Ir al contenido principal

19 Domingo TO C

UNHA ESPERA ACTIVA E COMPROMETIDA. A NECESIDADE DE DEIXAR ATRÁS OS CÁLCULOS MATEMÁTICOS DO POSIBILISMO PARA ACTUAR ACOLLENDO A REVOLUCIÓN QUE O ESPÍRITO VAI DEIXANDO EN NÓS

PÓRTICO
            Hai uns días, o papa Francisco asinou un texto, encíclica, no que quere transmitirnos que a fe é sempre luz. Unha luz que abre camiños e vai facendo posible que os que a seguen non se perdan. Toda unha invitación para os que nos chamamos seguidores de Xesús!. Se non somos capaces de vivir a fe como a luz que nos vai levando á plenitude da que nos fala Xesús, dificilmente poderemos entender as palabras do evanxeo que constantemente nos invitan a facer da nosa vida un canto de solidariedade e amor para cos demais.

         Sen a luz da fe, a tebra pouco a pouco acaba por imporse na vida. E ben sabemos que cando esta chega, asenta en nós e é moi difícil de afastar. Na maioría das ocasións, a tebra chega para quedar. Por iso Xesús insiste unha e outra vez en que a fe ten que ser esa luz que acompañe, acolla, anime, achegue e nos abra a atoparnos cos demais, evitando pecharnos, de xeito individualista e insolidario, en nós e nas nosas lideiras.

         Deixemos logo que esa luz impregne o noso corazón, o noso pensamento e as nosas accións. Fagámolo sen présa, saboreando e gustando da palabra e dos feitos que Xesús tanto loitou por mostrarnos e transmitirnos e afastémonos da tentación de converter a fe en algo impositivo, oco de sentido e cheo de ritos, que nos secan interiormente e nos converten en fundamentalistas totalitarios.


O PERDÓN
*        Señor, afástanos da tentación de vivir a fe con medo, SEÑOR, QUE ACOLLAMOS A TÚA LUZ.
*        Cristo, que non caiamos na tentación de vivir a fe coma imposición, CRISTO, QUE ACOLLAMOS A TÚA LUZ.
*        Señor, que non nos deixemos levar nin das présas nin da impaciencia, SEÑOR, QUE ACOLLAMOS A TÚA LUZ.


REMUÍÑO
ü  Cando rezamos desde os textos da palabra de Deus, e máis alá da necesidade de superar a tentación de lelos de maneira literal e convertelos en xustificación das nosas teimas, temos que partir da premisa de que é Deus o que se achega a nós. Non son as nosas teimas nin as nosas accións as que entenrecen o seu corazón. El non necesita entenrecerse, porque nos quere desde sempre, desde a primeira hora; non necesita dos nosos sacrificios, das nosas promesas nin das nosas renuncias para querernos e acollernos como somos. Que Deus cruel sería ese que só abrandase o corazón se lle pagamos para que conceda canto lle pedimos?. A pouco que o pensemos, descubririamos que nunca podería ser un Deus amor; ao contrario, sería un deus sádico, malévolo e interesado. Pero non, o Deus de Xesús, non é así. El dá o primeiro paso, sae ao noso encontro, atópase e chama por nós. E todo, por amor. Non temos que conquistar o corazón de Deus con dor e sufrimento. El xa conquistou o noso por amor, por iso nos chama, nos quere e nos acompaña. Escolleunos!
 

ü  Un anticipo do que vai ser a plenitude dese amor que El nos ten vivímolo a través da fe. Logo, esta non é un concepto teórico, pechado e abstracto, senón unha resposta persoal a unha invitación. A invitación que El nos fai de acollelo e seguilo. Como podemos facelo?. A resposta descubrímola se somos capaces de fixar a nosa atención nos textos da palabra que cada día imos proclamando nas celebracións. A súa palabra vainos mostrando que a salvación na que camiñamos, e que un día viviremos en totalidade ao seu lado, vaise desenvolvendo cada día por medio do noso actuar, das actitudes que imos pondo en práctica cos demais e con nós. Esas actitudes fannos percibir a súa tenrura, o seu agarimo... e o que é máis importante, a súa presenza en cada unha das cousas que facemos ben, no esforzo por non deixarnos superar pola tentación do presentismo, do “agora e xa“ no que tantas veces caemos e nos impide percibir as cousas con perspectiva, gustar delas, saborealas pouco a pouco. A fe non é un remedio milagroso, senón o pisco de sal que vai facendo saboroso o actuar e o sentido que lle imos dando a ese actuar. Por iso é anticipo do que esperamos en plenitude: un anticipo da salvación. Como Abrahan, tamén nós somos invitados -sen présa, gozando das cousas ben feitas-, a confiar, a deixar a un lado a tentación materialista que cre ter resposta para todo, para comezar a construír bos cimentos que nos axuden a valorar a importancia da paciencia como actitude desde a que crecer e atoparnos con El, ao facelo cos irmáns. E que mellor arquitecto que Deus para axudarnos a proxectar este edificio?. El ofrécenos os planos. A nós correspóndenos levantar o edificio.
 

