Domingo da Palabra
COMA AQUEL DÍA, TAMÉN HOXE ESPERAMOS NA SÚA PALABRA
(Sal 119, 74)
Sinal: Poñemos diante do altar, sobre unha mesa, o leccionario aberto no evanxeo do día. No momento da proclamación levámolo desde alí ao ambón para proclamalo. Ao remate volvemos poñelo diante do altar.
CANTOS
- ENTRADA: Non vou so ( 60 )
- LECTURAS: As túas palabras ( )
- OFERTORIO: Escoita ti a palabra de Deus (26 )
- COMUÑÓN: No colo de miña nai ( 49 )
ABRAMOS OS OLLOS
O ano 2019 o papa Francisco instituíu o domingo da Palabra, a celebrar sempre no terceiro domingo do tempo ordinario. Con esta iniciativa busca o papa que as persoas crentes, oíntes da Palabra, comprendamos a súa importancia para a nosa vida cotiá. Porque a Palabra non está pechada nun libro, por moi valiosos que este sexa. Non. A palabra ábrese ao cotián da nosa vida para ser escoitada, ser acollida, ser pensada e, como non, ser vivida coas nosas accións e nas nosas tarefas de cada día. Por iso é Palabra viva e de vida.Esperemos sempre, como di o lema deste ano, nesta Palabra, sempre esperanza e dinamismo no noso facer do mundo casa de todas e todos.
Que hoxe, ao proclamala, poñamos o mellor da cada un e cada unha de nós para facela nosa.
CO CORAZÓN AQUECIDO
- Polas veces nas que non temos prestado atención a túa Palabra. SEÑOR, QUE ESPEREMOS NA TÚA PALABRA.
- Polas veces nas que non nos deixamos enchoupar da túa Palabra. CRISTO, QUE ESPEREMOS NA TÚA PALABRA.
- Polas veces nas que convertemos a túa Palabra en xustificación dos nosos comportamentos. SEÑOR, QUE ESPEREMOS NA TÚA PALABRA.
A ACOLLER A PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE NEHEMÍAS
O sacerdote Esdras trouxo a Lei diante da asemblea, onde se atopaban os homes, mulleres e todos cantos eran capaces de comprende-lo que oían. Era o primeiro día do sétimo mes.
El leu no libro, desde o amañecer ata o mediodía, ós homes, mulleres e a cantos tiñan uso de razón. Os oídos de todo o pobo estaban atentos ó libro da Lei.
O escriba Esdras estaba en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión
Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois colocárase por cima da comunidade, e cando o abriu, o pobo púxose en pé. Entón Esdras bendiciu ó Señor, o gran Deus, e todo o pobo respondeu: ‑"Amén, amén", levantando as mans. Despois inclináronse e prosternáronse diante do Señor, rostro en terra.
Lían no libro da Lei de Deus, traducíndoo e facendo comprende-lo que lían.
Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote-escriba Esdras e os levitas que explicaban a Lei ó pobo, dixeron a toda a asemblea:
‑"Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus. Polo tanto, cesade no voso pranto e non choredes máis" (pois todo o pobo choraba ó oí-las palabras da Lei).
El díxolles:
‑"Ídevos e comede ben, e bebede excelentes viños, e levádelles tamén ós que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ó noso Señor. Nin sigades tristes, porque o gozo do Señor é a vosa forza".
SALMO RESP..- As túas palabras, Señor, son Espírito e vida
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Pois ben, o corpo non está formado por un único membro senón por moitos.
Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mailos predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
Coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamárlle-la Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestrados
e a vista ós cegos,
para lles dar liberdade ós asoballados,
e proclama-lo ano de gracia do Señor.
Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
‑Hoxe cómprese diante de vós esta pasaxe da Escritura. Palabra do Señor.
FACÉNDOA VIDA
Neste VI domingo da Palabra vimos de escoitar nela como Deus nos invita non só a escoitala, senón tamén a interiorizala e reflexionala, converténdoa en vida que vaia alentando o noso camiñar cotián. Ese camiñar que nunca se fai de maneira individual, pois é sempre camiñar comunitario; camiñar acompasado e compartido con quen nos imos atopando ao longo do camiño.E neste camiñar compartido, dinos o Señor que o domingo é día para xuntarnos, para compartir, para celebrar que El está e vai no medio de nós. Un nós que se fai corpo de Cristo en cada un dos membros que conformamos as comunidades cristiás. Un nós que acolle o testemuño que, ao longo dos séculos nos foron transmitindo homes e mulleres que tamén o recibiran das xeracións anteriores. Neste nós comunitario, hoxe reunímonos para facer desta Palabra guieiro esperanzado nas noites, tantas veces escuras! , das nosas vidas.
Non fagamos oídos xordos a esta achega que Deus nos fai a través por medio da súa Palabra anunciada, vivida e testemuñada por tantas xeracións ao longo dos tempos.
