Ir al contenido principal

Bautismo 2025

  

BEBAMOS DA AUGA QUE O SEÑOR NOS OFRECE PARA QUE NUNCA MÁIS TEÑAMOS SEDE

Cantos

 

§  ENTRADA: Pedras vivas

§  LECTURAS: A auga do Señor (Nº 125) 

§  OFERTORIO: No colo da miña nai (Nº 49)

§  COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

COS PÉS NA TERRA

 

A festa de hoxe, o Bautismo do Señor, que pecha o tempo de Nadal é unha invitación a tomar en serio a Encarnación de Deus, comprometéndonos como persoas adultas e coherentes no seo da comunidade eclesial para que sexa sinal de verdadeira sinodalidade. 

A auga, símbolo de vida, purificación e limpeza é na celebración de hoxe o signo que nos quere pór de manifesto que un día fomos incorporados á comunidade cristiá como membros chamados a participar nela para facer viva e activa a nosa presenza. Non somos meros espectadores do que ocorre na Igrexa. Somos protagonistas, e ese protagonismo non podemos deixalo nas mans doutras persoas, coma se elas foran as únicas que toman decisións ou saben facer as cousas.

CO CORAZÓN MAGOADO

 

·      Por todas as veces nas que nos limitamos a estar de corpo presente nas celebracións, pero ausentes de corazón, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALLA DE COMPROMISO.

 

·      Por non ser quen de facer un oco para reflexionar e rumiar a túa Palabra, que quere ser alento da nosa vida, CRISTO, PERDOA A NOSA FALLA DE COMPROMISO.

 

·      Por non ser conscientes da necesidade de formarnos no eido da fe para así poder darmos razón da nosa esperanza, dialogando co mundo sen complexos nin medos, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALLA DE COMPROMISO.

 

O AGASALLO DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Isto di o Señor:

Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.

Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.

Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles ábra-los ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos,

da prisión ós que viven na escuridade. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Tomou Pedro a palabra e dixo:

 Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. El mandóulle-la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolle-la Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

 

Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:

‑Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.

Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:

‑Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.



 

 

 

 

Remuíño

 

ö Os textos que vimos de proclamar poñen de manifesto que Aquel que esperaban non só chegou, senón que a súa misión comeza agora a facerse pública: Deus cumpre a súa palabra e danos ao seu Fillo, á vez que nos invita a escoitalo para poder seguilo. Unha escoita que nos vai supor estar sempre cos oídos atentos ao que está a pasar continuamente no noso redor, para saber ler os sinais dos tempos, xa que tal e como se nos lembra na constitución G.S., o mundo e canto pasa nel ten que ser unha preocupación e unha esixencia de compromiso e diálogo para todas as persoas crentes. Unha escoita e un diálogo que afastan a tentación de repetir sempre o mesmo, de caer no tópico de “ sempre se fixo así”, un tópico que ten traído desencontros, perdas de tempo e enerxía dentro das nosas comunidades e que nos ten impedido mirar cara adiante, anovar os nosos proxectos pastorais, tender pontes de entendemento e diálogo aos que están máis afastados. En fin, escoitalo, a través da súa Palabra, a través das persoas e dos acontecementos que nos falan da tenrura e da misericordia dun Deus que pide de nós que sexamos consecuentes co bautismo que un día recibimos, e que nos converte nas súa palabra, nas súas mans e no seu corazón no medio do mundo do que formamos parte, sentindo como propias as alegrías e esperanzas, as angustias e as tristuras de todas as persoas.

ö Neste Ano Xubilar que estamos a celebrar invítasenos a que fagamos un esforzo para purificar a fe que profesamos. Moitas veces dicimos que a Igrexa ten que renovarse, que ten que modenizarse, que os curas, os bispos, o Papa teñen que cambiar.... Non temos en conta dous pequenos detalliños: por unha banda, Igrexa somos todas as persoas bautizadas, non é un ente abstracto, senón que ten nome e rostro, o nome e o rostro de cada un e de cada unha de nós, corresponsables da misión da Igrexa. Por outra banda, nós, segrares, tamén hai moitas cousiñas que temos que pulir, pois moitas veces o único que nos interesa é sermos consumidores de celebracións: poñemos o piloto automático, imos á celebración dominical, botamos alí media horiña de corpo presente “ao noso” (prestamos tan pouca atención que se nos preguntan polas lecturas que escoitamos, polos cantos que cantamos ou sobre que versou a homilía, seguro que non saberiamos) e... a outra cousa bolboreta!!!!. Que non nos pidan nada máis: nin formarnos, nin comprometernos, nin axudar, nin participar... que non nos pidan nin tan sequera explicacións de por que acudimos, pois na meirande parte dos casos a resposta será: porque sempre fun. E, uns por outros, a casa segue sen varrer, a Igrexa sen ilusionar, os cristiáns sen esperanzar, o mundo sen misericordia. 

