Ir al contenido principal

22 Domingo TO B 2015

-->
Nunha sociedade con persoas de mente tan dispersa, que difícil entender cando nos din: Escoita!
Descarga o ficheiro
-->

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS

o   ENTRADA: Vinde axiña
o   LECTURAS: Escoita ti
o   OFERTORIO: Velaquí
o   COMUÑÓN: Eu soñei

OLLOS ABERTOS

Escoitar estase a converter nunha actitude cada vez máis escasa e difícil. Escasa porque atarefados como andamos ao longo do día, sempre dun lado para o outro, pensando no noso e despreocupándonos dos demais, faise moi raro, mesmo complicado, que paremos a prestar atención a alguén que nos di e fala; principalmente se son cuestións referidas ao sentido da vida, á coherencia persoal entre o dicir e facer ou á necesidade de superar o individualismo para comezar a pensar en comunitario, de xeito que os demais, o que entre tod@s podemos facer ou as cousas da casa común, se convertan en esixencias nas que  poidamos estar implicados moit@s. Asemade faise difícil porque se un non está acostumado a escoitar, tampouco o vai estar para que o escoiten, co que se produce unha situación de individualismo silencioso desde o que cada un vai ao seu, sen importarlle o que lles pasa aos que están ao noso lado.
            Porén, a Palabra que hoxe imos proclamar, chámanos no sentido contrario. Tanto nos custa prestarlle un pouco de atención?

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Por non saber escoitar a quen precisa de nós, SEÑOR, QUE SUPEREMOS O INDIVIDUALISMO.
    Porque somos desinteresados diante do sufrimento e a dor dos demais, CRISTO, QUE SUPEREMOS O INDIVIDUALISMO.
  • Por non facer o esforzo de poñernos ao comezo de cada día nas túas mans, deixándonos acompañar por Ti, SEÑOR, QUE SUPEREMOS O INDIVIDUALISMO.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

·      No “escoita Israel” que liamos na primeira lectura  mostrásennos os dous planos nos que nos situamos ao achegarnos á Palabra de Deus. Por unha banda está o plano de Deus. El diríxese a nós invitándonos, como facía con Israel, a prestar oído a canto vai deixando, ofrecéndonos un camiño para percorrer sempre acompañados, dándonos razóns e sentido para que a vida non se converta nunha suma de éxitos materiais, si, pero que nos van deixando baleiros por dentro e cheos de decepción e fracasos, porque imos descubrindo que, a pesar de ter moitas cousas e de manexar e dominar a técnica e a ciencia, non acabamos de sentirnos a gusto nin con nós mesmos nin co que facemos. Non temos máis que prestar atención a como, cada día máis, as persoas vólvense desconfiadas, insensibles ante a dor e o sufrimento dos outros, buscando sempre ter máis, sen que nada nunca lles chegue. Neste vivir nunha permanente insatisfacción móvense hoxe moitas persoas para as que Deus é prescindible, e a fe unha esixencia pola que non están dispostas a pasar. A pesares diso, o plano de Deus segue a ser sempre oferta de acompañamento, de sentido, de presenza, de amor. Por outra banda, o plano dos seres humanos camiña na insatisfacción de quen necesita constantemente estar facendo cousas, cada vez máis e máis rápido para non aburrirse. A hiperactividade na que se moven, e non só os nenos, ponnos de manifesto que xa non somos capaces de valorar as cousas pequenas: o recendo dunha conversa pausada, a tempo dedicado en silencio á reflexión e a contemplar e escoitar a harmonía de sons e imaxes que Deus nos ofrece por medio desta casa común que chamamos mundo. A pesares de que non acabamos de camiñar para que a distancia entre os dous planos se acurte, tamén, Señor, dirixímonos a Ti para que sigas acompañándonos, porque, antes ou despois, acabaremos descubrindo a necesidade e o conforto de poder hospedarnos na túa tenda.
·      A escoita á que nos invita Deus vese redobrada coas palabras do apóstolo Santiago. O seu acollede docemente a súa palabra, é non só unha invitación, senón todo un plan de vida que nos chama a ir desenvolvendo coa a atención que sempre nos merece a conversa que Deus vai ofrecéndonos manter con nós a través de tódalas pegadas que vai deixando ao noso redor. Pegadas que nos chegan en forma de tempo compartido, traballo comunitario, solidariedade vivida ou tolerancia e diálogo conseguido. A acollida á que nos chama Deus esixe estar espertos e atentos a canto pasa sempre ao noso redor; deste xeito o escoitar adquire plenitude ao verse complementado co realizar, co facer realidade toda a riqueza que a proposta de Deus ofrece cando nos chama a poñerlle rostro: mirar polos orfos, viúvas, maiores, maltratad@s... Estaremos tan cegos como para non velo?
·      E todo isto vainos levando ata Xesús. Se non valoramos o silencio, se non descubrimos a necesidade de ser contemplativos desde o que pasa no mundo, endexamais entenderemos que é desde aí onde comezamos a entender que as cousas necesitan o seu tempo, e que as présas sempre son malas compañeiras para quen viaxa. O noso si a Deus non está no respecto das tradicións –o tempo acaba fosilizándoas-, no externo, senón na nosa capacidade de reflexionar e descubrir que non podemos esperar, como facemos desde o pensamento materialista, a Deus sentados, sen facer nada. Deus xa está, o que nos pasa é que non somos capaces, polo moito barullo que facemos, de descubrilo á nosa beira. Xesús di que o importante, o fundamental, é o que sae de dentro de nós, aquilo que é froito da reflexión, da revisión e das decisións pensadas sen presa. Honrémolo logo co corazón e non só cos beizos.

FRATERNIDADE ORANTE

Moitas veces ignoramos toda a riqueza que levamos dentro porque as présas coas que andamos impídenos descubrirnos, querernos e valorar canto lle podemos aportar aos demais. Neste momento de oración comunitaria ao que Ti nos chamas, dicimos xunt@s:
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
*      Para que na Igrexa aprendamos a disfrutar de toda a riqueza que nos ofrece a Palabra de Deus, e descubramos que a súa importancia non está só en coñecela, senón tamén en vivila, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
*      Para que nas nosas comunidades nunca nos deixemos arrastrar polas queixas e lamentos dos profetas de calamidades que, ademais de non mover unha man para axudar, só ven problemas e dificultades cando os demais están dispostos a achegarse a quen os necesita, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
*      Por nós, para que aprendendo a escoitar e contemplar a voz e a presenza de Deus na nosa vida, saibamos ser agradecidos polo don da fe; don de cordialidade, acollida e fraternidade, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR SE HARMONICE CO NOSO PENSAR
Señor, que teñamos sempre os oídos limpos e os ollos abertos para escoitarte e descubrirte no medio do noso mundo. P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS

Escoitar a Deus é como escoitar a calquera persoa –antes de escoitala, debemos prepararnos para atoparnos con ela-. Se un de nós desexa escoitar a voz de Deus no medio da barafunda do mundo, necesita buscar a tranquilidade interior e exterior. Necesitamos buscar o tempo e o lugar, precisamos estar convencidos de que queremos facelo, para non deixarnos levar das dúbidas e inseguridades que tantas veces lastran as relacións entre nós. A oración é unha destas maneiras de comezar a conversar con El. O noso xeito de dicirlle, ola!, estamos aquí, contigo, ao teu lado; grazas por acompañarnos. Nela contámoslle canto nos pasa, a nosa vida. Poñémola na súa man, e deixámonos agarimar pola súa tenrura. Afastémonos, se queremos escoitalo, do barullo que tantas veces nos rodea, altera e impide que nos escoitemos uns aos outros. Que saibamos integrar os barullos do mundo na relación de escoita e acollida á que Deus sempre nos chama e invita.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...