Ir al contenido principal

Asunción 2013

María, ábrenos camiños de alegría e de solidariedade.
María, ensínanos a amar con tenrura entrañable,
a sufrir con serenidade, a servir con alegría,
a esperar contra toda esperanza, a gustar a alegría do Espírito.
María, acompáñanos no camiño da Pascua
e ensínanos a sentírmonos pobres e felices,
serenos e fortes, alegres e cheos de esperanza,
para gritar: ¡Resucitou de verdade,
El é o meu amor e a miña esperanza!”.

MARÍA, MULLER SEN MEDO QUE NON SE DEIXOU DOMINAR POLOS COSTUMES DO TEMPO.
MARÍA, MULLER LIBRE QUE SOUBO ABRIR CAMIÑOS CONTRA A ESCRAVITUDE E O SOMETEMENTO

PÓRTICO

Non foi doada a situación na que se viu envolta María ao saber que ía ter un fillo: solteira, muller e sometida aos comentarios e murmuracións dos seus veciños. Si, tamén naquel tempo, o mesmo ca hoxe, os veciños non tiñan outra cousas mellor que facer que murmurar e facer dano coa súa crítica a quen non actuaba segundo os ditados dos costumes do tempo. A pesares disto, María non recúa, non se volve atrás. Ela está decidida a ter ao seu fillo. Xa poden os ben pensantes e poderosos dicir o que queiran. Ela está convencida que a vida daquel neno é moito máis importante que o dano que lle están a facer os do seu redor.
Non cambiaron moito as cousas. Tamén hoxe moitas mulleres por dicir o que pensan, por actuar con liberdade, por non querer calar ante a inxustiza e o sometemento aos poderosos, son maltratadas, ignoradas ou reducidas ao silencio. Pero en María teñen un camiño aberto para non dobregarse diante desta inxustiza; para non deixarse vencer nin polo medo nin polos prexuízos.
Que a celebración de hoxe nos axude a caer na conta de que, a pesares do que se diga cara fóra ou nos papeis, é moito aínda o camiño que queda por facer para acadar a igualdade entre o home e a muller. En María temos unha actitude de non renunciar ao que xusto. Que tamén nós, homes e mulleres, traballemos, como fixo ela, para que a discriminación da muller sexa superada pola igualdade de trato, respecto e dignidade. Preparemos, logo, os corazóns para cambiar comportamentos e actitudes desde a celebración de hoxe, e así facelos reais na nosa vida de cada día.

O PERDÓN

  • Por non saber vencer a tentación da pasividade, que nos fai calar diante das discriminacións, SEÑOR, QUE COMO MARÍA LOITEMOS POLA IGUALDADE.
  • Por calar cando teriamos que reaccionar diante do abuso e das actitudes violentas, CRISTO, QUE COMO MARÍA LOITEMOS POLA  IGUALDADE.
  • Por non tomar en serio a necesidade de cambiar as actitudes que nos fan crer mellores e superiores aos demais, SEÑOR, QUE COMO MARÍA LOITEMOS POLA IGUALDADE.

