Ir al contenido principal

32 Domingo TO B 2015


A xenerosidade só é crible se a convertemos na realización dos pequenos feitos de cada día, poñendo neles o respecto e a dignidade que nos merece cada rostro co que nos atopamos, que desde Deus mostra sempre, a súa “imaxe e semellanza”
CANTO GOZOSO
    • ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
    • LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 54)
    • OFERTORIO: Non vou so (Nº 60)
    • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 44)
(Os números dos cantos son os do cancioneiro da Unidade Pastoral das Pontes, Diocese de Tui-Vigo)
ESCOITA ACTIVA
A clave da celebración de hoxe pasa por darnos conta de que ou convertemos a nosa vida en xenerosidade ou perde todo o seu sentido. Si, porque a xenerosidade fainos saír de nós mesmos, das nosas cousas e das nosas teimas para poñernos no camiño de descubrir que ao noso lado hai persoas, moitas, que necesitan ser escoitadas. Persoas que agradecen poder ter alguén ao seu lado que as escoite, anime e acompañe. É esta a xenerosidade misericordiosa á que nos invita Xesús. Non deixemos que pase por diante nosa sen que nos deamos conta.
Poñámonos, logo, en disposición de esforzarnos por ter corazón, ollos e mans xenerosos, para ofrecerllos a quen poida necesitalos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Que aprendamos a saír de nós mesmos, para non pecharnos no noso egoísmo, SEÑOR,QUE LATEXEMOS CON XENEROSIDADE.
  • Que aprendamos a actuar deixando atrás a indiferenza e o pasotismo, CRISTO, QUE LATEXEMOS CON XENEROSIDADE.
  • Que camiñemos no esforzo de tender a man a quen poida necesitala, SEÑOR,QUE LATEXEMOS CON XENEROSIDADE.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Neste momento, despois da lectura repousada da Palabra, invítasenos sempre a remoela con acougo e esperanza. E se isto é sempre así, quizais hoxe esta invitación necesitamos pasala máis ca nunca polo corazón, porque é nel onde verdadeiramente podemos descubrir e sentir o que queremos dicir cando empregamos a palabra xenerosidade.
Moitas veces atribuímos o adxectivo xeneroso/a a unha persoa que sabe estar sen molestar, que sabe acompañar sen que se note, que sabe escoitar sen necesidade de ter que falar moito. Nunha palabra: a aquela persoa que pensa máis no ben que pode facer que no ben que se sente cando fai algo polos demais. Por iso, a xenerosidade debera ser a materia da que todos os seguidores de Xesús deberamos examinarnos cada día... e pasala con nota. Digo deberamos porque nin facemos este exame, nin no caso no que o fixeramos acabariamos aprobándoo cunha boa nota. O motivo disto temos que buscalo en nós mesmos; no deixarnos levar moito máis polo que a nós nos agrada que polo ben que lle podemos facer aos demais. Ser xenerosos é tarefa permanente na que temos que poñer non só os sentidos, senón toda a vida: conviccións, valores, principios, calidades. Nunha palabra, aptitudes e actitudes que nos van facendo mellores e máis xustos. Por iso a xenerosidade ha moverse, construírse, sempre nestes tres binomios:
  • crer e facer: Coma a viúva que se achegou a Elías para darlle o pouco que tiña. E porque soubo compartilo, sen gardalo cobizosamente para ela, inda que o necesitaba porque tiña pouco. No seu actuar así comprendeu como a grandeza que Deus nos ofrece a cada un/unha de nós non se mide polo moito que teñamos, senón pola nosa capacidade para poñelo ao servizo dos que teñen menos ca nós. O crer e o facer únense para mostrarse no servir.
  • dar e compartir: O servizo é tamén momento e expresión de loanza a Deus. Por iso a grandeza do dar non está no moito ou pouco que se dea, senón na superación da tentación que nos pide sempre gardar para nós. Poñer ao servizo de quen precise o noso, sen ter que marcar moito o xesto nin buscar que os demais descubran o bos e xenerosos que somos, é o que fai do compartir unha verdadeira acción que mostra como Deus, o Deus de Xesús, vai obrando, ata deixar a súa pegada no noso corazón.
  • ofrecer e recibir: E quen é desprendido ata poñer todo ao servizo do repartir e compartir –que é senón a Eucaristía de cada domingo; que é senón o xesto de Xesús na Ultima Cea?- vai vivindo a súa vida coma unha permanente experiencia de ofrecemento e entrega de felicidade e gratitude para os demais, polo moito máis recibido a cambio, non para un mesmo. A viúva do Evanxeo non deu o que lle sobraba -tampouco tiña moito de sobra-, senón que deu o que tiña, o que a converte en grande e merecedora de ser acollida na tenrura misericordiosa do Deus que sempre actúa por amor. E nós, de que lado nos poñemos?
FRATERNIDADE ORANTE
Na xenerosidade á que sempre, pero hoxe especialmente, nos invita o Deus de Xesús, compartamos a oración con confianza e dicindo xunt@s:
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
  • Que cantos formamos a Igrexa non esquezamos nunca que somos o rostro, as mans e o corazón de Cristo no medio do mundo, OREMOS.
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
  • Que cantos formamos a Igrexa teñamos sempre presente que a xenerosidade ha rebordar na nosa vida, especialmente cando nos achegamos a quen está enfermo, triste, desacougado ou só, OREMOS.
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
  • Que cantos formamos a Igrexa saibamos acompañar, desde a solidariedade real dos feitos, a construción dunhas familias, duns lugares de traballo, dunhas parroquias e dunha sociedade, que se asenten no respecto ás persoas e na esixencia de xustiza e dignidade para tod@s, OREMOS.
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
Grazas, Señor, por invitarnos a compartir este momento de oración no que nos chamas a ter sempre presentes nela aos máis débiles e descartados da sociedade. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Coma a viúva, Señor.
Brindaremos, mesmo coa copa que necesitemos.
Entregaremos con sinxeleza.
Fuxiremos da cantidade e coidaremos a calidade.


Coma a viúva, Señor.
Ofreceremos con humildade.
Procuraremos sen buscar enganos.
Deixaremos do noso para outros.


Coma a viúva, Señor.
Prestaremos o que outros non dan: o imprescindible.
Ofreceremos o que outros negan: o ser.
Deixaremos o que outros gardan: o corazón.


Coma a viúva, Señor.
Ofrecerémosche a nosa vida para que só Ti a xulgues.
Ofrecerémosche os nosos bens, porque sabemos que son teus.
Ofrecerémosche o noso sustento, porque sabemos que Ti o fas posible.
Poñemos a nosa vida nas túas mans.


Coma a viúva, Señor.
Camiñaremos sen arrogancia nin seguridade en nós mesmos.
Camiñaremos sen medo a atoparte.
Camiñaremos dispostos a facilitarche o que máis precises.


Coma a viúva, Señor.
Míranos e condúcenos.
Fainos desprendidos e sinxelos.
Dános a valentía de darche o que máis nos custe.
Inspíranos o xesto e a palabra oportuna.
E, se queres, Señor, arranca de nós mesmo aquilo
que, por comodidade ou egoísmo, buscamos e amarramos para poder vivir.
Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...