Ir al contenido principal

Domud_2010

OS BOS NON SON PERMEABLES Á GRAZA

PÓRTICO

Constancia e perseveranza son dúas palabras que hoxe se escoitan pouco. Para quen está disposto a aprender, a deixarse guiar, a recoñecer que necesita dos demais, estas dúas palabras teñen pleno sentido. Porén, para quen se cre perfecto, seguro, inamovible nos seus plantexamentos e visións, nin a constancia nin a perseveranza son importantes nin teñen valor; para que si xa o ten todo claro?. Pois ben, os textos de hoxe non deixan de repetirnos que só quen é capaz de seguir a pesares de que as dificultades non son poucas; só quen sabe buscar portas abertas e ventás de aire fresco de renovación e cambio; só quen vai descubrindo que a universalidade da fe leva unida a solidariedade dos cristiáns, pode entender por qué, una vez máis, celebramos o día das misións, compartindo gozos e esperanzas cos homes e mulleres que, en situacións e mundos difíciles, están a traballar polo Reino, dándose en entrega xenerosa de vida, tempo e capacidades. Só quen é capaz de entender isto, entende tamén por qué esta mañá estamos reunid@s no nome do Señor para compartir, celebrar e renovar a fe.

O PERDÓN

  • Por todas esas veces nas que non queremos recoñecerte na mirada de quen nos busca esperando atopar consolo, sorriso, paz, compaña ou axuda, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SERVIR.
  • Por todas esas veces nas que a nosa soberbia e a nosa autosuficiencia nos impediron poñer a nosa confianza en Ti, CRISTO, QUE APRENDAMOS A SERVIR.
  • Polas veces en que lle pechamos as portas aos demais, negándolles a amizade, o sorriso, a participación, a igualdade, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SERVIR.

REMUÍÑO

APRENDER A MIRAR: Moitas veces a nosa mirada non é profunda, non busca comprender para poder actuar, senón que é unha mirada de simple curiosidade, unha mirada que non afonda nun mundo cheo de moitas caras, unha mirada na que todo nos escorrega. Nunca é unha mirada que ansía comprender, amar e tender a man. Isto fai que a fe sexa algo superficial, como a mirada, pouco profunda. Podemos sabe-la letra, pero non estamos dispostos a vivir iso que tantas veces temos escoitado. Por iso necesitamos mirar con ollos novos, cos ollos do neno que comeza a descubri-las cousas e se sinte desconcertado, pero con gañas de aprender. Por iso a lectura do Libro do Eclesiástico que vimos de escoitar ten que ser para nós unha invitación a ofrece-las nosas mans, pequenas e que pouco poden, para que unidas a outras moitas mans, axuden a que a mirada supere a curiosidade e comece a ver a necesidade de facer cadeas que posibiliten que onda haxa dor poida comezar a agromar a esperanza. Pois de nada nos vale torcer a cara ou facernos crer que non pasa nada. O mundo que imos construíndo non nos gusta, e temos que dicilo. Pouco se parece ao mundo que quere Deus, que non o esquezamos, non é parcial, senón que ten debilidade polo pobre e o oprimido. Podemos dicir nós o mesmo ou, pola contra, só estamos ao lado dos ricos e poderosos?.

MANTENDO A FE:
E neste camiño no actuar desde a xustiza de Deus nunca podemos estancarnos, declararnos cansos, ou pensar que nós xa fixemos o bastante. Querer vivir no mundo desde a xustiza de Deus, fai que esteamos sempre en actitude de esforzarnos por coñece-la realidade e esforzarnos, xunto con outros moitos, por cambiala, pois só así poderemos, coma Paulo, dicir que temos combatido ben o combate que nos vai levando cara a meta onde ninguén se sinta rexeitado e degradado. Como pretendemos esperar unha recompensa, mentres deixamos ir as cousas por camiños nos que os máis débiles, aqueles que non son triunfadores e non saen na televisión, son ignorados, silenciados ou ninguneados?. Que ao chegar á meta, podamos presenta-lo corazón cheo de compromiso solidario na loita pola defensa dos máis débiles!