· “Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus”. O Deus que, fundamentalmente e por riba de todo, é esperanza invítanos vivir o domingo como día de encontro, de oración participada, de aloumiño comunitario, de sorriso compartido e saúdo de bendición entre todas e todos nós. Si, porque achegarnos á celebración do domingo non é nin un costume nin tampouco unha rutina. Iso, quizais teña sido noutro tempo, pero xa quedou atrás. É unha decisión libre e gozosa para que nos volvamos ver, para que volvamos escoitarnos, para que volvamos a compartir a forza da Palabra proclamada para alentar a nosa vida de cada día. Por iso, dedicando un pouco do noso tempo ao Señor, estamos facendo posible que a forza da súa esperanza poida ser tamén compartida por nós ao reunirnos no seu nome.
· “Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros“. E iso por que? Poderiamos preguntarnos. E Paulo danos a resposta, porque como vimos de escoitar somos corpo de Cristo, non individuos na procura do seu propio interese. Non. Somos corpo, e como corpo conformamos unha vivencia plural, gozosa, leda, solidaria e caritativa do noso ser cristiás e cristiáns, do noso ser vivencia e encontro comunitario. Non imos cadaquén polo seu lado buscando o que nos convén. Ao contrario, camiñamos paseniño tendendo a man e entrelazándoa para ir construíndo espazos e experiencias de axuda, colaboración, de participación comprometida contra toda desesperanza que puidera xurdir nos nosos corazóns.
A celebración do domingo temos que intentar que sexa mesa fraterna de pan compartido. E nese pan non están só as cousas boas e ledas, tamén compartimos; e nese compartir buscamos axudar a superar as dificultades, as tristuras e mesmo os desacougos. E iso por que? Porque somos corpo entrelazado nun camiñar cara a meta común.
· “Tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas“. E podemos falar desta experiencia porque nola foron transmitindo tódalas testemuñas que antes ca nós tamén compartiron este mesmo camiño de seguimento de Xesús no medio de mundos e momentos difíciles e, moitas das veces, que ían a contracorrente do que pensaban que era o mellor. E se eles e elas foron as testemuñas que fixeron posible que esta experiencia chegase ata nós, hoxe correspóndenos a nós seguir testemuñando, coa nosa vida, non o esquezamos, a forza que nos transmite a Palabra que Xesús nos legou, así como o seu xeito de vivir, tratar e compartir con aqueles que gozaron da súa presenza e da forza da súa persoa. E, neste ano xubilar guiado sempre pola esperanza, vivamos, actuemos, recemos, compartamos, acollamos... sempre con mans abertas e corazón aquecido, sen levantar os pés do chan, a quen o precise, e sabendo sempre que como corpo de Cristo, estamos chamadas e chamados a abrir fendas de fraternidade que rachen calquera exclusión, violencia ou discriminación. No nome do Deus da esperanza, traballemos para levar esa esperanza coa nosa vida, os nosos feitos e a nosa palabra!, que ha chegar sempre ao corazón.
DESDE O COMPARTIR COMUNITARIO
Irmáns e irmás, ao reunirnos en asemblea para celebrar os misterios da nosa redención, imploremos a Deus Todopoderoso, para que a través da súa Palabra se renove o noso camiño cara á santidade. Oremos xuntos e digamos: FAINOS, SEÑOR, PERSOAS ANUNCIADORAS DA TÚA PALABRA.- Polos lectores e catequistas que hoxe recibirán o seu ministerio, para que, afondando cada día na Palabra de Deus, se configuren con ela e a transmitan co testemuño da súa propia vida. OREMOS.
- Para que os pais e nais, iluminados e fortalecidos pola Palabra de Deus, teñan a sabedoría para guiar ás súas crianzas, transmitíndolles a fe, OREMOS.
- Por toda a comunidade cristiá que escoita a Deus reunida arredor da súa Palabra, para que medre en unidade e dea un auténtico testemuño do amor de Deus, OREMOS.
- Pola Igrexa, chamada a estar unida en Cristo, para que, escoitando a Sagrada Escritura, saiba descubrir o camiño para acadar unha auténtica e sólida unidade, OREMOS.
- Por nós, para que abramos o noso corazón á Palabra de Deus e así traballemos xuntas e xuntos cada día para construír a paz, OREMOS.
QUE NOS CHAMA A CAMIÑAR
Deus quere ter unha relación persoal e íntima connosco. Xesús tocou o corazón de tantos que o atoparon no Evanxeo. Estes entenderon que ter unha relación de amizade con Xesús implica confiar na súa palabra, recoñecer que só El ten palabras de vida eterna (cf. Xn 6,68), aínda que non sempre é doado entender a súa forma de actuar, nin sequera para os discípulos nin para nós hoxe. Vémolo en Pedro, cando lle di a Xesús: "Traballamos toda a noite e non collemos nada". Porén, había algo nel que fomentaba a confianza, inspiraba seguridade e facía nacer a esperanza na súa Palabra: "na túa palabra botarei as redes". Na intimidade con El, “Pedro e os demais apóstolos atoparon só nel a resposta á sede de vida, a sede de alegría, a sede de amor que os anima; Só grazas a El experimentaron a plenitude de vida que buscan”(Papa Francisco, Ánxelus, 25 de agosto de 2024)
Comentarios