Ir al contenido principal

Venres Santo

ESQUEMA


1) LITURXIA DA PALABRA
 
2) FRATERNIDADE ORANTE

3) ADORACIÓN DA CRUZ 

4) COMUÑÓN 



CANTOS

Entrada: Vitoria ti reinarás
Lecturas: Arrepentido (Nº 13)
Adoración da cruz: Música relixiosa (son de fondo)
Comuñón: No colo da miña nai (Nº 49)





MORRER DE AMOR NUNCA É UN MORRER INÚTIL
(Quen dirixe a celebración, comeza poñéndose en actitude de adoración diante do monumento)

ESCOITA ACTIVA

Hoxe, Venres Santo comezamos a nosa celebración, nun silencio respectuoso, volvendo os ollos cara á cruz, cara tantas cruces que son expresión da dor e da tristura de tantos irmáns e irmás nosos que habitan permanentemente no calvario da marxinación, da soidade, da incomprensión... vítimas da cultura do descarte que só mira nas persoas a súa capacidade para producir e para consumir. 
Hoxe, xunto á cruz do Señor, queremos reflexionar sobre estes sinais de morte. Detémonos e miramos con calma, como o facía Xesús, con ollos novos e non cunha simple mirada de curiosidade ou de tenrura de telenovela barata. E despois de mirar, de analizar, de xulgar, non podemos permanecer inmóbiles, senón que descubrimos a cruz coma unha parte do camiño, nunca coma unha meta. A meta será a Pascua, o nacemento dunha vida nova en Cristo. Hoxe estamos chamad@s a descubrir que ao noso lado hai moit@s nazaren@s que levan as súas cruces e que esperan que nós sexamos o Cireneo que lles bote unha man.
Con estes sentimentos comezamos a nosa celebración neste Venres Santo.

(Desde a sé faise a oración sen dicir oremos)

DESDE O ECO DA TÚA VOZ

Lembra, Señor, que a túa tenrura e a túa misericordia son eternas. Santifica aos teus fillos e ás túas fillas e protéxeos sempre, pois Xesucristo, o teu Fillo, no noso favor instituíu por medio do seu sangue o misterio pascual. P.X.N.S. Amén.

TAMÉN NÓS NOS POÑEMOS EN CAMIÑO ABRÍNDONOS Á TÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ao seu Servo. A grande multitude quedará abraiada ante el, pois o seu aspecto non parecía o dun home.
Non tiña beleza nin esplendor; vímolo, e o seu aspecto non era atraente. Desprezado, o máis rexeitado dos homes, varón de sufrimentos, familiarizado coa dor. Coma alguén de quen se esconde a cara, desprezado, non lle tivemos aprezo.

El cargou coas nosas dores, el soportou os nosos sufrimentos. Nós considerámolo ferido. Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades.

Todos nós coma rabaño andabamos perdidos, cada un polo seu camiño. Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós. Foi oprimido, foi aflixido; pero el non abriu a súa boca. Ninguén se preocupou da súa vida.

El foi arrincado do mundo dos vivos, para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo. Pero el verá descendencia, alongará os seus días e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
Polos traballos da súa vida verá a luz, alcanzará a sabedoría. O Xusto volverá xusto o seu Servo para o ben de moitos.



