Ir al contenido principal

Nadal 2 domingo

Herdeiros nunha mesma andaina: Deus chega para tod@s

Pórtico

                Durante moito tempo, mesmo para algúns agora, se ten afirmado desde dentro da Igrexa que fóra desta non hai salvación. Porén, a lectura de Paulo volve pornos de manifesto un principio fundamental na mensaxe e tarefa levada a cabo por Xesús: a salvación non é excluínte, senón que é ofrecida a tod@s. Deus revélase, asumindo a nosa condición humana, para que sexa acollido no corazón da tódalas persoas, sen deixar fora dela a ninguén.

            Non estaría de máis volver ler o texto de Paulo que hoxe imos proclamar nas lecturas para evitar crernos superiores ou con capacidade de, querendo asumir o papel de Deus, papel que non nos corresponde, decidir quen pode e quen non pode salvarse.

            Que a celebración de hoxe nos faga tomar conciencia de que estamos nas mans de Deus, non na capacidade de decisión das persoas, por moito báculo ou mitra que leven, para vivir a vida con fondura e sentido.       

Perdón

·         Por querer impor en moitas ocasións o que nos pensamos como o único criterio da fe, esquecendo que Cristo chega sen facer distincións, SEÑOR,QUE APRENDAMOS A ACOLLER.

·         Por non saber descubrir a túa presenza nos que pensan distinto ou viven sen aceptar que seguirte non significa ter que pensar todos igual, CRISTO, QUE APRENDAMOS A ACOLLER.

·         Por non estar dispostos a baixarnos das nosas opinións, rexeitando poñelas en común con quen ten visións distintas ás nosas, SEÑOR,QUE APRENDAMOS A ACOLLER. 

Remuíño

·         Porque a gloria do Señor fai saír o sol cada día sobre cada un de nós, podemos dicir sen medo e verdadeiramente convencidos que a salvación non deixa fóra a ninguén, ao contrario, todos estamos baixo a man acolledora do Deus que segue a confiar en nós, acompañándonos nos pasos que imos dando. El, sabendo estar ao lado, pídenos que aprendamos a deixar a súa pegada no que facemos, no que dicimos, no como e por que imos tomando decisións e enchendo de sentido, máis alá do pragmatismo, a nosa vida. Claro que isto lévanos a que tentemos, cada quen, de descubrir cal é o mellor xeito, desde o que facemos e o onde estamos, de responder a esta invitación que El nos fai. Que tamén nós saibamos ser sol que alumee a vida dos que están máis perto de nós e necesitan non o paso anónimo e soberbio, no que as veces caemos, senón a cercanía quente e agarimosa de quen sabe compartir tristuras e ilusionarse nos pequenos pasos que cada un de nós vai dando na vida. Aprender a prostrarnos, é dicir, poñerlle á vida rostro e nome, non é máis que converter a fe no que sempre quixo Xesús: servizo.

·         Por iso, con Paulo, tamén nós podemos dicir que a salvación, este neno cuxo cumpreanos estamos a celebrar, segue chegando para tod@s: homes ou mulleres, brancos ou negros, árabes ou occidentais, xitanos ou paios, católicos ou budistas, hinduístas ou musulmáns...por iso somos invitados, desde o testemuño que El nos deu, a dicir sen medo nin vergoña: gloria a Deus nas alturas, e paz ás xentes de corazón grande. Deus non quixo poñer fronteiras ao seu proxecto, por que nós nos empeñamos cada día non só en poñer fronteiras que separan, senón tamén muros que incomunican?.

·         Tamén nós, inda que nos pareza que non, necesitamos ir a Belén, como foron aqueles Magos. A eles en Belén mostróuselles que Deus é de todos e para todos, que non é propiedade de ninguén. Que contra da tentación neoliberal ao uso de privatizalo e individualizalo todo, a mensaxe de Xesús segue a falar de universalidade e apertura. Ámbalas dúas han ser guieiros da nosa vida, se non queremos caer nun cristianismo abstracto e baleiro, inda que estea, sen supornos nin comprometernos en nada, presente en nomes de rúas, festas de calendario ou espectáculos procesionais. Só na sinxeleza e na humildade (testemuño) seremos capaces de mostrar a Deus no noso facer e actuar. Belén é confianza, gratuidade, acollida, gozo, esperanza…tenrura. Poñámonos de verdade en camiño.

Oración da comunidade

            Poñámonos en actitude de comuñón, compartindo xuntos as nosas preocupacións e as nosas esperanzas, e digamos: 

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S

  • Que cantos teñen responsabilidades na igrexa, non esquezan nunca que Xesús quere compartir as ledicias e angustias dos homes e mulleres do nosos mundo, OREMOS,

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S.

  • Para que os que dalgún xeito colaboramos no crecer das nosas comunidades: participando nas celebracións, implicándonos nos grupos, formándonos para coñecer máis e mellor qué significa ser seguidor de Xesús, colaborando na catequese ou en Cáritas, animando o canto nas celebracións, visitando aos enfermos no nome da parroquia…non esquezamos que nós non somos máis que un pequeno gran de area no medio da gran praia que é o mundo, e evitemos crernos superiores ou mellores ca os demais, OREMOS.

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S

  • Que cada un dos que nos xuntamos nos domingos para agradecer o don da fe, saibamos ter sempre presente na oración aos que non poden ou non queren estar, porque Deus non obriga, pero sempre quere,.OREMOS.

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S

Grazas por volver lembrarnos que debemos loitar cada día contra da tentación de crernos mellores e superiores aos demais.P.X.N.S. Amén.

Reflexión

ORACIÓN INTERRELIGIOSA

Dóanos a serenidade

Deus, Pai de todas as xentes, dóanos a serenidade,

fai que en todo o mundo ninguén morra ou sufra

por enfrontamentos relixiosos ou por guerras de calquera xénero.

 

Esperta no ánimo de cantos se chaman crentes

o desexo ardente de actuar polo ben e a vida,

e en ningún caso para destruír e matar a un semellante.

Quita das mans de cantos se arman o desexo insaciable

do espallamento do sangue, froito do odio e do rancor.

Que non poidan atopar aceptación no corazón das persoas verdadeiras.

 

A este mundo aflixido de tantos males, entre eles a fame,

as enfermidades, a falta de traballo, a ausencia da verdadeira democracia,

dóalle un tempo de tranquilidade e de esperanza.

Que nunca aniñe no corazón da cada ser humano o temor

de ser morto nin polo terrorismo nin polas guerras asasinas.

 

Por riba do ceo, onde habitas sereno,

concédelle á humanidade enteira o vivir en paz,

confortada por persoas sabias e anhelantes

tranquilas na propia familia e na comunidade de tódolos pobos

que ti, Deus, doas aos teus fillos que nacen aquí.

Que no teu nome non volvamos facer la guerra.Amén

 

                                              (Sobre unha idea de Antonio Rungi, CP)

 

Cantos

ð  Entrada.- Vinde nenos e pastores (panxoliña)

ð  Lecturas .- Misioneiro

ð  Ofertorio.- Gloria ao Señor nas alturas (panxoliña)

ð  Comuñón.- Eu soñei; Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...