Ir al contenido principal

2 Domingo TO


QUE MELLOR BEN QUE ACOLLERTE ACOLLENDO. A VONTADE DE DEUS É VONTADE DE FRATERNIDADE, ACOLLIDA E ESCOITA: GRAZAS, SEÑOR, POR RECORDÁRNOLO! 
ESCOITA ACTIVA
Escoitamos moitas veces a expresión facer a vontade de Deus. E tan habituados estamos a ela que poucas veces somos capaces de acollela e remoela no noso pensamento. Facer a vontade de Deus ponos sempre en relación cos que están ao noso lado, porque é desde o servizo e preocupación polos outros como toda a riqueza que nos aporta a fe se vai concretando. Nesta resposta cara aos demais, é onde esa vontade, o que Deus quere de nós de maneira activa e construtiva, se vai desenvolvendo e collendo rostro de amor e solidariedade. Fagamos logo o esforzo de converter en vontade de Deus o noso traballo de levar compañía a quen está solo, esperanza a quen se atopa triste e desacougado, amor a quen os desenganos teñen convertido en desconfiado, e paz a cantos cren que non hai máis camiño de solución das cousas que a violencia.


Que a celebración desta mañá nos axude a cargar de compromiso as nosas actitudes e disposicións para facer da vontade de Deus o eixe da nosa vida.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por caer na tentación de facer a nosa vontade, o que nos peta, e non a túa, SEÑOR QUE AGROME A TÚA VONTADE NA NOSA VIDA.
  • Por permitir pensamentos e actitudes de desprezo para cos demais, CRISTO, QUE AGROME A TÚA VONTADE NA NOSA VIDA.
  • Porque non deixamos espazo para que creza en nós tempo compartido con quen nos necesita, SEÑOR, QUE AGROME A TÚA VONTADE NA NOSA VIDA.
PALABRA ENRAIZADA
  • Os cristiáns temos como tarefa fundamental na nosa vida testemuñar o que cremos. Na primeira lectura de hoxe, do profeta Isaías, ponse nos beizos de Deus a afirmación de que a través da acción e da palabra do profeta, chegaralle aos demais a sona de Deus; é dicir, inda que nunha linguaxe moi humana, se nos está dicindo que o testemuño é o barómetro fundamental que serve para que os cristiáns vaiamos manifestando a coherencia e a fondura das nosas propias conviccións. Saber responder a este reto que se nos plantexa non é doado, pero aí está tamén o esforzo que cada un de nós vai poñendo para que, facendo aquilo que Deus nos propón como camiño de crecemento e madurez, vaiamos dando razón leda da importancia e sentido que El ten na nosa vida. Sacar o mellor de nós para que sexa luz para os outros; propoñer camiños que unan e acheguen ás persoas, fronte a tentación de dividirnos e someternos ao poder e á forza dos poderosos, convértese, desde esta palabra proclamada, en tarefa constante á que non debemos renunciar. Nela está a nosa propia felicidade!. Por iso esperamos no Señor, por iso poñemos os cinco sentidos en descubrir a súa voz e a súa presenza nos irmáns que nos necesitan ou aos que puideramos necesitar. Unha presenza que nos leva a dicirlle: "aquí estou Señor, para facer a túa vontade".
  • O saúdo da primeira carta de Paulo aos corintios é o saúdo que nós utilizamos ao comezar cada unha das nosas celebracións. É un saúdo que nos sitúa no que debe ser unha celebración comunitaria: un momento e unha expresión de paz, unid@s a cantos comparten con nós ese mesmo desexo e están implicados na mesma tarefa. Deus elíxenos, nós respondemos. Nesta resposta non imos solos, senón que facemos presentes, na oración e no actuar, a cantos están ao noso redor. Isto pídenos actitudes de achegamento e preocupación -non afastamento nin baleiro-, de quen están necesitad@s e senten como as beiras da sociedade pasan a ser o seu lugar habitual onde vivir. Non podemos ser indiferentes ou volver a cabeza como se o que non nos gusta non existira e puideramos prescindir del. Entendemos logo a razón pola que o ser sant@s é un camiño polo que debemos andar os seguidores de Xesús. A santidade é facer da vida sentido e experiencia de amor, descubrindo a Deus no cotián e sinxelo da vida. Pero non ha ser esta unha santidade de calendario ou de peanas, senón a santidade gozosa que se vai vivindo, comprendendo e realizando desde o que non chama a atención, non é aparentemente importante nin tampouco dá tribunas públicas ou beneficios económicos; senón a santidade de quen descubre que falar de Deus e telo como luz e guía, non é máis que facer o esforzo por recoñecelo no partir o pan solidario convertido en tempo, palabra, acompañamento, dispoñibilidade ou voz de quen se ve só ou esquecido.
  • A presenza do Espírito é a que ha espertar en nós descubrir que falar de Deus e de Xesús non é algo teórico e reducido ao ámbito dos templos. A Deus descóbrese e de Deus fálase desde o que nos pasa cada día, e cos que nos atopamos en cada momento. El non está nin nas nubes nin nos templos, senón na vida, nos seus claroscuros, que van facendo que ilusións, esperanzas, tamén tristuras, vaian conformando o que somos e o que traballamos por ser. Non son os ritos, senón a experiencia vital que cada un pode aportar, o que nos converte en testemuñas de quen pasou facendo o ben, e nos invitou a seguir o seu camiño.
FRATERNIDADE ORANTE
Co Señor, poñámonos en actitude de soñar un mundo mellor desde o noso esforzo por ser mellores persoas, e digamos xunt@s:
QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
  • Para que desde a Igrexa, teñamos sempre unha actitude de favorecer o comunitario, o servizal, o que constrúe e desenvolve solidariedade e xustiza, OREMOS.
QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
  • Para que entre nós, os que formamos as comunidades cristiás, non deixemos que as relacións de uns cos outros se movan pola rutina e o interese, esquecendo que Xesús invítanos a acollernos e axudarnos fraternalmente, OREMOS.
QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
  • Para sexamos quen de poñerlle vida ás palabras que nos chaman a ser servidores, sempre dispostos a recoñecer a Xesús nas persoas que nos necesitan: enfermas, maiores, tristes, paradas, incomprendidas..., OREMOS.
QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
En ti confiamos sempre, a pesares de que moitas veces esvaramos no camiño. Sé Ti a man que nos axude a erguernos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Noso Pai/nai, por medio de Xesús
déchesnos un anticipo do teu reino;
por medio de Xesús prometíchesnos
a terra florecida e o froito do teu ceo.
Buscamos o noso pan a duras penas,
loitamos contra o mal a corpo limpo,
tentamos facer do noso mundo
a terra do traballo compartido,
sen violencias, sen odios e sen donos.
Pero todo é difícil.
Non nos deixan facer o que soñamos e queremos,
e ás veces cansamos, ímonos
e mandamos a cousa a rañar na pedra.
De novo, esta mañá,
volvemos intentalo
ee a dicir xunt@s: Noso Pai...
(Víctor Manuel Arbeloa, Noso Pai, por medio de Xesús)
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Amig@s nas penas e na festa amigos
  • LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade
  • OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño
  • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...