Ir al contenido principal

Domingo_3_2009

HOXE PODE SER UN GRAN DÍA

PÓRTICO

É triste, pero cada día coñecemos a moita xente que nace, crece, traballa, reprodúcese (ou non), xubílase e morre. Así, sen máis. Endexamais se preguntaron quén son, cómo son, qué fan, por qué o fan, para qué viven, cara onde camiñan…. ou cara onde quixeran camiñar. Porque ser protagonistas da nosa propia historia, vivir a tope a vida, chegar a ser persoa… non é algo que se nos dea feito, que se consegue con ir sumando anos ou que se atopa sen buscar seriamente.

Descubrir o sentido profundo da vida, ser nós mesmos, é tarefa persoal e intransferible. A tarefa máis urxente e primeira de toda a vida. Porque Deus chámanos a ser nós mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora… e ensinounos o camiño: o servizo. Que a celebración que agora comezamos nos axude a decatarnos de que hoxe é un bo día para descubrilo.

O PERDÓN

  • Por non querer dedicar tempo a revisar a nosa vida, e recoñecer que moitas veces facémoslle mal aos demais co que dicimos e facemos, SEÑOR, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
  • Porque desconfiamos das persoas, dos seus intereses, da súas motivacións negándolles así a nosa confianza, CRISTO, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
  • Porque son demasiadas as ocasións nas que nos refuxiamos na masa, no ruído e na superficialidade, para evitar tomar decisións e enfrontarnos aos problemas, SEÑOR, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.

REMUÍÑO

  • Hai acontecementos na vida das persoas que fan cambiar o noso comportamento, o noso xeito de vida: namorarnos, unha nova amizade, o nacemento dun fillo… Por desgraza, a fe e o encontro co Resucitado non é un deles. Porque vinte séculos despois, o encontro con Xesús, desgraciadamente, non provoca en nós unha integración, un cambio de vida. É verdade que seguimos dicindo e escoitando que o Reino está cerca, mesmo que está dentro de nós; pero na meirande parte dos casos non cremos o que dicimos e, en consecuencia, non cambia a nosa vida. Pedro, André, Santiago e Xoán escoitaron estas palabras de Xesús e créronas. Deixaron as súas barcas, as súas redes, a súa casa… todo o que tiñan. Pero había algo naquela chamada que os convence. E nós?. É posible que ata o de agora, recibiramos unha chamada sociolóxica: nacemos nunha civilización, nunha familia e nun momento no que tiñamos que ser cristiáns. Herdámolo, coma os apelidos. Pero fáltanos o adestramento persoal, a resposta concreta, consciente, madura, reflexiva.
  • Porén, o encontro con Xesús debería transformar todas as realidades deste mundo: redes, familia, barca, negocios, traballo… quedarán descentradas. Porque o Deus que nos revela Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, cercano aos pobres e aos que precisan xustiza. E nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, os seus ollos, o seu corazón, neste noso Nínive de crise, de nihilismo, de paro, de marxinación, de contratos-lixo.
  • Porque só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con Aquel en quen cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. A isto é ao que fai referencia a expresión “pescadores de homes”, que hoxe escoitamos no evanxeo e que moitas veces malinterpretamos primando a cantidade sobre a calidade, converténdoa en sinónimo de imposición. Hoxe, máis que nunca, é importante que entendamos que o camiño nunca pode ser o da imposición, o do medo ou o da obriga, nin tampouco o da obediencia cega, pois ademais de seren contrarios á mensaxe de Xesús, son armas de dobre fío que se volven contra nós co paso do tempo. O camiño pasa pola invitación, e non pola imposición; polo cuestionamento, e non pola obediencia cega; polo afondamento da fe coma resposta ao sentido da vida, e non polo adoutrinamento ou cumprimento de normas sen sentido.
  • Hoxe tamén, Xesús, dinos a cada un e cada unha de nós: vinde comigo. Hoxe pode ser un gran día, plantexémolo así.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Abrámonos ao vento do Espírito para que El nos axude no noso proceso de conversión, e digamos xuntos:

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

  • Pola Igrexa, para que fomente entre todos los cristiáns o respecto a outras crenzas, culturas e razas, e así entre todos busquemos aquilo que nos fai máis humanos e que fai da convivencia o mellor xeito de vivir, OREMOS.

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

  • Para que as nosas comunidades descubran que só desde actitudes que saben asumir os seus erros e superar a tentación de crerse mellores que os demais, camiñamos na conversión do Reino, OREMOS.

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

  • Por nós, para que no día a día da nosa vida saibamos recoñecer que estamos necesitados de tempo de calidade, tempo de reflexión, tempo de discernimento, para abrirnos á esperanza, OREMOS.

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

Señor,que nunca teñamos medo de revisar as nosas actitudes e comportamentos, pois sabemos que ti nos invitas sempre ao cambio e á renovación.P.X.N.S.Amén

REFLEXIÓN

Moitos anuncios,

moitas promesas,

moitas rebaixas,

moitas oportunidades,

moitas gangas…

Moitas veces susúrranme constantemente as súas ofertas.

Pero non me satisfacen,

nin me alimentan nin me quitan a fame,

nin me fan medrar coma persoa.

Neste mar de palabras,

eu só quero dar creto

á túa Palabra, boa e nova,

valiosa e gratuíta,

que me ofrece vida,

dignidade e ledicia.

Eu só quero darche creto a Ti,

que es palabra e vida.

CANTOS

ENTRADA: Amigos nas penas

LECTURAS: Arrepentido

OFERTORIO: Na nosa terra

COMUÑÓN:O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...