REMUÍÑO

Pouco a pouco, a muller vai gañando, non sen moito esforzo e traballo, recoñecemento social e laboral na nosa sociedade. Dicimos vai gañando porque unha cousa é que o teña desde sempre, e outra moi distinta que esa realidade se lle recoñeza e pase da invisibilidade á visibilidade. E desta, á aceptación por parte de tod@s. Quédanos aínda demasiado camiño por percorrer, a pesares das leis que falan de igualdade e dereitos. En xeral, a nosa sociedade non acaba de considerar, de xeito real e sen dobres verdades, á muller como unha igual ao home. Por moito que elas se esforcen, o brote machista segue a estar presente. Ben sexa no ámbito emocional –no diálogo sen micrófonos e nos chascarillos ditos sen pensar é cando aparecen perfectamente as trastendas de superioridade do home, que cala porque é o politicamente correcto– de quen di unha cousa e pensa outra; ben sexa no ámbito familiar e laboral, onde a distancia real entre o home e a muller é inmensa, cando non se agranda se falamos de tarefas de co-participación nas responsabilidades -que non tarefas-, da casa. Na superficie, no que non é profundo, parece que si se ten avanzado. Pero se esgarabellamos un pouco máis nas situacións, rapidamente descubrimos como á muller segue a ser á que corresponde asumir e compatibilizar tarefas dentro e fóra da casa. Fóra compartidas, alomenos en traballo, que non en salario e responsabilidades –sempre que non teña fillos– de dirección nos grandes centros de poder da sociedade, que seguen a ser gobernados e dirixidos polos homes.
Neste contexto do que vimos falando, debemos situar a celebración deste quince de agosto. María foi muller. Non unha muller simple e anónima, senón a Muller que co seu si ao proxecto da encarnación de Deus, abriu paso á salvación que nos veu traer Xesús. A súa foi unha decisión que marcou o desenvolvemento da sociedade. A resposta que lle dá a Deus, acollendo a Xesús no seu seo, fai que neste día poidamos reunirnos, dun cabo ao outro do mundo, para ver nela á cristiá que, sendo muller, reivindica o lugar da muller na historia. Unha historia chea de mulleres, pero, que paradoxo!, escrita por homes, e na que elas son relegadas a segundos ou terceiros lugares. En María, coa súa dispoñibilidade e entrega, estamos chamad@s tódolos cristiáns a descubrirnos como iguais; a comprometernos no traballo pola igualdade. Unha igualdade total, non por tempos, estética ou puramente formal. E disto temos que tomar conciencia cantos formamos a Igrexa. Tod@s, sen distinción, os que nos chamamos seguidores de Xesús e nos reunimos nos templos para compartir e celebrar a fe. De nada vale estar aquí en silencio, escoitando –ou aguantando– o que nos din, case sempre homes, namentres no noso interior non acabamos de asumir, crer e acoller que o proxecto que desde María nos legou Xesús, é un proxecto de igualdade e pluralidade; de dignidade compartida e riqueza complementaria; de camiño común e corresponsable. Non podía ser de outro xeito o proxecto do Deus que se encarna para ser un con nós e coma nós, e que ten o amor e a xustiza como alicerces desde os que construír a nosa relación duns cos outros. Celebremos con gozo sincero, real e auténtico, a festa de hoxe como unha chamada a reconsiderar as nosas actitudes, renovar os nosos comportamentos e superar os nosos moitos prexuízos. Deixemos atrás unha visión excluínte na que a muller non era máis ca un fermoso “xerro chinés” que presentabamos en sociedade para a galería, e que subxugabamos no interior das nosas mentes, e da nosa casa como se fose a nosa escrava. María abriu camiños e perspectivas a homes e mulleres. Esforcémonos por, inda que sexa vinte e un séculos despois, levalas á vida, aos quefaceres de cada día. Só así poderemos facer crible que a Palabra do Deus acampou entre nós, que fixo en nós a mellor das marabillas, derrubando dos tronos aos poderosos, para elevar aos humildes”.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñamos na man de Deus Pai, co alento e compaña de María, a nosa oración, e digamos xunt@s:
PAI, QUE TAMÉN NÓS FAGAMOS DA VIDA UN SERVIZO AOS EXCLUÍDOS
  • Para que na Igrexa se recoñeza e valore a importancia, o traballo e o compromiso das mulleres, que, de xeitos múltiples e plurais, testemuñan co seu servizo a ledicia de crer, OREMOS.
PAI, QUE TAMÉN NÓS FAGAMOS DA VIDA UN SERVIZO AOS EXCLUÍDOS
  • Para que nas nosas comunidades, saibamos agradecer os ministerios de servizo que desenvolven as mulleres: limpar, adornar, ser catequista, participar nos grupos... e que fan posible celebrar e vivir dignamente os nosos encontros comunitarios de fe, OREMOS.
PAI, QUE TAMÉN NÓS FAGAMOS DA VIDA UN SERVIZO AOS EXCLUÍDOS
  • Para que non esquezamos nunca que a vida de fe, sendo unha opción persoal, non social nin rutinaria, esíxenos actuar desde a igualdade, o respecto, a escoita e o traballo e colaboración de tod@s, OREMOS.
PAI, QUE TAMÉN NÓS FAGAMOS DA VIDA UN SERVIZO AOS EXCLUÍDOS
Grazas, Señor, por facernos ver outra vez que só na igualdade e no respecto podemos crecer como comunidades vivas, esperanzadoras e solidarias. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Que esteamos, María,
unidas en oración e no don.
Unidas ao teu Fillo e no Pai,
unidas ás as fecundas do Espírito,
unidas ás mans dos pobres.
Mans do Evanxeo,
sementadoras de Vida,
lámpadas de Esperanza,
voz de Paz.
Unidas a ti, María,
partindo o Pan de todos.
Unidas a ti,
para manifestar a gloria da Pascua.

CANTOS

    • ENTRADA: Virxe María, naiciña do ceo
    • LECTURAS: Salve Raíña, Nai garimosa
    • OFERTORIO: Sede o sal, sede a luz
    • COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…