ö Todas as persoas bautizadas somos responsables da evanxelización, é dicir, de espallar a boa noticia de que Deus ama sen distinción, discriminación ou diferenza. El é un Deus que se achega a nós, e que en Xesús dinos: ”amádevos..., facede vós o mesmo..., perdoade..., ide e anunciade...”. E nada diso poderemos facelo se non estamos convencidas e convencidos de que o noso bautismo é un pulo cara adiante para superar atrancos e vencer barreiras. Non é, entón, un rito máis que do mesmo xeito que fixeron connosco, facémosllo nós ás crianzas porque.... sempre se fixo así. Non, o bautismo supón unha elección, un camiño, un xeito novo e unha forma diferente de estar no mundo. Deus non nolo pode dicir máis claro: Velaí o meu servo, a quen teño collido da man. Velaí o meu escollido no que eu me comprazo...Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte...”. Para Deus somos importantes, conta con nós. Que se nos note!.

Renovación dos compromisos bautismais

Neste día do Bautismo do Señor, non podemos pasar por alto renovar o noso compromiso de fe que un día fixeron por nós no bautismo e que hoxe se os chama a proclamar ben alto. Por iso:

1.   Renunciades a formar unha comunidade triste e desesperanzada?

2.   Renunciades aos novos deuses do consumo, o aparentar ou os cartos, que nos afastan do Deus verdadeiro?

3.   Renunciades á violencia, a crernos superiores aos demais, á marxinación e ao desprezo das persoas?

4.   Renunciades á desesperanza, ao desánimo, á tristura; e tamén á resignación e á pasividade diante da realidade?

 

5.   Credes en Deus, a quen podemos chamar con confianza Pai?

6.   Credes en Xesús, o “Fillo amado do Pai”, que nos falou palabras de vida, padeceu e morreu, pero Deus resucitouno e está xa sempre con nós?

7.   Credes no Espírito do Amor, que procede do Pai e do Fillo, e que conduce á Igrexa e ás persoas cara á Verdade plena?

8.   Credes no perdón, na forza liberadora do amor, na misericordia como estilo de vida?

9.   Credes nunha nova creación na que habite a xustiza, onde Deus sexa todo en todos e as persoas sexamos irmás?

 

Esta é a nosa fe. Esta é a fe da Igrexa na que fomos bautizadas e bautizados e que hoxe renovamos en comunidade. 

 

Oración da Comunidade

            

Poñémonos agora nas túas mans para deixarnos levar e ser no medio do mundo auga limpa e transparente, auga que nos fala de vida, perdón e xustiza. Por iso che dicimos:

 

QUE NOS DEIXEMOS LIMPAR POLA TÚA AUGA

 

û  Para que esta Igrexa que tod@s estamos a construír, sexa cada día máis fiel a túa Palabra, sabendo renunciar ao poder e ao prestixio, para estar no mundo ao servizo da xente esquecida, silenciada e explotada, OREMOS.

QUE NOS DEIXEMOS LIMPAR POLA TÚA AUGA

 

û  Para que as comunidades das que formamos parte, sexan lugares onde celebremos o compromiso permanente de acoller a quen vén, de perdoar a quen se equivoca, de defender a quen se sente mal, de escoitar a quen se sente desesperanzado, OREMOS.

 

QUE NOS DEIXEMOS LIMPAR POLA TÚA AUGA

 

û  Para que cadaquén de nós, nos deixemos limpar pola túa auga que nos invita a dar razón da nosa esperanza, OREMOS.

 

QUE NOS DEIXEMOS LIMPAR POLA TÚA AUGA

 

 

         Grazas, Pai, porque nos volves dar a oportunidade de que a túa auga sexa rexeneradora da nosa vida. Unha vida que chamas a ser ponte de unión e comuñón entre as persoas. P.X.N.S. Amén.

 

Reflexión

Vestirei os meus ollos de bondade, para mirar a todas as persoas con agarimo.
Vestirei as miñas mans de paz, para dar o perdón xenerosamente.
Vestirei os meus beizos de sorriso, para ofrecer ledicia ao longo da xornada.
Vestirei os meus pés de fortaleza, para dar pasiños cara ao encontro.
Nos meus dedos poñerei a túa alianza, para vivir sempre o teu amor.
O meu peito cubrireino coa fe, para seguir sentindo a túa man protectora.
O meu corpo e o meu corazón, vestireinos de oración, para volverme cara Ti, Señor, amigo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...