Ir al contenido principal

EPIFANIA 2009

SE ESCOITAS AO TEU CORAZÓN, TAMÉN TI CHEGARÁS A BELÉN

PÓRTICO

Vivimos nunha época que pretende chamarse universal, planetaria. Escoitamos falar do mundo coma unha aldea global, as nosas sociedades son cada vez máis multiculturais, as distancias son cada vez máis pequenas.... pero paradoxalmente as persoas andamos cada vez máis divididas e enfrontadas, loitando por defender os propios intereses.

Neste contexto é fácil esquecer a mensaxe de Deus: a liberación é para todas as persoas, que tod@s somos parte dunha familia universal, pois o noso orgullo fainos crer que somos os mellores e os primeiros.

Por iso hoxe, neste día de ilusión, vimos diante do Señor, que é a estrela que guía a nosa vida. Oxalá que ningunha Boa Nova de solidariedade, xustiza e universalidade nos asuste. Oxalá que as escuridades da nosa vida non nos deteñan nin nos desvíen do que un día nos puxo no camiño e se nos ofrece de balde.

O PERDÓN

  •  Por terche negado o ouro, o incenso e a mirra das nosas vidas, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
  •  Porque non somos coa nosa vida e coas nosas actitudes testemuños e estrelas que conduzan aos irmáns e ás irmás cara Ti, CRISTO, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
  •  Porque a pesares de que a vemos brillar enriba de nós, moitas veces non deixamos que a túa estrela alumee e guíe a nosa vida, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.

REMUÍÑO

´ Inmers@s como estamos no consumismo, parece que a festa que hoxe celebramos sexa só un intercambio de agasallos, perdendo o seu senso orixinal: a festa dos Reis é a festa da Epifanía do Señor, da súa manifestación a todos os pobos, razas e culturas. Nestes tres personaxes que chegan de Oriente está representada a universalidade da salvación, que non é só para os xudeus, senón que ven para tod@s. Polo tanto, a de hoxe é unha chamada a saírmos de nós mesmos, a deixar o cascaron, a mirar máis alá do noso embigo para abrírmonos á pluralidade e á multiculturalidade. Ninguén é máis ca ninguén, ninguén está en posesión da verdade absoluta, non hai bos nin malos....senón que todos estamos chamad@s a deixar que a luz de Belén alumee as nosas vidas.

´ Nós, sexa cal sexa a nosa situación e condición, pertencemos ao mundo dos privilexiados, e sería unha burla, coma a de Herodes, querer defender a capa e espada os nosos privilexios, a nosa situación económica, social e cultural. Os pobos e grupos privilexiados habemos vivir sempre coa sospeita de ser opresores. Non é posible a solidariedade, a liberación universal, se queremos manter a nosa situación, porque mantela lévanos a tentar eliminar a quen, coa súa presenza, aínda que sexa de recén nacido, anuncia e trae unha nova sociedade cunhas novas relacións humanas baseadas na igualdade e na xustiza. Por iso vén ben esta festa con aires ecuménicos e coa cor do arco da vella, porque a mensaxe da GS segue a ter plena actualidade:”os gozos e as esperan zas, as tristuras e as angurias das persoas do noso tempo, sobre todo dos pobres e de cantos sofren, sexan tamén os nosos”.

´ Polo tanto, alumeados por Aquel que se manifesta para tod@s, estamos chamados a sermos tamén nós fachos que alumeen a tantos irmáns nosos que viven na escuridade, que alumeemos tantas situacións sociais adversas: o consumismo deste primeiro mundo, a fame que mata millóns de persoas, os escravos incontables, a natureza explotada, os ideais mortos... Porque só si tomamos en serio o noso compromiso activo coma cristiáns seremos capaces de alumear e vencer escuridades. De seguro que se escoitamos o noso corazón, tamén nós chegaremos a Belén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Acheguémonos a carón do Deus que hoxe se nos manifesta como luz, paz e xustiza sen distinción de razas, culturas ou linguas, e digamos:

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Grazas pola Igrexa, comunidade de crentes, que quere ser testemuño levando a tod@s o amor de Deus: un amor universal, sen fronteiras, amplo, capaz de entender a todas as persoas e buscar a xustiza e o ben para todos os pobos, OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Grazas polas nosas comunidades, que queren ser lugares de encontro e de vivencia da nosa fe, sen excluír nin menosprezar a ninguén porque pertenza a outra cultura, porque fale outro idioma ou porque non pense coma nós. OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Grazas por tantas e tantas persoas que, ao noso carón, dan testemuño, coas súas palabras e accións, de que outro mundo é posible, converténdose así en estrelas que conducen aos irmáns e irmás cara Ti OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Alumea, Señor, o noso camiñar para que sexa xusto e solidario, e fainos testemuñas da túa luz e do teu amor. Pedímoscho por Xesucristo, noso Señor. Amén.

REFLEXIÓN

Queridos Reis Magos:

ensinádenos a crer en sinais, palabras e persoas,

ensinádenos a camiñar e superar dificultades,

ensinádenos a dar o noso tempo aos pequenos,

e aos enfermos, e aos que están solos,

ensinádenos a ver a imaxe de Xesús en todos eles,

ensinádenos a non ser conquistadores,

o voso reino é humilde, feito para o regalo,

ensinádenos a ser espellos de Xesús,

a falar do recén nacido neste noso mundo,

ensinádenos a enxugar bágoas e regalar tenrura.

Ensinádenos a ser amigos de Deus e dos cativos. Amén.

CANTOS

                                   Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...