Ir al contenido principal

Cristo Rei 2015

El é o centro do vivir e do obrar; márcanos un estilo de vida distinto, capaz de mover corazóns e arriscar vidas. O seu reinado é para as persoas, non para o poder nin o prestixio
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
  • LECTURAS: Veña o teu Reino (Nº 88)
  • OFERTORIO: Cantádelle ao Señor (Nº 33)
  • COMUÑÓN: Déixate querer (Nª 61)
ESCOITA ACTIVA
Chegamos ao final do Ano Litúrxico. Comezámolo o primeiro domingo de Advento e paseniñamente fomos percorrendo o camiño que nos ía mostrando a Palabra de Deus nas diferentes celebracións ao longo de todo este tempo. Ben seguro que nun período tan longo tivemos días bos, nos que estabamos ledos e felices; seguro que tamén foron aparecendo días tristeiros e cheos de preocupación. Pero sempre, en tódalas situacións e circunstancias, a Palabra proclamada quixo ser alento, forza e compaña; unha compaña que tamén experimentamos ao reunirnos en comunidade, xuntos. Sabendo que non estabamos solos nin illados, que tentabamos que fose o noso un mesmo sentir na solidariedade co veciño que non o estaba pasando ben ou na gratitude de quen sentía a ledicia de que as cousas camiñaban con esperanza e ilusión. Foron logo moitas celebracións nas que fomos capaces de sentir que non estabamos solos; e nas que tamén puxemos a nosa convicción para facer da oración experiencia de acción de grazas e confianza. Por iso, esta mañá na que chegamos ao remate celebrando a festa de Cristo Rei, queremos compartir que o Deus que en Xesús se mostrou como irmán e compañeiro deste camiño percorrido, segue a invitarnos a non desfalecer na fermosa tarefa de facer do mundo reinado de paz, xustiza, amor e solidariedade. Sexamos nós os primeiros en experimentalo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Para que saibamos recoñecer que necesitamos ser perdoados, SEÑOR,QUE NON POÑAMOS TRISTURA NOS CORAZÓNS DOS IRMÁNS.
  • Para que saibamos expresar sen vergoña que necesitamos cambiar os comportamentos que nos fan insolidarios e egoístas, CRISTO, QUE NON POÑAMOS TRISTURA NOS CORAZÓNS DOS IRMÁNS.
  • Para que saibamos mostrar que estamos dispostos a cambiar e superar as accións que nos converten en persoas pouco xenerosas e alleas á dor dos demais, SEÑOR,QUE NON POÑAMOS TRISTURA NOS CORAZÓNS DOS IRMÁNS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O profeta Daniel fálanos na primeira lectura de como foi capaz de experimentar a experiencia de Deus na súa vida. Vainos contando como a súa relación con Deus ía crecendo a medida que descubría a necesidade de facer da súa vida resposta á confianza que Deus fora poñendo nel; aquel “fillo do home”, que no seu tempo viña ser coma un titulo para referirse a alguén que tiña como misión facer presente que o plan de Deus era posible ilo facendo realidade cotián na medida na que somos capaces de responder á realización dun proxecto de vida no que o que prevaleza sexa non o contrapunto da humanización (a manipulación, o abuso, o engano, as medias verdades, que moitas veces son peores cas mentiras, a explotación, o fraude... todo iso que vemos que vai facendo que uns, os poderosos, sexan os que impoñan, dominen e sometan aos demais), senón a lóxica do don, na que quere camiñar o profeta Daniel. El fala dun reinado de servizo, que non pasa. Nesa clave é a na que se sitúa o “fillo de home”, quen acabará trocando a destrución en acollida e o enfrontamento en encontro. As claves nas que fala o profeta valen logo tamén para nós hoxe, porque do mesmo xeito que lle ocorría a el, tamén nós estamos chamados a facer do noso día a día non reinado do efémero, do que ilusiona momentaneamente pero non dá a continuidade que transforma esa ilusión en felicidade; senón reinado de permanencia, no que se aposta por poñer verdade onde hai engano, e xustiza onde hai corrupción.
E ese “fillo de home”, do que falaba Daniel adquire en Cristo perfil de concreción e realidade como escoitabamos na lectura do libro da Apocalipse. El é testemuña de que o reinado de Deus non camiña por vieiros de poder e dominio, senón por corredoiras –moitas veces menos doadas de pasar por elas, a diferenza dos camiños- de acompañamento, denuncia de enganos e utilización das persoas; e busca de todo o que supoña poñer á persoa, imaxe e semellanza sempre Del, no centro das decisións que imos tomando cada día. O seu poder non é ao uso do poder que nós tantas veces desexamos, e como imos vendo, non deixa de ser un poder efémero que vai deixando rastro de desilusión e desencanto, cada vez máis, en tantas persoas. O seu poder é diferente xa que se converte en capacidade para estar sempre dispoñibles para botar a man e poñer o corazón, sempre acolledor e solidario ante as necesidades dos outros. É un poder que propicia a empatía e o encontro, non a confrontación cos demais. Porque só deste xeito seremos capaces de poñerlle rostro real ao que se esconde detrás da expresión Reinado de Deus. Por iso é o principio e a fin. Nel todo se explica e entende doutro xeito.