TERSE POR XUSTOS, SENTIRSE SEGUROS E DESPREZAR AOS DEMAIS: Nestas tres actitudes céntrase a crítica que Xesús lle dirixe ao fariseo da parábola. E este fariseo e, moi a miúdo, un espello de cada un de nós. É distinto: non é ladrón, adúltero, inxusto.... non é coma os demais. Pero non só non é coma os demais, senón que actúa dun xeito que Deus debe agradecerlle: fai xaxún, dá esmola.... E nós?. Pois tamén damos grazas por non sermos coma el, estamos tranquiliños, aínda que temos moito que rascar. Así, a nivel de Igrexa, non hai demasiadas veces demasiada prepotencia?, a nosa xerarquía non se predica continuamente a si mesma, en lugar de predicar e mirar a e como Cristo?. Nas nosas comunidades, non nos cremos mellores que a parroquia do lado?, non infravaloramos o traballo dos demais, desprezándoos?. E a nivel persoal, non son demasiadas as ocasións nas que vemos a palla no ollo alleo e non nos decatamos da viga no noso?.

Hoxe, xornada do DOMUND, é un bo día para que, coma o publicano, miremos cara dentro do noso corazón e miremos aos irmáns cos ollos de Deus. O día das misións é unha chamada de atención ao primeiro mundo para que abandone calquera tentación de paternalismo, e comece a traballar desde a perspectiva da xustiza e na búsquea da igualdade. Porque os irmáns, todos os irmáns, non podemos facer diferenzas. Se o pan é o mesmo, ¿por que non acabamos de entender que temos que compartilo?. A misión fainos tomar conciencia de que se todos somos Igrexa, non pode haber fronteiras que separen e convertan a uns en bos e a outros en indesexables.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque a perseveranza é para Ti, Señor, unha invitación que nos fas cada día, acollémola como actitude persoal e eclesial, e de xeito comunitario dicimos:

QUE SAIBAMOS SER IGREXA UNIVERSAL

  • Polo Papa, os Bispos, cregos, animadores das comunidades, catequistas... para que nuncan sexan coma o fariseo e se prediquen a si mesmos, senón que pola contra sexan quen de recoñecer que ás veces están equivocados e precisan da tenrura de Deus, OREMOS.

QUE SAIBAMOS SER IGREXA UNIVERSAL

  • Polos que gobernan os Estados, para que promovan a verdadeira solidariedade cos máis pobres, necesitados e oprimidos, contribuíndo a saciar a súa fame de amor e a súa sede de xustiza, OREMOS.

QUE SAIBAMOS SER IGREXA UNIVERSAL

  • Para que nas nosas comunidades, a túa Palabra, Señor, non sexa nunca auga que esvara deixándonos indiferentes diante da dor e do sufrimento dos demais, senón esforzo continuado da xenerosidade, OREMOS.

QUE SAIBAMOS SER IGREXA UNIVERSAL

  • Por todos os misioneiros e misioneiras que hai no mundo, para que, levando a súa vida aos demais, sexan luz dunha nova humanidade que loita por abrirse paso entre tanta inxustiza e desigualdade, OREMOS.

QUE SAIBAMOS SER IGREXA UNIVERSAL

Ao teu abeiro poñemos canto nos preocupa e entristece, Señor; pero tamén o que nos esperanza e alenta, para que nos esforcemos por descubrirte nos irmáns que necesitan de nós. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Hai algo peor que ter malas ideas:

é ter ideas definitivas.

Hai algo peor que ter mala conciencia,

e aínda peor que facerse unha mala conciencia:

é ter unha conciencia perfecta.

Hai algo peor que ter un espírito malo:

é ter un espírito acomodado.

Porque os mellores, os bos,

ou alomenos aqueles que gustan de ser chamados así,

non teñen defectos na súa armadura... e nunca son feridos.

A moral da súa pel é para eles coraza e caparazón.

Porque non lles falta nada, nada se lles dá;

porque non lles falta nada, ninguén lles ofrece todo.

A caridade de Deus non cura a quen non ten feridas.

Precisamente por estar ferido no chan,

aquel home foi recollido polo samaritano.

Por estares sucio o rostro de Xesús,

foi limpado polo pano da Verónica.

Por mostrar as súas feridas, as súas penas, o seu amor

Xesús dignificou á muller pecadora.

Así, pois, quen non caeu, nunca será erguido;

quen non se manchou, nunca será limpado.

Os bos non son permeables á graza.

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
  • LECTURAS: Veña o teu Reino
  • OFERTORIO: Misioneiro
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...