Ir al contenido principal

Domingo 31 TO 2010

A discreción de quen está sen que se note.

Sempre en boas mans

PÓRTICO

Hoxe, máis ca nunca, tanto na sociedade como na Igrexa, parece que non se quere que as persoas medremos. Estamos mellor pequenos, sen miras, sen horizonte, dándonos todo feito e ser sermos responsables das decisións, que outros toman por nós. Porén, a celebración quere que miremos mais alá, que poñamos medios propios para salvar os obstáculos e descubrir a realidade e as persoas. Só dependerá de nós, do noso esforzo, da nosa creatividade, da nosa coherencia, da nosa valentía. E así atoparemos ao Señor, que virá á nosa vida, non para dicirnos o que temos que facer, senón para darnos a oportunidade de responder, dende o que somos e temos, ao reto de sermos cristiáns no medio do noso mundo. Non desaproveitemos esta nova oportunidade e baixemos da figueira.

PERDÓN

  • Porque, a diferenza de Zaqueo, non estamos dispost@s a baixar da figueira e deixarte entrar na casa da nosa vida, SEÑOR, QUE NON CHE PECHEMOS A PORTA.

  • Porque non sabemos ser para os irmáns e as irmás esa oportunidade de cambio co noso sorriso, coa nosa confianza, coa nosa man, CRISTO, QUE NON CHE PECHEMOS A PORTA.
  • Porque temos feito da fe, non a convicción que nos abre á esperanza e nos invita a camiñar na gratuidade, senón un xeito de comprarte e utilizarte en proveito propio, SEÑOR,QUE NON CHE PECHEMOS A PORTA.

REMUÍÑO

PORQUE O SEÑOR NON ABORRECE NADA DO QUE FIXO: A primeira lectura que vimos de proclamar, tomada do Libro da Sabedoría, supón un sopro de aire fresco neste clima tan cargado da nosa Igrexa, xa que nos invita a ver o mundo con ollos de esperanza, con ollos positivos, con ollos de bondade. Porque neste mundo, que Deus crea e nós recreamos, non hai nada aborrecible. Unha vez máis: que lonxe está a Palabra das palabras de moitos dentro da nosa Igrexa que, hoxe coma nunca, teiman na xerarquización, na obediencia cega que non cuestiona nada e na uniformidade que acaba converténdose en rutina. Si, cando volvemos escoitar con forza aquilo de que "fóra da Igrexa non hai salvación", a Palabra, incansable, quere facernos caer na conta que Deus non é verdugo nin xuíz sanguinario, senón que segue a ser Pai-Nai que acubilla, acolle e perdoa. Por que entón a nós se nos enche a boca falando dun castigo de Deus, dun Deus que leva conta dos nosos erros e a quen lle temos que facer constantemente actos de desagravio?. Non será que nos predicamos a nós mesmos, mesquiños e ruíns, e proxectamos esa mesma imaxe de Deus por ser a que nos proporciona maiores dividendos e seguridades?. Ata cando, Señor, seguiremos vivindo amedrentando e humillando aos irmáns?.

SEXAMOS DIGNOS DA NOSA VOCACIÓN:
Porque Deus nos quere, porque para El somos importantes, porque se ocupa e preocupa por nós, non podemos nin debemos fallarlle: El chámanos á felicidade, a realizarnos como persoas a través da nosa vocación cristiá no medio do mundo. E temos que facelo sen desesperar, cos pés pisando forte, sen caer na tentación de fuxir, de pecha-los ollos ao que pasa, de querer desentenderse dos problemas e retos. Porque aí está o noso compromiso de fe. Que as dificultades non nos leven a caer na tentación de refuxiarnos nos "cuarteis de inverno" dunha fe cómoda, cultual e amoldada aos nosos propios intereses.

E SEXAMOS PERSOAS ABERTAS, QUE DEAN OPORTUNIDADES: E neste estar no mundo, non somos quen de ser xuíces dos demais. No marco dunha sociedade teocátrica coma a de Israel, invadida por unha nación estranxeira e obrigada a pagar pesadísimos impostos, a figura do "recadador" é o símbolo do renegado e mercenario ao servizo de Roma. Zaqueo era baixo de estatura, un ladrón, un proscrito. Con todo, quería ver quen era Xesús e El... reparou naquela persoa. Soubo ir máis alá dunha mirada superficial, soubo mirar cara dentro, soubo descubrir que aquel home berraba en silencio que lle desen unha nova oportunidade, soubo descubrir que aquela persoa quería e podía cambiar e entrar na dinámica do Reino. Porén, nós seguimos empeñados en que as persoas non poden cambiar, seguimos negándolle a oportunidade do cambio a quen nos fixo dano, seguimos sen saber descubrir que o Señor pasa cada día e que hai moitos irmáns que, subidos na figueira da dor, da incomprensión, da soidade, da marxinación, da pobreza... esperan o seu paso para aterrar e comezar unha nova vida. Seremos nós tan curtos de sentimentos como para negárllela?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Dispoñámonos agora a compartir de xeito comunitario canto queremos presentar a Deus para que o alente e acompañe dicindo xunt@s:

QUE NON QUEDEMOS ENRIBA DA FIGUEIRA

  • Para que na Igrexa aprendamos, como fixo Zaqueo, a deixarnos cuestionar polo testemuño de tantos homes e mulleres que, sen conviccións relixiosas, saben baixar da figueira e arriscar a súa vida a favor da dignidade dos outr@s, OREMOS:

QUE NON QUEDEMOS ENRIBA DA FIGUEIRA

  • Para que a loita de tantas persoas que son capaces de deixar atrás ansias de enriquecemento, poder, prestixio… pola causa do Reino, sexa para nós exemplo e testemuño que nos faga ser autocríticos e sinceros con canto non facemos ben e úrxenos deixar atrás, OREMOS:

QUE NON QUEDEMOS ENRIBA DA FIGUEIRA

  • Para que nos esforcemos cada día por non poñer na vida dos que están ao noso redor tristura, inxustiza, amargura, explotación ou esquecemento, OREMOS:

QUE NON QUEDEMOS ENRIBA DA FIGUEIRA

Señor, que prestemos atención a canto nos vas mostrando coa túa palabra e co testemuño de tantas persoas que saben ser felices poñendo sorriso e felicidade na vida dos demais. P.X.N.S. Amén.

Para a reflexión

Señor, hospedándote na casa de Zaqueo.

botaches por terra toda a túa boa reputación.

Ensínasnos que axudar ás persoas

a saíren do pozo no que están metidas

é máis importante que todas as murmuracións.

Sen tardar, Ti farás agromar a verdade.

Señor, cústanos dicir a verdade sen ferir.

Axúdanos a achegarnos ás persoas,

a poñernos no seu sitio e a saber ler os pequenos xestos

que nos din que esa persoa precisa de nós.

Señor, en cada un de nós agóchase un Zaqueo:

queremos cambiar moitas cousas; pero non sabemos cómo;

subímonos a árbores que non están ao teu paso,

porque sabemos moi ben que cambiar supón

refacer moitas actitudes que nos separan dos demais.

Cantos

  • ENTRADA: Non vou só
  • LECTURAS: Amóstranos, Señor os camiños da vida
  • OFERTORIO: Velaquí Señor
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...