Ir al contenido principal

21 Domingo TO A 2026

 E VÓS, QUEN DICIDES QUE SON EU?

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Ti es camiño e verdade (Nº 57)
LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

OLLOS ABERTOS

Levamos tanto tempo enchoupados de cristianismo sociolóxico e cultural, que poucas veces facemos o esforzo de parar e reflexionar sobre cal é o sentido que a fe ten na vida de cada un e cada unha de nós. Bautizamos, facemos a primeira comuñón, mesmo confirmamos e casamos movidos na maioría das veces polo costume.

Pero témonos parado a pensar por que queremos, ou non, recibir estes sacramentos? Temos dedicado tempo a reflexionar ao respecto do que supón, aporta ou significa a fe nas nosas vidas? Porque se seguimos actuando no ámbito da fe como se conectaramos o piloto automático, chegará un momento no que o rito, o costume ou o acto puramente social xa non serán razóns que xustifiquen a recepción dun sacramento. Por iso é tan importante romper coas tradicións e vivir unha fe persoal; unha fe que teña a Xesús como eixo e a súa mensaxe como pedagoxía desde a que ir vivindo e afrontando a realidade da vida. Se somos quen de facelo así, abrirásenos un universo novo na nosa comprensión da fe e do sentido, mesmo da importancia, dela na nosa vida.

Desde esta visión é desde a que hoxe temos que comprender o evanxeo deste domingo. Xesús pregunta non por unha tradición senón pola capacidade de coñecer e comprender quen é El para cada un e cada unha dos que nos chamamos seguidoras e seguidores da súa persoa e da súa mensaxe. Fagamos logo o esforzo de responder tamén nós a súa pregunta: Quen dicides/dis que son eu?

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Polas veces nas que nos deixamos levar por vieiros de rutina e costume; SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO CAMBIO DE CORAZÓN.
Polas veces nas que non te recoñecemos como amigo e compañeiro; CRISTO, ACOMPÁÑANOS NO CAMBIO DE CORAZÓN.
Polas veces nas que non soubemos responder á túa pregunta de quen es para nós; SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO CAMBIO DE CORAZÓN.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Dille o Señor a Sobne responsable do templo:
Chimpareite do teu posto encomiado,
botareite abaixo do teu pedestal.
Sucederá no día aquel, que chamarei ó meu servo, Eliaquim, fillo de Hilquías.
Farei que vista a túa túnica, e fortalecereino co teu cinguidor
e porei na súa man o teu posto de mando:
será un pai para os habitantes de Xerusalén e para a casa de Xudá.
Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro:
abrirá, e non haberá quen feche; e fechará, e non haberá quen abra.
Cravarei a caravilla da súa tenda nun lugar seguro,
e será trono de gloria para a casa de seu pai.
PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

Douche grazas, Señor, de todo corazón

Douche as gracias, Señor, de todo corazón,

cántoche diante dos anxos;

próstrome cara ó teu templo

e bendigo o teu nome,

polo teu amor e a túa fidelidade.

Douche grazas, Señor, de todo corazón

Mesmo máis grande cá túa sona

fixéche-la túa promesa.

Cando te chamo, ti respóndesme

e acrecénta-las miñas forzas

Douche grazas, Señor, de todo corazón

Abofé, o Señor é excelso:

pon a súa atención nos humildes

e coñece os soberbios desde lonxe.

O teu amor, Señor, é eterno;

non abandóne-las obras das túas mans.

Douche grazas, Señor, de todo corazón

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmás e irmáns:
Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! ¡Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! Pois ¿quen coñeceu a mente do Señor? Ou ¿quen foi o seu conselleiro? ¿Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver? Del saíron, por El e para El existen tódalas cousas. A El a gloria polos séculos. Amén.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:

-       ¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?

Eles responderon:

-       Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.

Insistiu:

-       E vós, ¿quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:

-       Ti e-lo Mesías, o Fillo do Deus vivo.

E Xesús contestoulle:

-       Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.

E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

· A Palabra que hoxe temos proclamado enfróntanos con nós mesmos/as. Redirixe cara nós a pregunta que Xesús lles fai aos seus discípulos, pregunta que xa non teñen que contestar eles, senón aquelas persoas que nos chamamos seguidoras súas no aquí e agora da nosa vida. E isto fainos poñer en relación a fe que dicimos ter e profesar, esa fe que recibimos no bautismo e que fomos enriquecendo ao longo da nosa vida a través da catequese, do achegamento á biblia -onde se atopa a mensaxe do Xesús que pasou facendo o ben-, do compartir celebracións de maneira comunitaria... nunha palabra: no ir afondando día a día no que supón e significa ser cristián e cristiá. Isto lévanos a atoparnos, non cunha doutrina ou cun conxunto de normas, senón cunha persoa: Xesús de Nazaret. Aquel que naceu de María, que estivo ao abeiro da súa familia ata os trinta anos, o que a partires de aí foi mostrando, compartindo, testemuñando, e transmitindo a súa mensaxe. Unha mensaxe rupturista, creativa e rompedora para aqueles tempos, e tamén para estes tempos. Unha mensaxe que se asenta nunha afirmación: Deus, Pai/Nai, quérenos, para El non somos indiferentes –ninguén o é-. O que converte esta afirmación no ADN da fe cristiá; un Deus que no seu Fillo déixanos un proxecto de vida e salvación que abre perspectivas de futuro e plenitude no “ESJATON” no alá final. Pero que esixe compromiso, implicación, enraizamento e opción pola dignidade igual de todas e todos e o coidado da casa común que puxo ao noso dispor para poder compartir e vivir a fraternidade. O que nos leva a ser construtores e construtoras de pontes nun mundo moito máis dado a erguer muros.
· Dous mil anos despois, non acabamos de entender este principio insistencia que se converteu para Xesús no retrouso co que se dirixía a quen quería seguilo e escoitalo. Un retrouso que, de tanto repetilo, pode correr o risco de que non se lle preste atención nin se lle dea importancia. A pesares de que nós facemos oídos xordos, El segue a insistir unha e outra vez que so desde a fraternidade ten sentido e se fai real iso que dicimos de vivir a fe. E por iso damos grazas desde o corazón, sentindo e expresando que a súa presenza acompasada aos nosos pasos é a que fai que nin nos perdamos no camiño nin perdamos o rumbo. A gratitude, tamén á baixa neste noso mundo, convértese en valor e actitude permanente que mostre coa palabra o que o corazón sente para con ese Deus que non nos esquece nin tampouco nos dá as costas.
· Diante desta proxecto vital e enriquecedor que El nos propón, como non imos esforzarnos por reflexionar a resposta á pregunta que hoxe nos fai! Unha resposta que nos esixe pasar as conviccións de fe pola vida; polo que facemos, polas cousas que dicimos, polo xeito que temos de tratarnos e relacionarnos. E aí si que non pode haber mentira. Cada un saberá dicirlle quen é El desde o que sente, reza, vive e celebra.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

O Señor pregúntanos hoxe quen é El para nós. Porque queremos que a nosa resposta sexa expresión do que cremos, sentimos e vivimos dicímoslle:
GRAZAS POR SER A NOSA ESPERANZA
1. Para que sexamos unha Igrexa fiel a túa mensaxe e non aos ritos e costumes que se foron adherindo ao longo dos séculos; OREMOS.
2. Para que non nos deixemos vencer pola tentación de facer das nosas parroquias museos que celebran ritos e non a vida acompañada da túa presenza; OREMOS.
3. Para que a nosa oración sexa sempre persoal, sincera, honesta e transformadora; OREMOS.
Na túa man poñemos a nosa oración para seguir camiñando na esperanza coa que Ti nos agasallas. P.X.N.S. Amén.

RETROUSO AGARIMOSO

E VÓS, QUEN DICIDES QUE SON EU?. A pregunta de Xesús aos discípulos chéganos, dous mil anos despois, a cada un e cada unha de nós e pide unha resposta. Unha resposta que non se atopa nos libros como unha fórmula senón na experiencia de quen seguen de verdade a Xesús, coa axuda dun “gran traballador”, o Espírito Santo.

E TI, QUEN DIS QUE SON EU ?. A pregunta de Xesús aos discípulos convértese na pregunta a cada un e cada unha de nós. El fálanos hoxe para que nos paremos, remoamos o noso pensamento e vaiamos respondendo de maneira persoal. Porque hoxe somos nós os que temos que respondela. E non nos valen as respostas aprendidas no catecismo. Precisamos facer o camiño con El, sentilo ao noso lado, percibir a súa presenza e así, pouco a pouco, ir cambiando o noso corazón e a nosa mirada da realidade. El invita a facer o camiño do seguimento, como fixo Pedro, como fixo Xoán, como... temos que facer cada un e cada unha de nós.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...