Ir al contenido principal

8 Domingo TO C 2025

DO QUE REBORDA O CORAZÓN, FALA A BOCA

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Quédate Señor connosco (Nº 63)
LECTURAS: Escoita, ti a Palabra de Deus (Nº 26)
OFERTORIO: Acharte presente (Nº 51)
COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

ESCOITA ACTIVA

A Palabra de hoxe reflexiona sobre dous verbos: falar e escoitar. No primeiro somos persoas expertas, porque, como xa sabemos: “o falar non ten cancelas”. Falamos de todo e de todas as persoas; falamos sen pensar; falamos do que sabemos, do que escoitamos e mesmo do que inventamos.... E non nos decatamos de que a palabra é unha ferramenta poderosa que pode ferir, porque todas e todos nós temos a experiencia dunha mala palabra ou dunha mala contestación que nos dá alguén e que nos fai moito dano.
Porén, en escoitar, xa non somos persoas tan expertas. Poñemos o piloto automático cando alguén nos fala e non lle prestamos atención, facéndose realidade aquilo de “predica meu frade, por un oído me entra e polo outro me sae”. E canto necesitamos escoitar e canta xente precisa que a escoitemos!!!!!!
Que a nosa celebración nos faga reflexionar somo ao respecto de como conxugamos os verbos falar e escoitar na nosa vida.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Porque non sabemos, nin estamos dispostas e dispostos a aprender a escoitar; SEÑOR QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
Porque non sabemos, nin estamos dispostas e dispostos a aprender a calar; CRISTO, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
Porque non sabemos, nin estamos dispostas e dispostos a morrer ao vello para camiñar no novo; SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
O AGASALLO DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

Tralo abaneo da peneira, queda o farelo;
tamén queda o refugallo do home cando o examinan.
As potas do oleiro saen segundo arda o forno,
un home é o que é segundo o que pensa.
Conforme o que se coide unha árbore serán os seus froitos, e o raciocinio segundo a inclinación que un teña.
Non louves a ninguén antes de que razoe pois tal é a proba dos homes.
Palabra do Señor. 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
Cando isto corruptible se revista de incorrupción e isto mortal se revista de inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita: a morte foi tragada pola vitoria
Morte, ¿u-la túa vitoria?
Morte ¿u-lo teu aguillón?
O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei. Pero deámoslle as grazas a Deus, que El nos dá a vitoria por medio do noso Señor Xesús Cristo.
Así que, meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor, sabendo que os vosos esforzos coma cristiáns non son en balde.
Palabra do Señor. 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús púxolles unha comparanza:
‑¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? ¿Como lle poderás dicir a teu irmán: "Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.
Palabra do Señor.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Como diciamos ao comezo, a Palabra hoxe convídanos a reflexionar sobre as nosas palabras e tamén sobre a nosa capacidade de escoita. A primeira lectura, tomada do Vello Testamento, do libro do Eclesiástico, contén varias sentencias que non teñen desperdicio: “cando a persoa fala descóbrense os seus defectos, a persoa é probada na súa conversa, a palabra revela o corazón da persoa, na palabra é onde se proba unha persoa...”. Unhas sentencias que Xesús resume no evanxeo: “do que reborda o corazón, fala a boca”. Todo isto quérenos dicir que, as nosas palabras, revelan moito de nós, e polo tanto, antes de saír pola nosa boca, deben pasar pola cabeciña e tamén polo corazón. Mais na meirande parte dos casos falamos de rutina, sen pensar o que dicimos e sen a mínima empatía pola persoa coa que falamos. Porque claro: somos especialistas en xulgar, e facémolo sen piedade. Atopamos o lixo nos demais e non somos quen de descubrir a trabe no noso. Podemos cortarlle un traxe personalizado a alguén mentres nós andamos espidas e espidos. Somos quen de enumerar unha listaxe enorme dos defectos dunha persoa.... e non somos capaces de mirar cara adentro para ver que en nós tamén aniñan as mesmas faltas....
Precisamos, xa que logo, deixarnos enchoupar pola Palabra de Deus, que nos chama a descubrir que hai outro xeito de ver as cousas, outro xeito de construír relacións, outro xeito de non deixarnos levar polos cantos de serea. Hoxe faise moito barullo para tentar desviar o pensamento aos problemas reais e importantes que as persoas temos. O malo é que moitas veces nós tamén caendo nas redes dos que nos menten, enganan e só nos buscan para as súas comenencias.
Por iso é tan importante ter os ollos e os oídos abertos. Saber escoitar é todo un arte imprescindible no mundo no que vivimos. Pero cada vez cústanos máis poñernos no lugar da outra persoa, prestarlle toda a atención ao que non está a dicir, saber calar e atender, sen estar buscando resposta ao que nos está a dicir. A escoita supón un esforzo para non caer na doada tentación de dicir o que nos parece ou o que a nós nos gusta ou convén, pensando só no noso interese. Toda escoita esixe renunciar a nós para poñer toda a atención en quen nos fala, e facéndoo con respecto e sen desprezos. Nun mundo no que sobran palabras, estaremos nós dispostas e dispostos a saber escoitar e acoller desde o estilo de Xesús? A iso se nos convida hoxe.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque queremos seguir o camiño da escoita, do acompañamento e da acollida, dicimos:
QUE SEXAMOS PERSOAS ESCOITADORAS
  • Pola Igrexa, para que sexa nai que escoita, acolle e acompaña sen xulgar; OREMOS.
  • Para que as comunidades das que formamos parte sexan lugares onde celebremos o compromiso permanente de acoller a quen vén, de perdoar a quen se equivoca, de defender a quen se sente mal, de escoitar a quen vive na desesperanza, OREMOS.
  • Por cada unha e cada un de nós, para que non falemos de rutina, senón que saibamos pasar as nosas palabras pola cabeza e o corazón; OREMOS.
Señor, Ti chámasnos á fraternidade. Axúdanos a ser quen de saber poñernos no lugar da outra persoa. P.X.N.S. Amén. 

PARA A REFLEXIÓN

Moitas veces, sabémolo, é máis fácil ou máis cómodo percibir e condenar os defectos e os pecados dos demais, sen darnos conta dos nosos coa mesma claridade. Sempre escondemos os nosos defectos, tamén a nós mesmos; en cambio, é fácil ver os defectos dos demais. A tentación é ser indulxente cun mesmo ―manga ancha cun mesmo― e duro cos demais. Sempre é útil axudar a outros con consellos sabios, pero mentres observamos e corriximos os defectos do noso próximo, tamén debemos ser conscientes de que temos defectos. Se creo que non os teño, non podo condenar ou corrixir aos demais. Todos temos defectos: todos. Debemos ser conscientes diso e, antes de condenar aos outros, mirar dentro de nós mesmos. Así, podemos actuar de maneira crible, con humildade, dando testemuño da caridade. (Francisco).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...