PALABRA DO SEÑOR




PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN

C.- Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
+  ¿A quen buscades?
C.- Respondéronlle:
S.  A Xesús de Nazaret.
C.- Díxolles El:
+.   Eu son.
C.- Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan. Entón, preguntoulles outra vez:
+.   A quen buscades?
C.- Eles contestaron:
S.  A Xesús de Nazaret.
C.- Xesús respondeulles:
+ .  Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
C.- Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
C.- Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. Pero Xesús díxolle a Pedro:
+   Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?
C.- Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono. Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. (Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").
Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo  o coñecido do Sumo Sacerdote , falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:
S.- Non es tamén ti dos discípulos dese home?
C.- El contestou:
S.- Non son.
C.- Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose. Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. Xesús respondeulle:
+ .  Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
C.- Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
S.- Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
C.- Xesús replicoulle:
+ .  Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?
C.- Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote. Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
S.- Non es tamén ti dos seus discípulos?
C.- El negouno, dicindo:
S.- Non son.
C.- Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
S.- E logo non te vin eu na horta con el?
C.- Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo. Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen come-la Pascua. Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:
S.- Que acusación traedes contra este home?
C.- Eles responderon:
S.- Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
C.- Díxolles entón Pilato:
S.- Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
C.- Os xudeus contestáronlle:
S.- Non nos é lícito matar a ninguén.
C.- Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
S.- Es ti o Rei dos Xudeus?
C.- Xesús respondeu:
+. – Dis iso ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
C.- Pilato replicou:
S.- E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
C.- Xesús contestoulle:
+ .  O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
C.- Díxolle entón Pilato:
S.- Logo ti es Rei?
C.- Xesús respondeu:
+.   Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
C.- Pilato preguntoulle:
S.- Que é a verdade?
C.- E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
S.- Eu non atopo nel culpa ningunha. Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?.
C.- Berraron entón outra vez, dicindo:
S.- Non. A ese non; a Barrabás.
C.- (O tal Barrabás era un bandido). Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, e, inclinándose diante del, dicíanlle: "Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.
C.- Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
S.- Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
C.- Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
S.- Ei-lo home.
C.- Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
S.- Crucifícao, crucifícao!
C.- Pilato respondeulles:
S.- Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
C.- Os xudeus replicaron:
S.- Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
C.- Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
S.- De onde es ti?
C.- Pero Xesús non lle deu unha fala. Entón Pilato insistiu:
S.- Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?
C.- Xesús respondeulle:
+.   Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.
C.- Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
S.- Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.
C.- Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O enlousado", en hebreo "gábaza". (Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día). Díxolles aos xudeus:
S.- Velaquí o voso rei.
C.- Pero eles berraban:
S.- Fóra, fóra!. Crucifícao!
C.- Pilato preguntoulles:
S.- Pero , como vou crucifica-lo voso rei?
C.- Os sumos sacerdotes insistiron:
S.- Non temos máis rei có César.
C.- Daquela, entregóullelo para que o crucificasen. Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio. Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
S.- Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
C.- Pilato respondeu:
S.- O escrito, escrito está.
C.- Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del  e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado , e maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:
S.- Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
C.- Así cumpriuse a Escritura, que di: Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica. Tal fixeron os soldados.
Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
+.   Muller, velaí o teu fillo.
C.- Despois díxolle ó discípulo:
+.  Velaí a túa nai.
C.- Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el. Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
+ ._ "Teño sede". 
C.- Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado  pois era grande aquel día de sábado , rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús – inda que ás agachadas, por medo aos xudeus , rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo  aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite , levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA
(Facemos unha breve reflexión que axude a entender a celebración e a situar, no día a día, os textos que acabamos de proclamar)

Xesús foi tamén unha vítima da cultura do descarte: envexado polos xudeus, molesto para os romanos... a súa vida foi unha clara aposta por defender ás persoas máis febles do seu tempo: nen@s, mulleres, enferm@s, pobres... Hoxe, nesta tarde xuntámonos aquí porque tamén nós queremos ter unha opción preferencial polas persoas descartadas e consideradas sobrantes por unha sociedade que só atende unha lei: a do mercado. Por iso hoxe é un día para … estar; simplemente para acompañar a Cristo no camiño da cruz, cando as cousas non pintan ben, cando toda aquela moitedume que o aclamou o domingo de Ramos como Mesías hoxe berra que o crucifiquen. Hoxe é un bo momento para mirar dentro de nós, reflexionar e pedir perdón das moitas veces na nosa vida nas que tamén nós negamos a Cristo, abandonamos a Cristo, pasamos de largo diante da cruz… sen parar a axudar, a chorar, a acompañar. No relato da Paixón que vimos de proclamar, hai distintos personaxes que nos poden dar algo de luz:

