Ir al contenido principal

Domingo 22 TO C

SE TOMAMOS EN SERIO A SINXELEZA E A BONDADE DO ACTUAR DE XESÚS, FAREMOS DO ENCONTRO COMUNITARIO GOZOSA EXPERIENCIA DE AMOR E SERVIZO

PÓRTICO
A experiencia comunitaria da que constantemente nos fala Xesús remítenos a que teñamos sempre unha actitude activa, comprometida e solidaria á hora de estar no mundo e de relacionarnos uns cos outros. Desde as súas orixes, a dimensión social da fe é unha esixencia fundamental do ser cristián...inda que durante moito tempo, por interese da institución eclesial que non da mensaxe evanxélica, fomos fomentando a submisión, o sometemento, o autoritarismo e a falta de criterio nos membros das comunidades cristiás. Para os que mandaban e tiñan o poder, eclesial e social, non interesaba ter cristiáns adultos, maduros, con criterio e autonomía para tomar decisións sen ter que recorrer ao parecer da “autoridade”. O Concilio Vaticano II, hai xa cincuenta anos, cambiou esta xeira, urxíndonos a formarnos e a romper coa dinámica de reducir o ser cristián a unhas celebracións mortas, aburridas e afastadas da vida, que convertían ao cristián nun consumidor de rezos mal aprendidos –non esquezamos que a liturxia era en latín- e totalmente desconectado do resto da súa vida e mais do que pasaba ao seu redor. A ruptura deste xeito de ser e vivir a fe tróuxonos a liberdade de volver ás fontes e alimentarnos da forza que nos ofrece o Evanxeo, e o aire renovador que nos chama a optar, en liberdade, por canto nos fai adultos e nos achega a traballar na pluralidade de opcións e formas de participación na sociedade... e todo isto, como resposta ao evanxeo, e non como un aparte do que rezamos e celebramos.

O PERDÓN
ö  Da tentación da soberbia, AFÁSTANOS, SEÑOR
ö  Da tentación da preguiza, AFÁSTANOS, CRISTO
ö  Da tentación da intolerancia, AFÁSTANOS, SEÑOR

 

REMUÍÑO
ü  Constantemente os textos da biblia atribúenlle a Deus características humanas, pero presentadas de maneira sublime e plena. A analoxía, así se chama este xeito de referirse a Deus, serve para ir vendo cal é o camiño que nós necesitamos realizar para chegar a esa plenitude e a esa esixencia que xa se dá en Deus. Un exemplo claro disto atopámolo hoxe no texto da primeira lectura, cando se afirma que Deus actúa con humildade, o que lle serve ao autor para poñelo en relación co que debe ser o actuar do ser humano se quere seguir o vieiro que leva a gozar de Deus en plenitude. Actuar con humildade supón revisar as actitudes coas e desde as que abordamos as respostas que imos dando nas relacións cos demais e no ir construíndo a nosa persoal escala de valores que nos supón crecer e ir acadando a madureza como persoas. A humildade, na que nós temos que ir crecendo, ábrenos á tarefa de esforzarnos por afastar a tentación de pensarnos os mellores, de crer que xa o sabemos todo e que os demais o que teñen que facer é escoitarnos; namentres nós non facemos outra cousas que escoitarnos só a nós mesmos. Isto orixina que nos afastemos da realidade –comezamos a vivir nunha percepción irreal do mundo-, impedíndonos facer autocrítica e contrastar o noso comportamento e o noso xeito de ver as cousas cos outros. Se non somos capaces de poñer distancia para prezar a diferenza, acabamos vivindo nunha burbulla imaxinaria que nos deshumaniza converténdonos, ben en intolerantes e incapacitados para entender e atoparnos cos demais –lonxe do que hoxe chamamos intelixencia emocional–, ben en afastados sociais, incapaces de sentir e percibir aos outros como iguais e enriquecedores da nosa propia existencia. Neste mesmo senso incide o salmo responsorial ao presentar a Deus actuando coa bondade que posibilita o encontro e a disposición para acoller e tratar desde a igualdade aos demais, único camiño no que ir construíndo a ética da fraternidade.

