Ir al contenido principal

5 domingo TO C 2025

Mans Unidas

"COMPARTIR É A NOSA MAIOR RIQUEZA"

Cantos

·      ENTRADA:   Camiñando pola vida ( 9 )

·      LECTURAS: Démonos todos a man ( 48 ) 

·      OFERTORIO: Déixate querer ( 61)

·      COMUÑÓN: Acharte presente na vida ( 51)

ABRAMOS OS OLLOS

Benvidos e benvidas á nosa celebración dominical, o día no que celebramos a Campaña contra a fame, que este ano propón o reto de compartir a prosperidade para erradicar a pobreza, a fame e a desigualdade. O evanxeo dá a clave para crecer na fe e combater a fame en todas as frontes. “Rema mar dentro” di Xesús. Mans Unidas responde: “pola túa palabra, Señor, botarei as redes”.

Que coa axuda do Espírito a fe sexa sempre empurrón para traballar por erradicar a fame espiritual e material. 

CO CORAZÓN AQUECIDO

·      Pola nosa indiferenza diante da situación das persoas empobrecidas. SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á REALIDADE.

·      Pola nosa incapacidade para recoñecer que podemos facer moito máis na loita contra a fame. CRISTO, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á REALIDADE.

·      Por deixarnos levar da tentación de non querer ver que o evanxeo chámanos a traballar por defender as causas xustas, que poñen á persoa no centro das súas reivindicacións. SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á REALIDADE.

A ACOLLER A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.

De pé na súa presencia estaban dous serafíns.

Exclamaban un cara ó outro: "¡Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".

Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.

Eu dixen: "¡Ai de min! ¡Estou perdido!

Pois sendo un home de labios lixados,

e que vive entre un pobo de labios lixados,

vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".

Entón un dos serafíns voou onda min;

tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,

e achegouna á miña boca, dicíndome:

"Olla: isto tocou os teus labios,

a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".

Entón escoitei a voz do Señor que dicía:

"¿A quen mandarei? ¿Quen irá da nosa parte?".

Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min". Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ó terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois ós Doce. Máis tarde apareceuse dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a tódolos apóstolos. En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora.

Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:

‑Boga lago dentro, e larga o aparello para pescar.

Respondeu Simón:

‑Mestre, pasámo-la noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.

Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo:

‑Señor, arreda de min, que eu son un pecador.

Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:

‑Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.

Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono. Palabra do Señor 

FACÉNDOA VIDA

            Hoxe, na xornada de loita contra a Fame, Mans Unidas convídanos, desde a palabra escoitada, a facer memoria de como cada un e cada unha de nós é quen de ir poñéndolle vida e sentido ás cousas que facemos, de xeito que a nosa fe non se quede nun proclamar fermoso ou nunha teoría sen horizonte nin concreción. Porque se a fe non é quen de descubrirse presenza de Deus nos rostros dos homes e mulleres esquecidos do noso mundo, sería van e baleira. 

Con esta xornada invitásenos a espertar, interior e exteriormente, para que non nos deixemos enganar polos cantos de serea dos poderosos do noso tempo que, utilizan ás persoas para os seus intereses, para obter beneficios, para amasar cartos e mais poder. Disimulando moitas veces detrás dunha falsa solidariedade e axuda que non é tal. Porén a invitación a ter sempre presente que , o “compartir é a nosa maior riqueza”, fainos manter ben abertos os ollos e ben aquecido o corazón para que non deixemos nunca de lado, no descarte, a ninguén. Un ninguén que comeza pola nosa casa, o noso barrio, a nosa terra ou o noso mundo. Traballemos logo, desde a invitación a non cansar de saír a pescar para alimentar a quen o precisa, para que os ninguén dos poderosos, sexan sempre alguén para nós.

         Porque:

·      Deus quere a nosa salvación, busca o noso ben e faise presente na historia para animar, consolar e capacitar a homes e mulleres para levar unha palabra de alento aos tristes e vulnerables.

 

·      Pedro cre que non pode facer moito, e nós? Se prestamos atención á forza e presenza do Espírito, si que escoitaremos a voz Deus que di: “ánimo, ti podes, rema mar dentro”, por encima das nubes negras, está o “sol que nace do alto”.

 

·      Para erradicar a pobreza, ademais de estatísticas ou estudos, contamos co amor e a confianza en Deus. O Deus que nos pide cambiar o corazón e animar a outros a ser pescadores; todos imos na mesma barca. Cristo sácanos dos mares de calquera pobreza. Estás disposto a deixarte pescar por El? 

A barca de Pedro é a “casa común”. Súbete a remar, co remo da fe, cara ás periferias da nosa solidariedade.

 

DESDE O COMPARTIR COMUNITARIO

Recemos polas necesidades da Igrexa e de tódolos pobos dicindo: Pai , escóitanos

·      Pola Igrexa e todas as igrexas cristiás para que, atentas á voz do Señor, non teñan medo de anuncialo e servilo no “mar dentro” das periferias. Oremos. Pai, escóitanos.

·      Polos gobernantes, que, oído o clamor dos pobres, colaboren na promoción de leis xustas en favor das persoas máis necesitadas. Oremos Pai , escóitanos.

·      Polas persoas empobrecidas e polas que traballan con elas, polas que viven afastadas da fe ou na indiferenza, para que co noso testemuño e coherencia de vida, descubran o amor de Deus. Oremos. Pai, escóitanos.

·      Por nós, que, animados polo Señor a non ter medo aos mares da dor e do sufrimento, vaiamos da súa man ata conseguir o destino universal dos bens e o ben común. Oremos. Pai, escóitanos.

Na túa man, Señor, póñemos a nosa oración comunitaria para sentir a forza da túa presenza no noso camiñar. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

QUE NOS CHAMA A CAMIÑAR SEGUINDO A SÚA LUZ

             Acollendo a visión da economía do maxisterio social do papa Francisco; maxisterio que se asenta no evanxeo e na persoa de Xesús, e que poñendo á persoa nos eu centro , chama a loitar contra a cultura do descarte, queremos dicir con convicción e fidelidade á dignidade compartida con tódalas persoas: 

                        Que precisamos:

1.    Unha economía de paz e non de guerra.

2.    Unha economía que se opón ás armas, especialmente ás máis destrutivas.

3.    Unha economía que asume o coidado da creación e non a saquea.

4.    Unha economía ao servizo da persoa, da familia e da vida, respectuosa con cada muller, home, crianza ou ancián. E sobre todo as persoas máis fráxiles e débiles.

5.    Unha economía onde o coidado substitúa ao descarte e á indiferenza.

6.    Unha economía que non da as costas a ninguén, para construír unha sociedade na que as “pedras” que os que mandan descartan, se convertan en “pedras esquinal”.

7.    Unha economía que recoñeza, protexa e promova o traballo digno e seguro para todos, especialmente para as mulleres.

8.    Unha economía onde as finanzas sexan amigas e aliadas da economía real e do traballo, e non da especulación.

9.    Unha economía que valore e coide as culturas e tradicións dos nosos pobos, sen impoñer costumes e comportamentos estraños e alleos.

10. Unha economía guiada pola ética e aberta á dignidade de todas e todos recibida  de Deus. Que xere alegría, cre riqueza sen exclusións e faga seu o chamado de Xesús: “ditosas as persoas pobres”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...