NA SINXELEZA DO PEQUENO VAISE MOSTRANDO A GRANDEZA DO TESTEMUÑO CRIBLE E TRANSFORMADOR
Canto gozoso
· ENTRADA: Vinde axiña ( 10)
· LECTURAS: Douvos un mandato novo ( 18 )
· OFERTORIO: Acharte presente ( 51)
· COMUÑÓN: Ide e pregoade (55)
Escoita activa
Xesús escolleu e díxolles: “Somos simples servidores”. Deste xeito, e a través dos séculos foise desenvolvendo a misión que o Señor lle encargara a aqueles doce: o servizo... Si, aínda que moitas veces pareza todo o contrario destas palabras de Xesús..
Hoxe os continuadores e as continuadoras desta tarefa de servizo somos nós. Porque tamén nos envía a ser xente de servicialidade e paz nun mundo famento dela, a ser buscadores de diálogo nun mundo que non sabe escoitar e ten demasiadas actitudes de prepotencia, propiciadores de entendemento e compañía nun mundo no que cada vez hai máis sente soa.
Non esquezamos logo que a fe non é nin herdanza nin costume, senón anuncio convencido de que a mensaxe de Xesús só será posible a través e por medio dos que nos chamamos seguidores e seguidoras seus.
Corazón misericordioso
· Pola nos falta de servicialidade e alegría. SEÑOR QUE SEXAMOS XENTE DE SERVIZO.
· Pola nosa ausencia de esperanza ante as dificultades e problemas polos que pasamos. CRISTO, QUE SEXAMOS XENTE DE SERVIZO.
· Polos nosos silencios diante da manipulación e do engano ao que moitas veces nos someten. SEÑOR, QUE SEXAMOS XENTE DE SERVIZO.
Palabra agasallada
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE HABACUC
¿Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio,
sen que ti fagas caso?
¿Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves?
¿Por que me fas ve-la iniquidade e me fas contempla-lo crime?
Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa.
Respondeume o Señor e díxome:
Escribe a visión e grávaa en taboíñas,
para que se lea de corrido,
pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,
falará da fin e non mentirá.
Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.
Velaí: o temerario faise forte,
o seu alento camiña con el,
pero o xusto vivirá pola súa fe. Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO
Benquerido irmán:
Recórdoche que reavíve-lo carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans. Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade. Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. Mantén coma regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús. Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós. Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Rogáronlle os apóstolos ó Señor:
‑¡Auméntano-la fe!
O Señor respondeulles:
‑Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía.
E ¿quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". ¿Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" ¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ó criado por face-lo que lle manda? Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer". Palabra do Señor. Grazas a Deus
Palabra remoída
· A profecía de HABACUC que escoitabamos na primeira lectura é toda unha chamada á confianza en Deus para alentar e animar á vivencia da fe. Pero é esta unha chamada que cambia o corazón, unha chamada a enchoupar toda a nosa vida de servizo e xenerosidade para coas demais persoas. E sempre desde unha alegría que necesariamente, non podería ser doutro xeito, nos converterá en homes e mulleres de esperanza, capaces de non deixarnos nin vencer nin dominar polos agoiros do individualismo e da soberbia; da visión negra e tenebrosa, pesimista entristecida e desconfiada, da vida e da sociedade, do medo como intento de controlar e dominar a liberdade das nosas decisións, como afán de manipular a nosa conciencia e de inhibir a nosa capacidade de actuar, con discernimento, e desde a liberdade. A alegría supón abrir procesos que se irán desenvolvendo no tempo, e a través del irán mostrando os seus froitos. Sexamos logo persoas de alegría transformadora da nosa maneira de estar, mirar e traballar no medio do mundo de hoxe.
· O papa Francisco, que tanta pegada deixou na Igrexa e no mundo, desde o minuto un do seu pontificado insistiu na alegría e no servizo como eixes desde o que achegarnos ao evanxeo, á vida familiar, ao compromiso na mellora dunhas relacións entre as persoas e dun mundo máis xusto e igualitario, na busca compartida pola defensa da casa común e da amizade social. Amizade que busca unir desde a confianza, que non a desconfianza; amizade que chama a camiñar xuntos e xuntas e non no enfrontamento; amizade capaz de afrontar cambios de estilo e de creatividade. Porque a historia cambia e nós, persoas crentes estamos na historia, non nun lugar aparte, fronte a tentación da nostalxia e do mirar permanentemente cara a atrás. Porque a verdadeira alegría, a alegría do Deus Pai/Nai que perdoa sempre na misericordia e potencia a creación e a novidade é a que nós temos que mostrar, manifestar, translucir e testemuñar cada día, na relación coas demais persoas, para construír pontes que nos achegan e derrubar muros que nos confrontan e nos separan.
· E para converter a alegría en actitude cerne do noso ser cristiáns e cristiás no aquí e agora de cada un e cada unha de nós, precisamos plantar e sementar para que o froito chegue. Xesús está a ofrecernos posibilidade de cambiar a mirada que temos sobre a vida; un cambio que pon ao servizo como centro de todo vivir e actuar. E na realidade na que estamos correspóndenos ser luz e pegada no camiñar como concreción do proxecto de Xesús; un anuncio que nos leve a saír e buscar todo canto faga posible que as persoas nos unamos e busquemos todo aquilo que nos fai mellores, que nos humaniza, que nos leva a recoñecernos como iguais na fraternidade de quen nos sabemos imaxe e semellanza dese Deus que “apapacha”, ese Deus que anima e alenta, ese Deus que non é nin o ollo que todo o ve desde a distancia para xulgalo nin o señor feudal que controla, domina e escraviza aos seus súbditos. Non, o Deus de Xesús, o Deus do evanxeo, é o que nos invita, desde a alegría do hoxe, a saír ao encontro das persoas que tamén, coma nós, buscan a paz e a acollida. Dispoñámonos a saír entón das nosas tobeiras!
Compartindo a oración de e entre tod@s
Damos grazas comunitariamente a Deus por este agasallo que nos fai de ser persoas alegres e sen prexuízos. Facémolo dicindo: QUE O SERVIZO ALENTE O NOSO CAMIÑO.
· Para que construamos, entre todas e todos nós, unha igrexa que sexa fogar de servicialidade desde a alegría, a colaboración e a comprensión. Oremos. Que o servizo alente o noso camiño.
· Para que nos esforcemos por vencer a tentación de ser comunidades parroquiais derrotadas pola tristura e a falta de creatividade. Oremos. Que o servizo alente o noso camiño.
· Para que non nos deixemos levar da tentación de converternos en ritualistas da nostalxia, esquecendo que o evanxeo é sempre renovación, creatividade e alegría. Oremos. Que o servizo alente o noso camiño.
Grazas, Señor, por sacudirnos na busca da alegría do servizo e da paz nun mundo tan precisado destas dúas actitudes tan fundamentais para testemuñar o evanxeo. Por Cristo o noso Señor, Amén.
Deixándonos guiar por El
Señor, que a alegría vaia enchoupando todo o noso facer. Non nos deixes caer na tentación da tristura, o pesimismo ou a indiferenza . Q Que a forza da túa graza vaia enchendo a miña vida, para que sexa resposta á túa vontade.
Que non deixemos na nosa vida oco para que nela acampe a resignación e a nostalxia dun pasado que nunca máis vai volver.
Aléntame, Señor, a ter unha mirada aberta, alegre, humanizadora e sempre fraterna; unha mirada que non esquece que Ti non nos creaches inimigos, pero si irmáns e irmás.
Que saibamos ser servidores de alegría nun mundo tan precisado do entendemento e máis da paz. Amén.
Comentarios