Ir al contenido principal

REMOL DÍA DE SANTOS

Santos e benaventurados onte, hoxe e sempre.

Testemuño de esperanza e autoestima gozosa

Pórtico

    Benaventurados!!!!!!!!!!!. Si, benaventurados cantos souberon entender que dicir creo, confeso e amo, non eran só tres palabras, senón unha auténtica e fonda expresión da experiencia de entrega xusta, gozosa e sempre solidaria ás persoas, sen atender ao seu rango social –os santos estiveron, están e estarán sempre moi afastados da prensa do corazón– ou á importancia política,cultural ou económica. A súa benaventuranza non foi herdanza material, que se poxa na mellor das subastas, senón ter aprendido a facer da súa vida un canto de amor e servizo calado e nas máis das veces descoñecido aos ollos dos que buscan converter as persoas en xoguetes rotos, mercadeando coas súas vidas para gañar anunciantes. Os santos, sempre benaventurados, souberon recoñecer e tratar coma fillos de Deus e irmáns a homes e mulleres aos que a inxustiza, a pobreza, a exclusión, o desamor, a vinganza, as intrigas… lle quitaron a dignidade. Pero aí estaban eles, persoas de carne e oso, coma nós que con sinxeleza e humildade, quixeron e souberon poñer corazón, razón e mans, para facer das vidas de cantos os necesitaban, oasis de misericordia, igualdade, entrega e dignidade; presentando a través do seu facer o rostro do Deus que nos quere e nos leva da man.

Perdón

  • Polas veces nas que non somos capaces de facer da nosa vida espello, preocupación e dedicación para quen se sente perdido e desnortado, SEÑOR, QUE POÑAMOS CORAZÓN NA NOSA VIDA.
  • Pola nosa indiferenza e falta de testemuño á hora de ser conciencia crítica de canto fai que se apague o sorriso na vida das persoas que están máis preto de nós, CRISTO, QUE POÑAMOS CORAZÓN NA NOSA VIDA.
  • Porque desde a nosa indiferenza, sóbrannos razóns para actuar con despreocupación e afastamento de canto non nos dá renome ou recoñecemento social, e fáltanos valor para ser mellores persoas, SEÑOR, QUE POÑAMOS CORAZÓN NA NOSA VIDA.

Remuíño

  • Fillos, e polo tanto irmáns. Esta podería ser a afirmación fundamental que nos leve a entender o texto da carta de Xoán. Un texto que nos vai marcando o noso ir facendo falar os textos da palabra na nosa vida, e que nos lembra, unha vez máis, que sen antropoloxía, é dicir, sen pensar desde e para o ser humano, non podemos vivir a fe e chamarnos crentes e seguidores do Mestre. E isto é así porque desde a concepción da persoa que emana dos textos da Escritura ábrense unha serie de consecuencias para cada un de nós, os cristiáns, desde o aquí e agora de cadaquén. Unha concreción que nos leva a que cando dicimos fillos e irmáns saibamos ler o que pasa no noso redor desde o esforzo por cambiar as cousas e facelo desde un quefacer humano e humanizador. Pero, como nos custa!. Que difícil nos resulta converter esta afirmación en cotidianeidade, en normalidade no que facemos cada día: o traballo ben feito, o tempo dedicado á familia, a preocupación para botar unha man, a inquietude polo que lle pasa aos que están no noso barrio ou na parroquia, o saber facerse presente cando un veciño, un amigo ou un familiar está enfermo… Nisto consiste converter a vida e a relación cos demais en fraternidade e filiación. Como fixeron aquel@s aos que hoxe queremos honrar coa súa festa, os santos.
  • Celebramos a festa da comuñón, do sentírmonos preto e remando no mesmo barco como membros da mesma tripulación: a Igrexa!. Comuñón que non é mimetismo nin uniformidade,senón pluralidade e diversidade, poñendo os nosos carismas, as nosas calidades, o que podemos e sabemos facer mellor ao servizo dun vivir máis feliz, máis cheo de esperanza, onde a felicidade non sexa unha utopía, senón momentos que entre uns e outros imos conseguindo que nin nos sintamos solos nin baleiros, senón cheos de proxectos e ilusións que entre tod@s imos acadando para que os que veñen tras de nós poidan atopar unha parroquia, un país, un mundo que lles guste, que non os enfronte, que os faga sentirse persoas e non cousas que os que mandan utilizan. Os sant@s entenderon que facer iso era vivir o Evanxeo, por iso entregaron a súa vida para conseguilo, e deste xeito, inda que non estean no calendario, están no corazón de cada un e cada unha de nós. Porque somos fillos no Fillo, o testemuño dos santos é para nós a mellor receita para pór de manifesto que este é o camiño, e que é posible chegar á meta sen ter que deixar a ninguén atrás nin utilizalo como se fosen cousas de usar a tirar.
  • Por iso eles son benaventurados, e a nós invítasenos a esforzarnos por facer da benaventuranza o proxecto da nosa vida. Inda que choremos porque non nos comprenden, se rían de nós porque temos outro xeito de ver e facer as cousas, nos poñan trabas e dificultades cando traballamos pola paz e a xustiza e tratamos aos demais con mansedume, non temos porque sentirnos estraños ou "frikis". Non sería a primeira vez que iso pasase. E como nos di o Evanxeo, se o facemos así, "grande será a nosa recompensa no ceo". Por iso celebramos hoxe esta festa e dignificamos aos seus protagonistas, podendo gritar tamén nós: benaventurados!.

Oración da comunidade

Sant@s porque descubriron que a mellor felicidade é entregarse á loita de facer da vida un canto de dispoñibilidade e servizo a quen o necesite, sabendo ter como guieiro o "pasar facendo o ben" de Xesús de Nazaret. Unid@s nesta mesma comuñón dicimos xunt@s:

QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DE SANTIDADE

  • Para que na Igrexa non deixemos pasar nunca diante de nós sen fixarnos nin valoralo, o testemuño silencioso, pero cheo de traballo e tempo entregado ao servizo dos demais, de tantas persoas que no noso mundo rompen coa indiferenza do socialmente admitido como único e bo, OREMOS

QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DE SANTIDADE

  • Para que nas nosas comunidades abramos ben os ollos e descubramos ás persoas que, sen dicilo nin importarlle que non se saiba, son capaces de facer cousas polos demais de xeito alegre e xeneroso, OREMOS

QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DE SANTIDADE

  • Para que nós deixemos de celebrar a festa de tódolos Santos con espírito tristeiro, desasosegado e pesimista; espírito de morte e de mortos, e nos unamos a cantos queren facer deste día unha homenaxe chea de esperanza e recoñecemento aos que entregaron a vida para cambiar as cousas sen esixir nada a ninguén, e dando sempre amor, OREMOS.

QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DE SANTIDADE

Que a oración que hoxe compartimos nos esperte do sono do derrotismo, e fixándonos no testemuño de homes e mulleres aos que hoxe agradecemos o seu exemplo e chamamos santos, aprendamos deles levando a nosa vida por vieiros que abren aos demais e non se pechan no individualismo egoísta. P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Eu sinto no profundo do corazón

que triunfaremos un día.

Camiñaremos da man un día.

A liberdade faranos libres un día.

Deus estará da nosa parte un día.

Eu síntoo no profundo do corazón.

(Joan Báez)

Cantos

  • ENTRADA: Unha xuntanza de amor
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...