ü  Todo isto que vimos de dicir, non pode facerse máis que convertendo o día a día de cada un de nós nun esforzo permanente por ser sinxelos -que non simples-, á hora de facer as cousas, pondo sempre por diante non o “eu” da egolatría, senón o “nós” da comuñón e da vivencia comunitaria. Só quen ten descuberto isto, será capaz de entender o porqué da historia de amor entre Deus e nós. Un amor concretado e vivido na encarnación de Xesús quen, asumindo a nosa mesma condición, mostrounos que si é posible, por riba de culturas e tempos, converter a súa mensaxe en motor que dá sentido a moitos homes e mulleres, os cales rompendo co pensamento líquido e débil, se esforzan por non caer na mediocridade do que está de moda nin no mimetismo do que fan tod@s. É deste xeito como temos que entender as palabras de Xesús en relación á exaltación e á humillación. Non é necesario nin sacar peito para mostrar que estamos aquí mandando, impoñendo e obrigando aos demais; nin tampouco apoucarse e someterse aos ditados dos que escravizan marcando e impoñendo modas que non nos diferencian e nos fan perder e esquecer o “propium” de cada un e de cada pobo.

ü  A humillación da que nos fala Xesús non consiste en volvernos amocados, infantís e sometidos aos máis fortes, senón que é toda unha invitación a non deixarnos reducir á nada, a romper cadeas que escravizan e converten ás persoas en números e estatísticas sen nome, como se detrás delas nun houbera seres humanos coas súas propias traxedias e tamén coas súas ilusións. A humillación á que nos invita Xesús supón e esíxenos ter criterio, non deixarnos asoballar, nin tampouco caer na tentación de asoballar aos demais e impoñer o noso criterio. Humildade na liberdade e respecto na diferenza -mesmo na discrepancia-, como camiño no que ir recoñecendo a presenza de Deus en cada unha das persoas coas que imos topando e tratando cada día.
 

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Chamados a ser sinxelos, na sinxeleza que non deixa que outros nos asoballen, dicimos:

QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN

*    Para que sexamos unha Igrexa incluínte que sabe escoitar, respectar e valorar outros criterios e outras opinións, sen impoñer nunca a propia, OREMOS.
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN

*    Para que construamos comunidades cristiás humildes e sinxelas, pero sen deixarnos someter por grupos de presión ou de influenza, que mandan e gobernan para si, esquecendo a opinión dos demais, OREMOS.
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN 

*    Para que nós, na nosa vida persoal, saibamos, ao encontrarnos cos demais, ser sinxelos, humildes e servidores naquelas tarefas nas que puideran necesitarnos, OREMOS.
QUE A HUMILDADE NON NOS FAGA ESCRAVOS DE NINGUÉN
 
Grazas, Señor, por axudarnos a entender que a sinxeleza e a humildade non son o mesmo que o sometemento e o dominio dos demais para o noso propio interese. P.X.N.S. Amén.
 

PARA A REFLEXIÓN

Xesús, manso e humilde de corazón:

Escóitame e afástame:
- Do desexo de ser estimado,
- Do desexo de ser loado,
- Do desexo de ser honrado,
- Do desexo de ser aplaudido,
- Do desexo de ser preferido a outros,
- Do desexo de ser consultado,
- Do desexo de ser aceptado,
- Do temor de ser humillado,
- Do temor de ser desprezado,
- Do temor de ser corrixido,
- Do temor de ser calumniado,
- Do temor de ser esquecido,
- Do temor de ser posto en ridículo,
- Do temor de ser inxuriado,
- Do temor de ser xulgado con malicia.


Que sempre desexe:
-Que outros sexan máis estimados ca min.
-Que outros crezan e se valoren as súas opinións e achegas, sen que  eu sexa sempre o centro.
-Que outros sexan loados e de min non fagan caso,
-Que outros sexan empregados en cargos e a min se me xulgue inútil,
-Que outros sexan preferidos a min en todo,
-Que os demais sexan máis santos ca min con tal que eu sexa todo o santo que poida.   


(Sobre unha idea do Cardenal Merry del Val) 

CANTOS
·        ENTRADA: Temos unha festa
·        LECTURAS: Señor, Xesús, bendito sexas
·        OFERTORIO: Gracias, Señor na mañá
·        COMUÑÓN: Acharte presente na vida

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

25 domingo TO B 2015  HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES Descarga o ficheiro Domingo 25 TO B 2012  https://remoldapalabra.blogspot.com/2012/09/domingo-25-to-b.html DOMINGO 25 TO B 2009 https://remoldapalabra.blogspot.com/2009/09/domingo-25-to.html

Domingo 22 TO B 2018

A PALABRA INVÍTANOS A FUXIR DAS FALSAS FIDELIDADES E A NON ESQUECER QUE O ÚNICO IMPORTANTE, O QUE VERDADEIRAMENTE NOS FARÁ FELICES, É AXUDAR, COMPARTIR, EMPATIZAR COA XENTE, NA QUE DEUS SE NOS MOSTRA
Descarga o ficheiro CANTO GOZOSO ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61) PARA NON PERDER O PASO
En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?.

A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeirament…