Ir al contenido principal

Domingo 28 TO 2010

Deixemos atrás o barro e mergullémonos na auga fresca da vida: Deus é auga de gratuidade purificadora

Pórtico

Saber dar grazas estílase pouco hoxe en día. Vendo o xeito de actuar de moita xente parece que saber agradecer, poñer unha cara amable, mirar con limpeza aos ollos dos demais, tender unha man sen tensión nin desconfianza son rarezas do pasado. O que se leva, o que mola, o que tod@s aplauden e "xalean" é o mal gusto e a desconsideración cara aos demais.

Diante disto o que hoxe imos celebrar e compartir preséntasenos como unha experiencia de agradecemento, bo gusto e educación, de preocupación polas persoas, moito máis importantes que as ideas e que tantas veces esquecemos. Si, educación, algo que non se estila nin valora no momento actual no que todo é falar de política, de cartos, corrupción, engano… sen que quede tempo para a tenrura, o sorriso, a sinceridade ou as relacións de verdadeira amizade.

Xesús volve dicirnos que o camiño non ha ser outro, que estamos chamad@s, a pensar coa cabeza, actuar co corazón e acoller coas mans; e que neste facer saibamos descubrir que un simple grazas pode ser un sopro de dignificación para quen a vida o ten levado por camiños de dureza e incomprensión.

O PERDÓN

  • Polas veces que non sabemos agradecer o moito ou pouco que a vida nos regala; SEÑOR, GRAZAS POLA VIDA.
  • Por ter actuado só para que me valorasen e buscando o recoñecemento público, esquecendo que os demais tamén fan posible que eu sexa feliz; CRISTO, GRAZAS POLA VIDA.
  • Polas veces en que non confiamos na xente sinxela e nas persoas que temos ao noso carón para atopar o equilibrio na vida; SEÑOR, GRAZAS POLA VIDA.

REMUÍÑO

  • Hoxe as lecturas fálannos da acollida. Acollida por parte de Deus, que non dubida en curar a un estranxeiro e tamén acollida de Xesús, que alaba a actitude agradecida dun samaritano, un ninguén. Toda unha lección para nós, que moitas veces pechamos o noso corazón a quen non pensa e sente igual. E non só a nivel das nosas comunidades, senón a nivel de toda a Igrexa, especialmente nos seus representantes públicos. Non está lonxe o tempo no que se dicía que fóra da Igrexa ninguén podía salvarse e aínda hoxe somos quen de poñer coto a persoas e incluso orientar a outras de con quen se poden ou non relacionar. Que ben nos veñen hoxe as palabras de Xesús que só un estranxeiro é quen de dar grazas a Deus por curalo. Polo tanto, somos abertos de corazón?. Estamos dispostos a axudar a todos, mesmo aos que pensan distinto?. Canto temos que aprender da xenerosidade, da entrega, da solidariedade, do empeño, da austeridade e do traballo cotiá de moitas persoas que, aínda que non pensan coma nós, son capaces de vivir moito mellor todos estes valores.
  • Que exemplo, que sintetiza moi ben o que debera ser a nosa relación con Deus, nos presenta o evanxeo de hoxe!. Si, unha vez máis lémbrasenos, pónsenos diante dos nosos ollos, que só na e desde a gratuidade seremos capaces de entender; e non só iso, senón tamén de testemuñar, que a fe é don e graza. Deus non nos pide ser atletas nin campións en conseguir marcas de libro "Guiness" por ter asistido a misas, novenas, procesións, promesas espectáculo…non, Xesús, ao que nos invita é a que non esquezamos nunca a importancia de saber agradecer. E aprender a facelo desde a naturalidade, sen que teñan que estar presentes nin as cámaras da televisión, nin os micrófonos da radio, nin a libreta de notas dos corresponsais dos periódicos. Por que tamén a nós se nos ten pegado ese afán de saír na TV, radio ou xornais?. Por que estamos tan nerviosos por saber se van vir ou non os periodistas, e tan pouco entregados a ser fermento que faga levedar a masa do noso mundo tantas veces cheo de contrasentido e actitudes contrarias ao evanxeo?. Por que nos quedamos moitas veces no externo, insistindo en ter minutos de gloria nos medios, e esquecemos que o importante é preocuparnos de quen está ao noso lado ou nos necesita: poñernos a ben co veciño, evitar enfrontamentos, saber tratar con respecto, dozura e agarimo a quen sabemos roto e esquecido por tod@s?. Por que; por que, por que...?. Ao mellor é porque estamos máis pendentes do que nos poidan dicir os outros, que de descubrir a Xesús nos trafegos, coas súas ledicias e dificultades, da nosa vida. Porque xa temos rutinizado tanto a nosa fe, que camiñamos na confusión de pensar que con tal de dar conta das miserias dos demais, ou mesmo das nosas, e que cantos máis nos vexan contalo mellor. Parece que para moitos o que importa é exhibirn@s, inda que tal exhibición sexa decadente, inhumana e empobrecedora. Que lonxe todo isto da sinxeleza de Xesús!. Que lonxe da grandeza do leproso (gafo) que se achegou a dar grazas!. Con que facilidade nos deixamos levar de modas, costumes ou pequenísimos momentos de gloria, que sendo tan efémeros, acaban deixando tristeza e baleiro!. Pero inda estamos a tempo, abramos ben os ollos, prestemos atención ao mundo e esforcémonos por descubrir a presenza de Xesús nel; aprendamos a coñecer un pouco máis o evanxeo que quere mover, alentar e dar sentido a nosa vida. E isto non se pode facer se non o temos como o noso libro, a nosa experiencia, o noso referente de cabeceira. Só entón acabaremos entendendo por que aquel home que foi curado se achegou para dicirlle: grazas.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Sabendo que somos comunidade que se pon na túa man e se abre á túa confianza, dicimos xunt@s:

QUE APRENDAMOS A VIVIR NA GRATUIDADE

  • Dámosche grazas pola Igrexa, porque, consciente da pluralidade que hai no seu seo, pon medios axeitados para que todos, en liberdade, poidan expresar as súas ideas e pensamentos sen medo a represalias ou a exclusións; por iso che dicimos:

QUE APRENDAMOS A VIVIR NA GRATUIDADE

  • Dámosche grazas pola nosa comunidade, pola nosa parroquia, onde aprendemos día a día a convivir, a pesar dos desencontros e das dificultades; por iso che dicimos:

QUE APRENDAMOS A VIVIR NA GRATUIDADE

  • Dámosche grazas porque nos sentimos seguidores teus, aprendendo a vivir a fe como unha tarefa de integración persoal, de crecemento e madurez, que se vai mostrando na nosa capacidade de vivir con paciencia e comprensión ás debilidades dos demais; por iso che dicimos:

QUE APRENDAMOS A VIVIR NA GRATUIDADE

Grazas, Señor, por lembrarnos que a fe nos esixe un estilo de vida guiado sempre polo respecto e o recoñecemento da persoa, imaxe e semellanza da túa presenza. P.X.N.S.

PARA A REFLEXIÓN

Grazas á vida, que me deu tanto.

Deume dous luceiros que, cando os abro,

distingo perfecto o negro do branco,

e no alto ceo o seu fondo estrelado,

e nas multitudes a persoa a quen amo.

Grazas á vida, que me deu tanto.

Deume o oído que, en todo o seu ancho,

graba noite e día grilos e paxaros,

e a voz tan tenra da persoa a quen amo.

Grazas á vida, que me deu tanto.

Deume o son e o alfabeto,

e con el as palabras que penso e declaro:

nai, amigo, irmán e luz alumeando

a ruta da alma da persoa a quen amo.

Grazas á vida, que me deu tanto.

Deume a marcha dos meus pés cansos,

con eles andei cidades e charcos,

praias e desertos, chairas e vales,

e a túa casa, a túa rúa e o teu patio.

Grazas á vida, que me deu tanto.

Deume o corazón, que axita o seu marco

cando miro o froito do cerebro humano,

cando miro o bo tan lonxe do malo,

cando miro o fondo dos teus ollos claros.

Grazas á vida, que me deu tanto.

Deume o sorriso e tamén o pranto.

Así distingo dita de quebranto,

os dous materiais que forman o meu canto.

Grazas á vida, que me deu tanto.

CANTOS

  • ENTRADA: Todos xuntos
  • LECTURAS: A auga do Señor
  • OFERTORIO: O pouco que Deus nos dá
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...