Ir al contenido principal

Corpus 2016

practica a xustiza.... deixa pegada!!!!!!
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Benaventurados (Nº 118)

LECTURAS: Salve, Santo Sacramento (Nº 117)

OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 44)vf

COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
ESCOITA ACTIVA
Estar orgullos@s do Señor, un orgullo que nos fai persoas ditosas e esperanzadas. Esta é a invitación que nos dirixe a celebración de hoxe, festa do Corpus, día da caridade. Que non nos sintamos avergoñados por manifestarnos e sentírmonos crentes, ao contrario, que iso supoña na nosa vida ledicia, gozo, frescura, creatividade e forza, para que canto fagamos o saibamos poñer na man e protección do Señor. Non podemos tirar a toalla, quedar parados sen facer nada.... Estamos chamad@s a pasar deixando pegada: pegada de xustiza, pegada de igualdade, pegada de misericordia, pegada de servizo, pegada de escoita....

Que mellor motivo para o alento: sabérmonos querid@s e sostid@s por Deus sempre. Esta é a nosa esperanza.... e por iso nos volvemos xuntar hoxe aquí, convocad@s polo Pan de Vida.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque non temos un corazón misericordioso para saber perdoar e pedir perdón, SEÑOR, REVÍSTENOS DA TÚA XUSTIZA.
Porque os nosos ollos están cheos de lagañas que nos impiden recoñecerte nos irmáns e nas irmás, CRISTO, REVÍSTENOS DA TÚA XUSTIZA.
Porque as nosas mans están preparadas para afastar, sinalar e ameazar; pero non están abertas para acariñar, esperanzar e acoller, SEÑOR, REVÍSTENOS DA TÚA XUSTIZA.
PALABRA ENRAIZADA
Unha das cousas que moitas persoas lle achacan aos representantes públicos de calquera índole (políticos, directores, bispos....) é que a súa elección ou o seu nomeamento levan parella unha pésima memoria, que os leva a esquecer as súas promesas e en moitos casos, mesmo as súas conviccións. Isto vén a conto porque a celebración de hoxe, Corpus, quere poñer de manifesto todo o contrario ao que viñamos dicindo: Aquel que pasou polo mundo facendo o ben, e foi capaz de arriscar a súa vida ata entregala para que a xustiza e a paz puideran agromar, hoxe faise presente nas nosas rúas e prazas para dicirnos que non se esqueceu de nós, que segue ao noso lado. É hoxe a festa da cercanía de Deus, que sae ás nosas rúas para lembrarnos (porque nós tamén o esquecemos moitas veces) que conta con nós e que nos quere.

Esta é a nosa fe... unha fe que nos invita a camiñar poñendo os pés no chan para deixar pegada de xustiza. Si, a nosa fe úrxenos a vivir a solidariedade para cos máis necesitados, os excluídos, os últimos, e tamén non tan últimos da sociedade. A celebración do Corpus quere por diante nosa o rostro, tantos rostros de Cristo, que van quedando nas beiras das nosas parroquias. E xa non podemos nin queremos quedar impasibles diante desta situación. Corpus e Cáritas móstranse hoxe unidos polo amor: o amor do Deus cuxa fe confesamos, e que nos invitou a ir polo mundo facendo o que El fixo; e o amor entregado e solidario de voluntarios e colaboradores, cristiáns e non cristiáns, que poñen medios e tempo ao servizo dos últimos.

Daquela, Corpus, quere ser tamén un momento de reflexión para que nos deamos conta de que a fe non é algo nin teórico nin reducido ao ámbito das paredes do templo, senón que o que alí se celebra, ha ser vivido, coa presenza dos que rezamos agradecendo e pedindo a Deus, cada día e coas persoas coas que nos imos atopando cada día. Corpus, quere ser a reivindicación de Xesús, para que non o deixemos pechado no sagrario, porque inda que alí puidera estar moi ben, e sempre protexido, El, como fixo sempre ao longo da súa vida, non quere ser unha lembranza do pasado, senón unha presenza real que sabe aledarse con que se alegra, consolar a quen necesita consolo, e chorar con quen está triste e necesita mans e corazón para saír cara a diante. Porque se deixamos que a semente da esperanza dea froito no noso corazón, seremos quen de facer que tamén xermole na vida doutras persoas que viven na escuridade. Por iso, neste día da festa de Corpus, preguntémonos tamén nós: Que teño feito eu polo meu irmán? O risco, tamén a verdadeira satisfacción, está en saír ao encontro de quen nos necesite e dicirlle: aquí estou para o que queiras.
FRATERNIDADE ORANTE
Cristo faise Pan; e nós somos invitad@s a compartilo ofrecéndollo aos irmáns que non o teñen. Desde esta invitación dicimos xunt@s:

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA

·      Para que toda a Igrexa, que hoxe celebra a festa da túa presenza na mesa do noso mundo, non se deixe intimidar polos que non queren que con voz alta e clara, fale na defensa dos máis débiles, explotados e esquecidos, OREMOS.

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA

·      Para que sexan respectados os dereitos de todas as persoas que sofren: pobres, excluídos, refuxiados, desempregados, enfermos, maiores, desesperanzados, explotados, violados..., OREMOS.

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA

·      Polas persoas que traballan como Igrexa pola solidariedade, a xustiza e a denuncia de calquera explotación das persoas máis indefensas, para que o seu traballo sexa o espello no que sempre nos miremos á hora de actuar como seguidores de Xesús, OREMOS.

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA

·      Por cantos hoxe nos imos achegar á mesa da Eucaristía para recibir a Xesús, alimento de benaventuranza, que atopemos nel a forza para acompañar aos enfermos, alentar aos tristes e ofrecerlles o noso agarimo aos que foron enganados, OREMOS.

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA

Fai, Señor, da nosa oración comunitaria fermento que faga levedar o noso corazón na xustiza e na solidariedade. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Quen ten ollos para ver e oídos para escoitar
descubre sinais de esperanza.
As persoas débiles descobren que se fan fortes e invencibles cando se xuntan;
non para pisotear os dereitos dos demais,
senón para impedir que sexan pisoteados os seus dereitos fundamentais....
que non son un agasallo dos gobernos nin dos poderosos,
senón un agasallo de Deus para todas as persoas.

(Heder Cámara)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...