Ir al contenido principal

3 Advento 2017 B



Miles de anos despois... El segue a enviarnos para dar aos pobres a gran noticia: Non estades sos; sodes o centro das nosas preocupacións. Vivimos así o noso ser Igrexa hoxe?
Descarga o ficheiro
SINAL DE ADVENTO

Neste terceiro domingo de Advento, sacamos unha nova pedra para que vaia emerxendo a esperanza que nos trae Xesús facéndose un de nós.
CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Volve Señor (Nª 90)

o   LECTURAS: Manda o teu Espírito (Nº 126)

o   OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)

o   COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)

PARA NON PERDER O PASO

            A través das palabras do profeta Isaías chega hoxe a nós a voz do Deus que nos di que no camiño que imos percorrendo non estamos soos. O seu Espírito acompáñanos en cada un dos pasos que imos dando. El está; pero nós, témoslle prestado atención e acollida? É a xente pobre, a desherdada, a excluída, @s ninguén do noso mundo a preferida? Son as persoas pobres, en palabras do papa Francisco, as que fan que a solidariedade non sexa só unha palabra, a escoita un retrouso e a acollida un entretemento?
Que este momento de encontro comunitario que agora comezamos nos axude a poñer os pés no chan, os ollos nas persoas e o corazón nas mans de Deus, para que as pólas secas e as pedras ennegrecidas non atopen oco no noso corazón e na nosa maneira de mirar a vida.

CO CORAZÓN FERIDO

·        Pola cegueira dos nosos ollos, que nos impide ver a tristura que causamos coas nosas palabras; SEÑOR, QUE A NOSA SEXA UNHA MIRADA LIMPA..

·        Pola cegueira dos nosos ollos, que non nos deixa contemplar o dano que facemos coa nosa indiferenza; CRISTO, QUE A NOSA SEXA UNHA MIRADA LIMPA.

·        Pola cegueira dos nosos ollos, que nos fai crer mellores e superiores aos que lles causamos dor e ferimos dándolles as costas; SEÑOR, QUE A NOSA SEXA UNHA MIRADA LIMPA .

UNHA PALABRA QUE AGROMA

"Porque o Señor me unxiu": O Señor únxenos para encomendarnos unha misión, non para quedar quedos. E como ben explicaba o texto da primeira lectura, esta unción pasa polas persoas, non polos ritos nin os costumes. Pero fundamentalmente refírese á actitude que debemos ter coas persoas máis esquecidas e ignoradas do noso mudo. Cada día escoitamos nos medios de comunicación canta xente, sen máis culpa que ter nacido nun lugar e non noutro, é violentada, expulsada, perseguida ou asasinada por non pertencer ao grupo maioritario, non darlle a razón a quen se cre o seu "xefe" ou ten ideas diferentes aos que mandan... En que pouca consideración temos a vida, recibida de Deus! O Advento quere ser tempo onde os gromos do cambio crezan para que cando chegue o tempo do froito, o Nadal, estean en todo o seu esplendor. Ou o que é o mesmo: que teñamos sido capaces de sacar todas as pedras ennegrecidas e todas as pólas queimadas que impedían que circulase a savia da conversión e do cambio a través delas. Pensemos logo e aquí, en que cousas este Advento me está a cambiar, me está a facer mellor persoa, crente, familiar, compañeir@ de traballo, veciñ@... e en cales sigo necesitando traballar para que o queimado e ennegrecido non aniñe de vez en min. Unha boa valedora nesta tarefa permanente que temos no Advento é María. Nela e desde ela, podemos ir descubrindo que facer este camiño é posible para que a saúde do corazón volva de novo a nós, e as faladurías do intestino se vaian afastando do que dicimos, terxiversamos ou mentimos. Como di o papa Francisco: "estamos tan acostumados ás faladurías que moitas veces transformamos as nosas comunidades e tamén as nosas familias nun inferno onde se manifesta esta forma de criminalidade que leva a matar ao irmán e á irmá coa lingua" (Francisco meditación en Sta. Marta, 2 de setembro de 2013).

Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo". Paulo dille aos tesalonicenses que se afasten de canto os degrada, humilla ou fai de menos polo seu xeito de falar ou de facer as cousas. E esta invitación de Paulo tamén chega hoxe ata cada un e cada unha de nós. Por iso podemos facernos tamén a pregunta de si á hora de tomar decisións, dicir as cousas, tratar ou dirixirnos aos demais, tentamos facelo buscando o que é bo, o que non fire, o que non pon tristura nin amargura nos demais nin en nós, ou iso non nos importa e facémolo de calquera xeito, inda que polo camiño vaiamos deixando regueiros de dor, desesperanza, desánimo e desengano ? Como imos estar alegres se o noso actuar o único que fai é fomentar o que nos entristece a nós e a aos demais? Como podemos sentir que a esperanza está en Xesús e que se nos ofrece neste Nadal, si o noso é estar constantemente vendo o negativo, o malo o catastrófico... e moitas veces somos os primeiros en favorecer de que sexa así? Volvamos entón, outra vez, os ollos ao cartel que nos vai axudar a facer este camiño do Advento, e tentemos sacar un pouco da negrura que o tempo nos levou a acumular no noso corazón.

Veu de testemuña para dar testemuño da luz". E como non podía ser doutro xeito, seguindo a lóxica desta tarefa de ir sacando de nós a negrura, o evanxeo achéganos a Xoán Bautista como referencia desde a que entender por que debemos preparar o camiño que nos leva a acoller ao Deus que nace. Xoán non engana, non minte, non se presenta como o primeiro no que todos se han fixar nel, senón que, sinxela e humildemente, irrompe neste tempo de Advento como quen testemuña sobre quen é a Luz. El non quere protagonismo, non lle toca a el, senón que a súa misión é presentar, abrir camiño, anunciar que o que chega ha irradiar de tal xeito en quen queira acollelo que lle vai cambiar a vida. Que todas as negruras de pedras e pólas, desaparecen para que emerxa e xurda a savia nova da árbore que non seca nin arde: Xesús. Como vimos dicindo desde o comezo desta reflexión, poñámonos en actitude de deixar atrás o que foi, asumamos o presente que é, e preparémonos, sen falso sorriso nin falsa humildade, para acoller e facer oco en nós, na nosa familia a través de nós, e nas nosas parroquias co testemuño sincero e real de tod@s nós a facer da vida, desde o Deus que nace, unha experiencia de renovación, cambio, e mirada limpa e leda que, a pesares dos problemas e dificultades de cada día, é posible.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Porque queremos que a luz que trae Xesús irradie en nós sen desmembrarnos, pero si iluminándonos, dicimos xunt@s: 
SEÑOR, QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO EVANXEO
Para que a Igrexa tome en serio que está chamada a sumar e unir desde a súa presenza no mundo, e non a xulgar nin a amedrentar; OREMOS. 
SEÑOR, QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO EVANXEO
Para que nós, na relación coas persoas da nosa parroquia/comunidade non sexamos os que creamos faladurías, chismes, contos... que caen na mentira e promoven o enfrontamento e a desunión; OREMOS. 
SEÑOR, QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO EVANXEO
Para que ao remate de cada xornada teñamos o valor de preguntarnos: que fun capaz de facer hoxe de bo e de ben polas persoas coas que me teño atopado?; OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO EVANXEO
Grazas, Señor, por ofrecerme este momento de oración para poñer en ti todo canto necesito para que a mirada da miña vida sexa limpa, honesta e sincera. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
A mirada non son os ollos. A mirada son os ollos dirixidos polo corazón. Iso, o corazón; non a cabeza. O corazón é o órgano que tradicionalmente asociamos co sentimento, a vontade e ás intencións; ese complemento da intelixencia –e da razón– que tanto engaiola a tantos homes e mulleres ao longo do tempo!. O corazón está cargado de desexos, intencións e expectativas, como a mente está, ás veces, cargada de razóns. Ese revoltiño de previsións é o que determina o movemento da atención, e este diríxese, entre outras cousas, á mirada. A mirada sérvese da pupila para ver, o iris non é o que mira, senón o mirado. Aprendamos a mirar desde o corazón; aprendamos a mirar tamén aos lados; aprendamos a mirar ás persoas e non o que teñen ou o importantes que son!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...