ü  Canto vimos dicindo lévanos a ter moi en conta a necesidade de non deixar as cousas para a última hora. Tal e como fan os malos estudantes; temos que vencer a tentación da présa do último momento; debemos esforzarnos por superar a preguiza de non facer nada porque inda hai tempo. O edificio que Deus deseñou hai que ilo levantando desde xa, para que as présas non nos leven a utilizar malos materiais, que co paso do tempo deterioren a construción. Os mellores materiais son os valores que nos invita a vivir e a non renunciar a eles, inda que moitos, mesmo a maioría, renuncien. Os mellores materiais son os que fan que non cansemos inda que andemos a modo, e non caiamos na tentación de apurar facendo trampas, enganando, mentindo ou utilizando aos demais segundo a comenencia. Temos que estar preparados para non chegar tarde, sabendo que o mellor tesouro non está nin fóra nin lonxe de nós, senón “no noso corazón“, pero é necesario que o descubramos, que o saibamos. Porque quen non coñece, dificilmente pode actuar; e quen non actúa, convértese nun aproveitado e nun parasito. E iso non é o que quere Deus de nós. Hai que saber prender ao seu tempo as lámpadas para que dean luz, e deste xeito nin nos perdamos nin nos firamos por dar contra do que nos manca. E as lámpadas das que nos fala Xesús, son as que nos chaman a abrir camiños novos, sen medo e con ilusión; son as que non deixan que miremos atrás con nostalxia e nos deixemos levar do medo que impide mirar ao hoxe sen desconfianza e dispostos a unir mans e esforzos por facer do ser humano o centro da vida. E nisto, a luz da fe, si que nos achanda moito o camiño.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Prendamos as lámpadas da oración comunitaria que nos invitan a unir palabra e corazón e digamos:
QUE NON FAGAMOS DA FE RESIGNACIÓN

û  Para que aprendamos a construír entre todos unha Igrexa que sexa comunidade, diálogo, entendemento e servizo a unha mellor e maior humanización do mundo, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DA FE RESIGNACIÓN

û  Para que nos esforcemos nas nosas comunidades parroquiais por ser testemuño renovador do evanxeo, sabendo levar paz a quen vive na violencia e tenrura a quen vive no desasosego, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DA FE RESIGNACIÓN

û  Para que fagamos por camiñar sempre por vieiros que nos acheguen aos demais, para evitar caer no individualismo insolidario e no egoísmo deshumanizador, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DA FE RESIGNACIÓN

Grazas, Señor, por querer ser a luz que ilumine o camiño da vida para axudarnos a descubrir a necesidade de aprender a poñernos no lugar do outro e para afastarnos da tentación de caer na tebra que escurece e desorienta.P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN

Queremos seguirte, Señor, no medio deste mundo;
queremos seguirte no medio de tantas dificultades,
no medio dunha sociedade que pasa cada vez máis de ti;
no medio de tanta xente que, sen sabelo,
está famenta e necesitada de algo que a encha de verdade.

Queremos seguirte, Señor,
porque sabemos que precisas de nós para crear un mundo
onde reine cada vez máis a xustiza, o amor e a paz;
un mundo onde todos se poidan chamar algún día irmáns de verdade;
un mundo onde todos te recoñezan e se acheguen de novo a ti;
un mundo onde a única lei sexa amarnos coma ti nos amas.

Hoxe, Señor, queremos renovar a nosa opción por ti.
Queremos dicirche que segues sendo importante na nosa vida,
que te necesitamos.

Queremos dicirche que sen ti estaríamos perdidos e desorientados
porque ti es luz para os nosos ollos e calor para a nosa alma.

Sabemos, Señor, que terte no centro da nosa vida non é fácil,
que as dificultades afloraran sen nós buscalas.

Algunhas veces serán os que nos rodean que me invitarán a deixarte;
outras, será a nosa preguiza, a nosa comodidade, o noso orgullo, o noso «eu».

A pesares de todo, queremos lanzarnos no baleiro,
queremos apostar por ti.

Porque sabemos que só quen aposta nesta vida é capaz de gañar algo;
porque sabemos que seguirte é facer un exercicio de confianza total
e nós estamos dispost@s a realizalo...
porque ti non nos vas defraudar.

 

CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Sede o sal, sede a luz
  • OFERTORIO: Benaventurados
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…