unha degradación total. A relación de Deus co seu pobo, que os profetas describiran coma un namoramento apaixonado ou coma a tenrura dun namorado coa súa amada, convertérase nunha manchea de ritos e cerimonias, repetidos unha e mil veces. Os seus dirixentes e os seus pensadores presentaban unha imaxe de Deus, máis que xusto, xusticeiro, dedicado en exclusiva a vixiar se os seus servos cumprían as moitas leis que lles dera. Solución: participar cantas máis veces mellor nas cerimonias que se celebraban no templo para pedir perdón ao Señor e realizar na casa unha e outra vez os ritos e lavados de purificación prescritos na lei relixiosa. Por iso no centro do relato evanxélico de hoxe sitúanse as tinas de cen litros de capacidade destinadas a conter auga para uso relixioso. Por iso se transforma a auga en viño, porque comezou unha situación nova, unha relixión nova, unha alianza nova. As tinas de pedra son sinal da relixión antiga: aquela relixión non servía nin tan sequera para lograr o que os seus dirixentes dicían que era obxectivo da práctica relixiosa: conseguir e conservar a pureza, resultar agradable a Deus. Pasaron os anos, os séculos... e a realidade é que seguimos tendo as tinas de pedra cheíñas da auga do desencanto, da mediocridade, da falla de compromiso, da desesperanza, da rutina...... Pasaron os anos, os séculos.... e a realidade é que seguimos sen entender a nosa relación con Deus coma unha voda, coma unha festa, coma ledicia, senón coma un funeral, coma unha pesada carga sobre os nosos ombreiros, coma un fardo que nos resulta difícil de transportar. Pasaron os anos, os séculos.... e a realidade é que seguimos prostituíndo e desvirtuando a imaxe de Deus, presentándoo coma un ogro ao que hai que ter contento para que non nos devore, coma un castigador ou coma un espía da nosa vida. Pasaron os anos, os séculos, e seguimos sen decatarnos de que Xesús pode transformar a auga da nosa vida en viño novo de comprensión, de misericordia, de paz, de xustiza, de compromiso, de igualdade.... e todo desde o amor e respectando sempre a nosa liberdade. Pasaron os anos, os séculos, e seguimos escribindo nas vellas táboas de pedra, do cumprimento e da obediencia cega, sen decatarnos de que a nova lei, o amor, está inscrita nos nosos corazóns. Pasaron os anos, os séculos....e a solución que seguimos propoñendo é a mesma: culto baleiro, rixidez doutrinal, frialdade de ritos afastados da vida real.... Que nos pasa?.
· E María... estaba alí. Unha vez máis. Ela é, malia quen lle pese, a que fai a transición entre o antigo e o novo, entre o pasado e o futuro que xa é realidade, entre a auga e o viño. A súa sensibilidade, o seu saberse pór no lugar da outra persoa, a súa dispoñibilidade será a que saque do apuro a aquela parella que calculara mal o viño necesario para a festa da súa voda. “Facede o que el vos diga”. Así lle dixo aos servidores da voda e así nos di hoxe a nós. Porque o importante xa non son as táboas de pedra da lei antiga, senón a nova lei do amor inscrita nos nosos corazóns quentes e misericordiosos. Xesús é o noso guieiro, é a El a quen temos que seguir. Se deixamos que toque a nosa vida, esta encherase de sentido e a nosa auga insípida converterase en viño saboroso. Que toque a nosa vida familiar e nos faga ver que paga a pena darse, amar incondicionalmente. Que toque as nosas relacións para que superemos cerrazóns e insensibilidades que nos impiden descubrir ás persoas a quen nos lles queda viño de ilusión, de esperanza, de compaña, de calor humana. Que toque a nosa vida de traballo para que saibamos descubrila coma un don que nos converte en recreadores, invitándonos a construír Reino desde a honestidade e a responsabilidade.
· Entenderemos, daquela, o que Paulo lles di a aqueles cristiáns de Corinto e que hoxe nos lembra tamén a cada un e cada unha de nós: Deus pousa os seus talentos nos nosos corazóns, danos o seu Espírito que, soprando como quere, sementa diversidade dentro da Igrexa. Non deixemos que o xoio da uniformidade, da intolerancia e do pensamento único envelenen a sementeira do Señor.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque con seguridade sabemos que a túa vontade é que sexamos máis felices, máis humanos, máis misericordiosas e misericordiosos, dicímosche:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Ø Pola Igrexa, para que sempre estea atenta ás necesidades das persoas e poida converter a auga do desacougo, da tristura, do paro, do problema da vivenda, da enfermidade, da exclusión, da pena,... en viño novo de ledicia, liberación, humanidade nova, xustiza e igualdade, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Ø Para que as comunidades das que formamos parte sexan lugares onde celebremos o compromiso permanente de acoller a quen vén, de perdoar a quen se equivoca, de defender a quen se sente mal, de escoitar a quen vive na desesperanza, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Ø Por cada unha e cada un de nós, para que non esquezamos nunca que o importante xa non son as táboas de pedra do cumprimento e da doutrina, senón a nova lei do amor inscrita nos nosos corazóns quentes e misericordiosos, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Señor, Ti queres que participemos no banquete de vodas do teu amor. Fai que, como María, sempre sexamos quen de saber poñernos no lugar da outra persoa. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Non temos viño, Xesús.
Non temos viño.
Para as vodas de irmandade,
onde festexamos o que amor que Ti nos dás.
Para as xuntanzas fraternas,
nas que fas medrar os nosos amores.
Para a alianza do Norte co Sur,
do mundo rico co mundo pobre.
Para a aperta solidaria coas persoas migrantes,
que reclaman os dereitos máis fundamentais.
Para as manifestacións de protesta,
pedindo paz, traballo, xustiza.
Para a festa do compromiso humano,
onde celebramos triunfos e fracasos.
Para o encontro do perdón,
que sanda, renova e rehabilita.
Para a apertura do amor familiar,
limpo, fondo, agradecido.
Para as nosas celebracións de cada día,
sinxelas, íntimas, queridas.
E por iso andamos tristes e apoucados,
sen graza e coa ilusión apagada.
Non temos viño, Xesús.
Non temos viño.
Comentarios