  Xudas, o amor fanático
  Caifás, a relixiosidade baleira
  Poncio Pilato, o apego ao poder
  Verónica, o testemuño espontáneo
  Simón de Cirene, a axuda oportuna
  María Magdalena, a muller transformada
  Dimas, o encontro ao atardecer
  Nicodemo, a persoa que volve nacer
  Pedro, o amigo que traizoa
  As mulleres, sempre fieis

Hoxe é un bo día para, a luz do que vimos de proclamar, mirar cara dentro e descubrir con cales nos identificamos.
FRATERNIDADE ORANTE

Queremos poñer agora ao pé da cruz moitas cruces, as cruces de tantas persoas que dun cabo a outro do mundo ven como as súas vidas non valen nada; persoas tratadas coma sobrantes; persoas descartadas, ignoradas... e cuxo camiño, se nós non nos implicamos, acabará na morte, destrución e inxustiza.
Diante do Deus que hoxe nos pon a cruz como loita e esforzo, dicimos xuntos:

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE
1) Ante Ti, Señor, presentamos á xente descartada pola ausencia de traballo. Para que atopen en nós a forza e o esforzo por cambiar esa situación, OREMOS: 

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

2) Diante de Ti, Señor, traemos tamén á xente descartada por mor da vellez, que supón en moitos casos unha cruz pesada de levar para moitos maiores, quen despois de toda unha vida adicada aos demais, vense arrinconados, esquecidos ou abandonados. Para que os acollamos, valoremos e mostremos o amor que merecen. OREMOS:

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

3) Tamén traemos, Señor, a tantos e tantos nenos e nenas descartados da nosa sociedade: vítimas propicias da violencia, de abusos sexuais, de explotación laboral. Por tod@s aqueles aos que o noso egoísmo lles arrebata unha infancia feliz e plena, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

4) Non podemos esquecernos de tantas mulleres descartadas polo seu xénero: desposuídas da súa dignidade: maltratadas, asasinadas, obrigadas a prostituírse, consideradas coma simples obxectos, sen acceso á educación e á cultura. Por todas aquelas que sofren polo simple feito de ter nado mulleres, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

5) Nin podemos nin queremos esquecernos das persoas que vagan por Europa adiante fuxindo da guerra e da miseria e que atopan as nosas portas pechadas. Para que sexamos hospitalarios e acolledores, compartindo as nosas posibilidades e unindo esforzos para que os inmigrantes se sintan coma nos seus fogares, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

6) Nesta tarde tamén queremos poñer diante túa á nosa casa común, á que tantas veces o noso egoísmo e o noso materialismo feren de morte. Para que nos comprometamos no coidado da terra coa que ti nos agasallas, a nós e a todas as xeracións futuras, contribuíndo deste xeito a completar a creación que Ti comezaches, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

7) Traemos tamén a tanta e tanta xente que, dun cabo ao outro do mundo pasa fame. Non só os fament@s físicos, senón tamén todas aquelas persoas famentas de cultura, de compañía, de escoita, de esperanza. Para que sementando xustiza, comprensión, igualdade, respecto lle plantemos cara á fame, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

8) Non podemos esquecer ás persoas descartadas por mor da enfermidade, unha pesada carga sobre os seus ombreiros e os das súas familias. Para que sempre esteamos dispost@s a alentar, acompañar e escoitar a quen está enfermo, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

9) Nesta tarde tamén temos presente a tanta xente descartada por mor da manipulación e do engano, tan estendidos no noso mundo e que tan afeitos estamos a empregar para levar a cabo os nosos plans. Para que busquemos sempre a verdade, respectando as ideas, as opinións e os feitos diferentes aos nosos, empregando medios xustos para expoñer o que pensamos e facemos. OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

10) Neste mundo no que manda a cultura do descarte, traemos diante de Ti as vítimas da globalización da indiferenza. Para que nunca nos afagamos a ver sufrir ás persoas, e non deixemos que o noso corazón endureza, OREMOS. 

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

11) Poñemos ao pé da cruz a tantas persoas vítimas do fanatismo e do integrismo relixioso. Para que busquemos sempre o moito que nos une (o amor de Deus e a búsquea da xustiza) e non o que nos afasta, e así contribuamos ao entendemento entre todas as persoas e á paz, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

12) Pechamos a nosa oración pedindo por toda a Igrexa, desde o Papa Francisco ata a última persoa bautizada en calquera parte do mundo; para que nunca esquezamos que diante da globalización da indiferenza estamos chamad@s a actuar coa revolución da tenrura, cambiando morte en resurrección, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A SEGUIRTE

Deus do consolo e da escoita, fai que cantos se senten oprimidos e desesperanzados atopen en Ti o agarimo que os leve a loitar con forza e sen desmaio contra as dificultades que os azoutan. PXNS. Amén.

ADORACIÓN DA CRUZ

Comeza agora o momento da adoración da cruz. Desde o fondo da igrexa imos subindo con ela tapada, avanzamos ao longo do corredor, á vez que imos destapando cada un dos brazos e cantando –facémolo tres veces- xunt@s:
Desde o fondo da Igrexa, tres persoas con velas traen a cruz

Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do mundo 

Vinde adorala

Unha vez chegado quen preside/dirixe a celebración, diante do presbiterio, mostrámoslle á asemblea a cruz e invitamos a cantos participan na celebración a achegarse para adorala individualmente. Namentres dura a adoración soa música clásica. Non cantamos para favorecer o clima de silencio e recollemento que o momento suxire.

COMUÑÓN

Comezamos a última parte da celebración de hoxe dirixíndonos ao lugar onde temos colocado o Pan consagrado na celebración do Xoves. Levámolo ao altar.

NOSO PAI

Non digas: Pai se no día a día non te comportas coma un fillo.
Non digas: noso se vives illado no teu egoísmo.
Non digas: que estás no ceo, se só pensas nas cousas terreas.
Non digas: veña o teu Reino, se o confundes cun acontecemento material.
Non digas: fágase a túa vontade, se non a aceptas cando é dolorosa.
Non digas: danos o noso pan de cada día, se non te preocupas de quen ten fame.
Non digas: perdoa as nosas ofensas, se lle gardas rancor ao teu irmán.
Non digas: líbranos do mal, se non tomas postura contra del.
Non digas: amén, se non entendiches ou non tomaches en serio a palabra noso pai

Rezamos xunt@s: Noso pai


Año de Deus
Distribución da comuñón
Oración

Ao contemplar ao Crucificado, a nosa reacción non é de burla ou de desprezo, senón de oración confiada e agradecida:
Non baixes da cruz, non nos deixes sos na nosa aflición.
¿Para que nos serviría un Deus que non coñecera a nosa cruz?, ¿Quen nos podería entender?.
¿En quen poderían esperar os torturados de tantos cárceres segredos?
¿A que se agarrarían os enfermos crónicos e os moribundos?
¿Quen podería ofrecer consolo ás vítimas de tantas guerras, terrorismos, fames e miserias?
Non. Non baixes da cruz, pois se non te sentimos “crucificado” xunto a nós, verémonos máis “perdid@s”. PXNS. Amén.

BENDICIÓN

Que a túa bendición, Señor, descenda con abundancia sobre esta comunidade, que ten celebrado a morte do teu Fillo coa esperanza da súa santa resurrección; veña sobre ela o teu perdón, concédelle o teu consolo, acrecenta a súa fe, e consolida nela a redención eterna. P.X.N.S. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor