Ir al contenido principal

Pensar e comprometerse coa pobreza

PENSAR EN GLOBAL, COMPROMETERSE NO LOCAL

PÓRTICO

Vivimos nun mundo cuns contrastes económicos brutais, un mundo cunhas cifras que dan arrepío: 1200 millóns de persoas malviven con menos dun euro ao día, 28.000 nen@s morren por causas relacionadas coa pobreza, dous terzos dos analfabetos do mundo son mulleres, 1200 millóns de persoas non teñen acceso a auga potable, 840 millóns de persoas están desnutridas, o 20% dos fogares españois están por debaixo están por debaixo do umbral da pobreza…..

Este é o noso mundo, e non podemos pechar os nosos ollos diante de tanta inxustiza, de tanta marxinación e de tanta pobreza só porque a nós non nos toque directamente.

A celebración que agora comezamos invítanos a pensar en global para comprometernos no local, no concreto, no aquí e agora.

O PERDÓN

  • Porque seguimos despilfarrando, mentres que na terra tant@s irmáns e irmás nosos non teñen o necesario para levar unha vida digna, SEÑOR, ABRE O NOSO CORAZÓN
  • Porque facemos oídos xordos diante de tantas persoas que, ao noso carón, berran pedindo unhas migalliñas do noso tempo, do noso sorriso, do noso amor, da nosa compaña, CRISTO, ABRE O NOSO CORAZÓN.
  • Porque cos nosos silencios e mesmo coas nosas accións somos cómplices de tantas e tantas inxustizas, SEÑOR, ABRE O NOSO CORAZÓN.

O REMUÍÑO

  • MUNDO RICO VERSUS MUNDO POBRE: Hoxe coma nunca, o cadro que nos debuxa o profeta Amós segue a ter unha vixencia tremendamente actual: o chalé da serra ou na primeira liña de praia, o iate, o coche último modelo, as xoias….marcan o poder dos cartos e todos nós, en maior ou menor medida, sentímonos seducidos por el. A denuncia profética, tan actual, ten que valernos de aviso, aos que pertencemos aos países ricos, ao mundo desenvolvido. E, sobre todo, ten que estimularnos a comprometernos na causa dos pobres; porque non podemos esquecer que é a opulencia dos poderosos a que produciu unha fenda para separalos dos pobres. Nun mesmo mundo, fogar de todas as persoas, casa común de irmáns e irmás fill@s dun mesmo Pai, uns viven no inferno, sometidos a suplicios, torturas e enfermidade. Fixemos do mundo un lugar abominable no que uns poucos retiveron para si as vantaxes, os beneficios, os recursos e os bens, mentres consentimos que o 85% restante da humanidade se debate no medio das carencias, enfermidades e opresión. E este abismo que abrimos entre ricos-pobres, norte-sur, desenvolvido-subdesenvolvido…. non se pode minimizar por medio de esmolas, asistencialismo e parches que deixen a nosa conciencia tranquila, senón que cómpre eliminar esta distancia pola vía da xustiza, da misericordia e da solidariedade.

  • CUARTO MUNDO: Pero tamén dentro do noso mundo desenvolvido, tecnificado, rico… atopamos cada vez máis persoas que viven na pobreza e que quedaron á marxe da sociedade: parad@s, anciáns, inmigrantes, traballadores explotados polas empresas de traballo temporal, drogradictos…. conforman a face de Lázaro neste século XXI. E nós… que facemos para axudal@s?, estamos dispost@s a perder do noso para repartir con eles?, estamos dispost@s a facer xustiza?... ou seguiremos sendo Epulóns, consumidores egoístas do banquete.

  • MIGALLIÑAS DE AMOR: E aínda podemos concretar máis: no noso mundo desenvolvido hai moitas persoas que ao mellor non están precisadas do pan material, pero que precisan doutro tipo de pan neste mundo rico pero deshumanizado: o pan da nosa compaña, o pan do noso sorriso, o pan do noso ánimo, o pan da nosa escoita…. Porque non nos enganemos: vivimos no mundo da opulencia e da tecnoloxía; pero nun mundo no que a xente está soa, no que as cidades cada vez máis son só dormitorios, no que cada vez hai máis xente deprimida, desesperanza, estresada, insatisfeita… que non atopa un motivo para erguerse cada mañá.

    As cousas poden e deben cambiar aquí e agora; está nas nosas mans, non podemos esperar que veñan os mortos a espertarnos do sono da insolidariedade e da opulencia. Temos a Palabra que nos esperta, estamos dispost@s a escoitala?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentámosche agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:

QUE O AMOR GUÍE A NOSA VIDA

  • Pola Igrexa, para que sen medo a perder poder económico, prestixio social ou apoio do poder, saiba ser no medio do mundo a voz dos que non teñen voz, dos últimos, dos marxinados, esquecidos e silenciados, OREMOS.

    QUE O AMOR GUÍE A NOSA VIDA

  • Polos países ricos, para que o Señor toque o noso corazón e deixemos de aproveitarnos, desprezar e manter aos países subdesenvolvidos na súa penosa e difícil situación, senón que pola contra traballemos a prol da igualdade e da xustiza social, OREMOS.

    QUE O AMOR GUÍE A NOSA VIDA

  • Por todos os Lázaros deste mundo: enfermos, anciáns, parados, persoas soas… para que comprendan que Deus non os quere resignados á súa pobreza, senón que quere a súa dignidade, o seu compromiso, a súa reivindicación, OREMOS.

    QUE O AMOR GUÍE A NOSA VIDA

  • Por cada un e cada unha de nós, para que a austeridade e a xustiza sexan na nosa vida puntos de referencia que nos leven a traballa para crear espazos de fraternidade e solidariedade nos que se faga posible o proxecto do Reino, OREMOS.

QUE O AMOR GUÍE A NOSA VIDA

Grazas, Señor por acompañarnos, escoitarnos, e mostrarnos o camiño da verdadeira felicidade: o servizo. PXNS.



PARA A REFLEXIÓN

PETICIÓNS NON ESCOITADAS

Eu pedíralle a Deus poder para ser amado,

e atopeime co amor para non precisar ser poderoso.

Pedíralle a saúde para facer grandes cousas,

e atopeime coa enfermidade para facerme grande.

Pedíralle a riqueza para ser feliz,

e atopeime coa felicidade para poder vivir na pobreza.

Pedíralle leis para dominar aos outros,

e atopeime liberdade para liberalos.

Pedíralle admiradores para estar rodeado de xente,

e atopeime amig@s para non estar só.

Pedíralle ideas para convencer,

e atopeime respecto para convivir.

Pedíralle cartos para mercar cousas,

e atopeime persoas para compartir os meus cartos.

Pedíralle unha relixión para gañar o ceo,

e El só me deu ao seu Fillo para acompañarme pola terra.

Pedíralle de todo para gozar na vida,

e El deume a vida para que goce de todo.

Pedíralle ser un deus,

e El só puido facerme persoa...

        (José Antonio García-Monge)

CANTOS

ENTRADA: UNHA XUNTANZA DE AMOR

LECTURAS: CANTA O SOL

OFERTORIO: TODO O MUNDO UNHA FAMILIA

COMUÑÓN: O POUCO QUE DEUS NOS DÁ

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...