Ir al contenido principal

20 Domingo To B 2015



a sabedoría de quen fai da súa vida unha oferta de gratuidade convértese en pedagoxía de acollida e servizo

Descarga o ficheiro


RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
o   LECTURAS: Canta o sol
o   OFERTORIO: Benaventurados
o   COMUÑÓN: Acharte presente
OLLOS ABERTOS
A sabedoría e a experiencia da vida sempre van xuntas nos textos da palabra de Deus. Conforman unha unión que pon de manifesto que canto somos capaces de ir aprendendo ao longo da vida vai facendo de nós persoas cheas de experiencia, sentido e perspectiva.Todo o contrario de quen quere as cousas agora e xa, para o momento. E do mesmo xeito que non se pode facer unha comida sen contar con tempo, tampouco se pode pretender saber, coñecer, mesmo impoñer o xeito de ver e entender as cousas, a vida, simplemente por sermos novos, máis estudados ou dominadores das novas tecnoloxías. A sabedoría, a real, a verdadeiramente humana, é outra cousa. Non se estuda, apréndese a medida que se vai vivindo. A isto é ao que nos invita hoxe que dediquemos un tempo de reflexión a palabra de Deus, para logo ver de aplicala á vida. Seremos capaces de comezar o camiño da sabedoría tomando en serio esta invitación?
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Por ter desprezado o traballo e esforzo dos nosos maiores, SEÑOR, APRÉNDENOS A SER SABIOS EN HUMANIDADE.
û  Porque non acabamos de deixar atrás actitudes de superioridade que pensan que o saben todo e nunca escoitan aos demais, CRISTO, APRÉNDENOS A SER SABIOS EN HUMANIDADE.
û  Polas veces nas que renunciamos a escoitar e aprender da experiencia de quen fai as cousas con tempo e non con présa, SEÑOR, APRÉNDENOS A SER SABIOS EN HUMANIDADE.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·        Como diciamos no comezo da celebración, a sabedoría é unha realidade, unha experiencia moito máis profunda que a de ter coñecementos. Por moito que un saiba como se fai unha raíz cadrada, cal é o monte máis alto do mundo ou como se manexa o móbil de última xeración que ten saído ao mercado, iso non supón que sexa sabio ao xeito no que nos invitan os textos da Biblia. A sabedoría non é froito da aprendizaxe intelectual, senón da aprendizaxe humana. Sabia é a persoa que sabe empatizar con quen se ve necesitado; quen ten tempo de calidade para escoitar a quen o necesita; quen camiña na praxe da cordialidade, que sabe poñer sempre o corazón ao dispor de quen o necesite. Vén sendo algo parecido ao que Bieito XVI chamaba na súa encíclica Caritas in veritate “vivir e desenvolver a existencia desde a lóxica do don”, e non na da imposición nin da exhibición da adquisición de coñecementos teóricos e intelectuais. A sabedoría da que Deus nos fala e á que nos invita está na vida, no trato duns cos outros. É desde esta sabedoría desde a que se pode construír a casa na que Deus se fai presente á mesa do pan compartido.

·        Na sabedoría da que vimos falando, Deus invítanos a mirar con tino como van sendo os pasos que imos dando día a día. Se son pasos que deixan pegada de fraternidade, ou máis ben son pasos que non deixan rastro porque, inda que aparentemente se mostren como seguros, enriquecidos e superiores, son incapaces de deixar a pegada que vai e fala ao corazón de cada un dos que os queren seguir. Por iso, con Paulo, tamén nós podemos dicir que non andemos de xeito atolado –facendo cousas sen pensar e sen dedicarlle o tempo necesario para que saian ben-. O siso –a sensatez en español- é o que nos vai dando perspectiva das cousas e profundidade á hora de facelas ben. O tempo aproveitado convértese en tempo de calidade, tempo de sabedoría, tempo que paga a pena compartir e desenvolver. Non sexamos, como ben dicía Paulo, irreflexivos, para logo non ter que arrepentirmos do dano feito e da dor e tristura que puxemos no corazón de quen recibiu o o froito da nosa irreflexión. Deixemos logo que nos encha a forza do Espírito, que nos abre sempre horizontes de esperanza e de futuro por construír, deixando atrás a nostalxia de quen non sabe mirar cara adiante para escribir a sabia historia de quen fai que os rostros das persoas sexan sempre recoñecibles e con nome, desterrando o anonimato invisible do noso xeito de facer as cousas.

·        E será sempre o pan morno da oración compartida e da acción de grazas –Eucaristía– celebrada o que vai alimentando non os estómagos que nunca se dan cheos, senón os corazóns que queren, as mans que acollen e os pés que son capaces de facer compañía a quen sente que o que lle rodea nin o recoñece como dignidade nin é capaz de mirarlle aos ollos sen sentir a mala conciencia de telo reducido a un frío número nas noticias dos telexornais. O pan que ofrece e do que nos fala Xesús é un pan sempre quente que só El nos pode dar, e que cada domingo nós acollemos e levamos con nós para que, ao atoparnos cos que non estiveron, poidamos compartilo coa nosa solidariedade e a nosa disposición a poñer presenza alentadora onde non hai máis que laio e ausencia. Se queremos vivir para sempre, xa sabemos que o camiño pasa por facer do pan que aquí compartimos e recibimos un pan de encontro e fraternidade. Como quixo e fixo Xesús.

FRATERNIDADE ORANTE
Desde a sabedoría da experiencia á que sempre nos invita a Palabra de Deus, compartimos a oración dicindo xunt@s:
QUE RECOÑEZAMOS O TEU ROSTRO NA EXPERIENCIA DOS IRMÁNS
¨     Pola Igrexa, para que sexa sempre comunidade que, bebendo da experiencia dos seus membros, abra camiños novos de renovación evanxélica, OREMOS.
QUE RECOÑEZAMOS O TEU ROSTRO NA EXPERIENCIA DOS IRMÁNS
¨     Para que as nosas parroquias non perdan nunca a súa identidade e camiñen por vieiros de servizo, colaboración e axuda entre os que as conformamos, OREMOS.
QUE RECOÑEZAMOS O TEU ROSTRO NA EXPERIENCIA DOS IRMÁNS
¨     Para que nós aprendamos a vivir no medio do mundo non con complexo de vergoña e medo por ser cristiáns, senón desde a esperanza e a colaboración nos proxectos que defendan á persoa e fagan do mundo a casa común, OREMOS.
QUE RECOÑEZAMOS O TEU ROSTRO NA EXPERIENCIA DOS IRMÁNS
Grazas, Señor, por invitarnos a poñer por riba do altar a nosa vida desde a oración compartida. PXNS. Amén.

OÍDOS ATENTOS
Celebramos a vida na Eucaristía, que é a obrigación principal da comunidade eclesial. Ao partir o pan, recordamos o amor e a fidelidade de Xesús –amor e fidelidade que o levaron á morte- e a confirmación da súa misión co pobre a través da resurrección. A fracción do pan é, ao mesmo tempo, o punto de partida e meta da comunidade cristiá. Nela exprésase a comuñón profunda coa dor humana, provocada en moitas ocasións pola falta de pan, e recoñécese na alegría ao Resucitado que dá a vida e suscita a esperanza do pobo convocado polos seus xestos e pola súa palabra.
                               (Joao Batista Libânio, Gustavo Gutiérrez.San Pablo,Madrid. P 91)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...