E se El nos abre este camiño para que o sigamos, cantos tentamos ilo desenvolvelo contaremos sempre non co seu silencio, senón coa súa bendición. Unha bendición que nos pide actuar con liberdade e sen sometemento; unha bendición que nos chama a ser persoas activas que colaboran, e non negan o seu tempo, en tódalas accións que van facendo posible que o mundo poida ser cada día un chisco mellor; que poñen a súa creatividade ao servizo do que supón que poida haber menos inxustiza e máis igualdade entre nós; que se toman en serio o que acabamos de escoitar no Evanxeo por boca de Xesús, pois coma El, deberamos estar sempre dispostos a ser testemuñas da verdade. Non da nosa verdade que nos pecha e non fai posible que descubramos que a complexidade do mundo só poderá cambiar se cada un, desde a tarefa e empeño que vai realizando o mellor posible e sen regatear medios nin forzas alí onde está, pon o mellor de si para facer as cousas. O testemuño de verdade ao que nos chama o reinado de Deus temos que ilo dando facendo ben as cousas de cada día, saíndo ao encontro de quen por moito que levanta a voz non é escoitado; no tempo dedicado a educar co noso testemuño e a nosa perseveranza aos máis novos, nenos e mozos, sen renunciar –é o máis doado e a primeira tentación que nos vén á mente- a dedicarlles tempo e a axudalos a descubrir que non todo é igual nin dá o mesmo; que non todo vale, que unhas situacións son mellores e máis importantes ca outras; e que a felicidade non pode ser tan efémera que se esvaeza no momento, senón que esixe esforzo, renuncia e sacrificio; pero que todo iso paga a pena cando se acadan os obxectivos que un se marcou. Porque a preguiza fainos felices para o momento, pero infelices para a vida. E o reinado de Deus, neste reino no que El é o Rei, ofrécenos un plan e un camiño, moitas veces difícil e no que temos que elixir, e elixir ben, pero que paga a pena dicirlle que si e sumarse a el. Porque no remate, na nosa “tardiña baixa da vida”, sabemos, e así o cremos e rezamos, que nos atoparemos con El. E aí, nese momento, o seu reinado terá chegado a plenitude. Todo o demais é ir abrindo e pechando ciclos que nos van axudando a prepararnos para ese momento.
FRATERNIDADE ORANTE
Neste momento da celebración rezamos xunt@s e poñemos ao abeiro de Deus as nosas preocupacións e proxectos, e cuxo reinado temos que ir construíndo na paz e na participación, dicimos:
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
  • Pola Igrexa, para que non caia na tentación do efémero: cartos, poder, control das conciencias, engano ou abuso dos máis débiles, e opte por ser unha Igrexa comprometida coa xustiza e a igualdade que fan felices ás persoas, OREMOS.
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
  • Polas nosas comunidades,para que non vivamos nin da rutina nin do pasado, senón do realismo do presente que nos descubre poucos e maiores; pero non por iso incapacitad@s para dar razón e ser construtores do reinado de Deus co bo facer nas nosas parroquias, OREMOS.
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
  • Polas vidas da tantas persoas que esperan de nós unha palabra de alento, un tempo compartido, unha axuda anónima material pero necesaria; que non sexamos nunca quen de negárllelas, OREMOS.
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
  • O vindeiro mércores celebramos o día contra a violencia de xénero, por iso hoxe queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial a todas aquelas mulleres asustadas, reprimidas, esquecidas, abatidas, maltratadas física e psicoloxicamente; para que entendamos que o Reino esixe igualdade, xustiza e fraternidade, OREMOS.
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
Ao teu dispor poñemos a nosa vida: no rezar, pensar e actuar, para que as sementes do teu Reino dean o mellor dos froitos a través das nosas xustas, solidarias e boas obras. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Deus omnipotente,
que estás presente en todo o universo e na máis pequena das criaturas,
Ti, que rodeas coa túa tenrura todo canto existe,
derrama en nós a forza do teu amor para que coidemos a vida e a beleza.
Rebórdanos de paz, para que vivamos coma irmáns e irmás
sen facerlle dano a ninguén.

Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar aos abandonados e esquecidos desta terra,
que tanto valen aos teus ollos.

Sanda as nosas vidas, para que sexamos protectores do mundo,
e on predadores;
para que sementemos fermosura, e non contaminación e destrución.

Toca os corazóns dos que buscan só beneficios
a costa dos pobres e da terra.

Ensínanos a descubrir o valor da cada cousa,
a contemplar admirados,
a recoñecer que estamos profundamente unidos con tódalas criaturas
no noso camiño cara a túa luz infinita.

Grazas porque estás con nós tódolos días.
Aléntanos, por favor, na nosa loita
pola xustiza, o amor e a paz.
Amén

(Francisco, Oración pola nosa terra. Laudato si)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...