Ir al contenido principal

4 domingo TO 2009

DESCUBRILO NO COTIÁN: AÍ ESTÁ O MILAGRE
PÓRTICO
No noso mundo estamos faltos de profetas, de persoas que coa súa vida e coa súa palabra, nos saquen do noso aburrimento, do noso tedio e da nosa mediocridade; profetas cheos de ilusión, de alegría de esperanza, que contaxien optimismo, que contaxien crenza na persoa, nas súas potencialidades, no valioso de cada quen; profetas que busquen unir e construír entre todos un mundo mellor.
Os cristiáns estamos chamados, por un lado, a escoitar e descubrir a eses profetas; pero tamén a ser nós profetas, a levar a voz do Señor a tod@s. Que esta celebración nos faga conscientes desta gran tarefa que temos nas nosas mans.

O PERDÓN
  • Porque moitas veces dicimos e non facemos, embarcamos aos outros e nós quedamos en terra, SEÑOR, PERDOA POR ENDURECER O NOSO CORAZÓN.
  • Polas veces nas que queremos ter sempre a razón e non escatimamos medios para conseguir os nosos obxectivos, aínda que sexa a costa dos demais, CRISTO, PERDOA POR ENDURECER O NOSO CORAZÓN.
  • Porque moitas veces non somos capaces de poñernos na pel e na situación dos que están ao noso carón, SEÑOR, PERDOA POR ENDURECER O NOSO CORAZÓN.
REMUÍÑO
Neste mundo desencantado e aburrido no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención, neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria, porque a xente non conecta con el e non se asombra. Pero hai outras causas, porque tamén é posible que algúns sacerdotes ensinen coma os letrados e coma os rabinos e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. E hoxe, non lles estará pasando o mesmo a moitos dos nosos sacerdotes, a tantos curas funcionarios como temos?. Porque desgraciadamente o que acabamos de dicir sona a aplena actualidade.
Porén, Xesús atraía moitedumes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa e dun xeito especial os encargados de “falar no nome de Deus”, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos de algúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.
Se queremos que o Evanxeo sexa nova leda e actual nas nosas vidas, que sexa tradición viva e vivificante e non simple doutrina enlatada e custodiada no depósito da ortodoxia, temos que ser profetas coa nosa vida. Aí estará a nosa autoridade. Estamos dispost@s?.

Oración da comunidade
Cando Xesús nos chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón, sen medo, a nosa vida nas súas mans, para que a alente e acompañe e digámoslle:
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
  • Para que a Igrexa que tod@s nós formamos esperte do seu acomodamento e do seu medo a perder poder para madurar e dar testemuño con verdadeira autoridade, loitando contra as inxustizas, elevando a súa voz pol@s marxinad@s e oprimid@s, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
  • Polas nosas comunidades, para que polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da unidade e do compartir sexamos quen de superar prexuízos e atrancos e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
  • Por nós, para que nos comprometamos a non facer do evanxeo algo teórico, senón o alento, a forza e a esperanza da nosa vida, e así sexamos testemuñas auténticas do que nos invitas a crer e vivir, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
Grazas, Señor, por descubrirnos que o Evanxeo é vida e espírito e non un conxunto de normas de ortodoxia enlatadas e encorsetadas. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor, ante a oferta tentadora de diñeiro fácil,
do ter como primeira preocupación da vida,
dános clarividencia para descubrir os valores do Reino.
Os valores que duran e resisten ao desgaste do tempo inexorable;
e que non se devalúan como moeda fugaz,
que non resiste máis que flor dun día.
Dános, Señor, sabedoría para optar,
desde a pobreza, libre e voluntariamente escolleita,
polos valores do Reino que, coma a túa palabra, nunca pasan,
a pesares de que a terra perda a súa cortiza e o ceo se afunda.
Mantén o noso oído atento á túa palabra:
«Vende todo o que tes,
dáo aos pobres, ven e sígueme».
Que o noso afán de cada día sexa ser pobres
e estar cos pobres polo Reino.
O resto sabemos que nolo darás con fartura.

CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Escoita ti
OFERTORIO: Acharte presente
COMUÑÓN:Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...