Ir al contenido principal

28 domingo TO C 2025

VIVIR DICINDO GRAZAS!

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Non vou só (Nº 60)

LECTURAS: Cantádelle ó Señor unha cantiga nova (Nº 23)

OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

 

DESPEREZANDO O INTERIOR
O Papa Francisco non cansaba de lembrar tres palabras clave para a convivencia dentro e fóra das nosas casas: permiso, grazas e perdón. As tres son palabras absolutamente necesarias. Pois ben, hoxe na palabra que imos proclamar resoa dun xeito alto e claro unha destas palabras clave: grazas. Si. Porque a dignidade e a xustiza social pasan por unha educación na e para a gratitude, pois a gratitude consiste en valorar á outra persoa, en tratala con respecto, en estimala.
Camiñemos entón deste xeito para sentir a fondura agradecida da presenza de Deus nas persoas e máis na vida.

CAMIÑANDO NA MISERICORDIA

·      Porque non sempre somos capaces de camiñar con mirada agradecida. SEÑOR, QUE SIGAMOS AS TÚAS PEGADAS.

·      Porque non sempre poñemos o mellor de nós para ser máis felices. CRISTO, QUE SIGAMOS AS TÚAS PEGADAS.

·      Porque non sempre somos persoas de gratuidade con quen o precisa. SEÑOR, QUE SIGAMOS AS TÚAS PEGADAS.

 

ESCOITANDO A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

Baixou el Naaman o Sirio ó Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara Eliseo o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo da súa lepra.
Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo: ‑“Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un regalo do teu servo”. Respondeulle Eliseo: ‑“Polo Señor vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha”. E por moito que lle insistiu para que aceptase, el negouse. 
Naamán dixo entón: ‑“Pois logo, permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún, senón só ó Señor. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

Benquerido irmáns:
Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David. Este é o meu Evanxeo, polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada. Por iso soporto tódalas cousas por mor dos escolleitos, para que tamén a eles lles toque en sorte a salvación que vén de Cristo Xesús, coa gloria eterna. Esta é unha gran verdade: Se morremos con el, tamén viviremos con el.
Se padecemos con el, tamén reinaremos con el.
Se arrenegamos del, tamén el arrenegará de nós.
Pero se fallamos na fe, el permanece fiel, porque non pode arrenegar de si mesmo. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Indo Xesús camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, e dando voces suplicáronlle:
‑Xesús, Mestre, ten dó de nós.
El, ó velos, díxolles: ‑Idéevos presentar ós sacerdotes.
E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu louvando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as gracias. Era un samaritano. Xesús dixo:
‑¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu: ‑Érguete e vaite: salvoute a túa fe. Palabra do Señor.

 

REMOENDO A PALABRA

·      As dúas persoas que se atopan con Deus nas páxinas das lecturas de hoxe son estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún deles pertencía ao pobo escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións para ter un encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha lectura superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co feito sempre sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das persoas sobre a terra. Porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non saber descubrir os talentos cos que Deus nos bendice a todas as persoas, tamén ás estranxeiras, ás que non falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós. Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque non temos o monopolio do ben.

·      Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a saúde. Todos esperaban un xesto marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a dicirlles que fixeran o que tiñan que facer (cumprir a lei e presentarse ao sacerdote). E cando ían de camiño, quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron que como fixeran o que tiñan que facer, pasara o que tiña que pasar; pero o samaritano soubo descubrir na súa curación a man de Deus e volveu onda Xesús para darlle as grazas. Na nosa vida, convencidos de que todo é fatalidade ou destino, perdemos a sensibilidade para descubrir esa man e así, cando as cousas van ben, pensamos que é o normal; pero se van mal, facilmente lle botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non somos quen de descubrir a Aquel que sae ao noso encontro para sorprendernos: Moisés descubriuno na silveira, Abrahan nos peregrinos que hospedou na súa tenda, María na mensaxe do anxo… E nós, sabemos ver a Deus na natureza, nas irmás e nos irmáns, no noso traballo, no sorriso das crianzas, nos pequenos praceres da vida… e tamén nos malos ratos?.

 

COMPARTINDO A ORACIÓN

Ao Deus para quen ningunha persoa é estranxeira, dicímoslle:

SEÑOR, GRAZAS POLO DON DA FE

·      Para que a Igrexa teña sempre presente no seu actuar a igualdade coa que Deus nos creou, OREMOS.  

·      Para que no noso día a día fagamos o posible por ter actitudes integradoras e de acollida, OREMOS.

·      Para que non deixemos que mensaxes, palabras, xestos e actitudes que sementan enfrontamento, desigualade e odio entre as persoas entren en nós, OREMOS. 

Na túa man poñemos, Señor, este noso esforzo por camiñar na igualdade e no respecto de tódalas as persoas. P.X.N.S. Amén.

 

ESTIMULANDO A NOSA MIRADA

Cómpre sermos persoas agradecidas.

Na comunidade hai que ser persoas agradecidas.

Hai que agradecerlle ao día a súa luz e á noite as súas sombras.

Hai que agradecerlle ao sol a súa calor e á choiva a súa lentura.

Hai que agradecerlle aos vellos as súas historias e aos novos os seus soños.

Hai que agradecerlle ao da casa a súa fidelidade e ao de fóra o seu servizo.

Hai que agradecerlle ao san a súa sanidade e ao enfermo a súa resistencia.

Hai que agradecerlle ao ledo o seu sorriso e ao triste as súas bágoas.

Hai que agradecerlle á xente o seu esforzo e a Deus a súa graza.

                                                              (M. Regal “Un caxato…”)

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...