Ir al contenido principal

Nadal 2017

NACE PARA QUE NON ESVAREMOS SOBRE A VIDA UNHA MIRADA DE TURISTAS, SENÓN DE PROFETISAS E PROFETAS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

Panxoliñas

o   ENTRADA:

o   LECTURAS:

o   OFERTORIO:

o   COMUÑÓN:

o   BICADO DO NENO
 
PARA NON PERDER O PASO
Bos días e Bo Nadal para tod@s vós!!!!.Porque o nacemento dun neno non era unha festa para tod@s; porque á meirande parte das persoas a vida resultáballes unha triste e penosa escravitude; porque un poder tiránico asoballaba a liberdade dos pobos impoñendo leis inxustas, unha paz muda e unha cultura uniforme; porque a dignidade da persoas medíase pola forza, a riqueza ou a sorte; porque a humanidade vivía nunha crise desesperanzada e deprimente; porque só Deus podía salvar ás persoas... enviou ao seu Fillo ao mundo.

Se Deus se fixo un de nós, todo pode e debe cambiar: novas serán as persoas, nova será a sociedade, nova será a terra. Deixemos atrás a mirada de turistas, que só se preocupan polo externo. Aprendamos a mirar desde o corazón; aprendamos a mirar tamén aos lados; aprendamos a mirar ás persoas e non o que teñen ou o importantes que son! Abramos o noso corazón e acollámolo: vén para traernos felicidade e vida.
CO CORAZÓN FERIDO
  • Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para ensinarnos a vivir na sinxeleza, e nós reducimos o seu nacemento a unha festa puramente consumista, por iso che dicimos: SEÑOR, GRAZAS POR VARRER A NEGRURA DO NOSO CORAZÓN.
  • Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para que vivísemos a fraternidade; pero nós seguimos dando voltas para non atoparnos con quen precisa de nós, por iso che suplicamos: CRISTO, GRAZAS POR VARRER A NEGRURA DO NOSO CORAZÓN.
  • Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para que sementásemos esperanza e ilusión; pero nós seguimos ancorados no pesimismo e no desánimo, por iso che rogamos: SEÑOR, GRAZAS POR VARRER A NEGRURA DO NOSO CORAZÓN.

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Os emperadores rexían o mundo a base de decretos e lexións. Decrétase que Roma ha ser a cidade, o centro do mundo, e as lexións recorrerán a xeografía para implantar o selo romano. Decrétase que as únicas leis que valerán serán as aprobadas polo Senado Romano ou as que dite o emperador. Decrétase que todos os súbditos do imperio han ter papeis romanos e pagarán impostos con moeda romana.
Por un deses decretos, unha parella nova tivo que desprazarse cara á Belén a pesares do embarazo avanzado da muller. Non tiñan a documentación en regra nin tampouco lles sobraban os denarios; pero ela pariría nunha cova a quen ía ser a meirande xustificación e riqueza das persoas. Aquel Neno traía paz, tenrura, xenerosidade… e atopou unha manxadoira, uns cueiros e un par de corazóns acendidos que tremían diante do misterio.
Roma e Belén son todo un contraste: Roma é o poder dun home endeusado; Belén, a pequenez dun Deus humanado. Roma é o triunfo da forza; Belén, o triunfo do amor. Roma é un canto de gloria; Belén, un sinal de marxinación. Roma é imposición; Belén, respecto. A Roma conflúen os ríos das finanzas; Belén é fonte de desprendemento. Roma é un resume da inhumanidade; Belén, o comezo dunha nova humanidade.
Hoxe Roma e Belén tamén se poñen ante nós para que cadaquén escolla onde se sente máis cómodo e desde onde quere organizar a súa vida. Nós estamos aquí en comunidade porque queremos que Belén, con todo o que evoca, sexa eixo desde o cal darlle sentido á nosa vida. Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega peta na nosa porta. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque Deus está aquí, recoñezámolo!. Cambiemos a nosa mirada, non sexamos coma as persoas turistas que deixan esvarar a súa mirada sen que iso supoña algún compromiso. Camiñemos cos ollos ben abertos e sexamos capaces de interpretar o mundo e o que o compón con ollos e corazón de profeta. Déusenos un Neno para que vivamos na esperanza. Empoderemos!!!!!!!!!!

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Neste día santo no que se nos deu un Salvador, dicimos:

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Para que a encarnación de Deus nos leve a cantos somos Igrexa a loitar e esforzarnos en vivir coma Xesús nos ensinou, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Para que o que non atopou casa ao nacer, atope en nós un corazón quente e esperanzado, sen pedras negras que o manquen, OREMOS.


GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Para que Deus, que se fixo pobre para enriquecernos, mova os nosos corazóns á solidariedade de compartir o que somos e temos, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Para que o Deus connosco nos converta en mans amigas, abertas, sinceras e solidarias para todas as persoas, OREMOS.


GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén

PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Unha vez máis tes, onda ti, de balde, o Nadal.
Coma outros moitos anos desde que es consciente
el pasará, onda ti, tal como es, sen disfraces.
Que raro se nos fai!

Chamará á túa porta, con suavidade ou inoportunamente,
coma outros moitos anos, esperando escoitar a túa voz:
voz de traballo, voz de rúa,
voz de ledicia ou de dor,
forte ou suave,
a túa, sen disfraces.
Que raro se nos fai!.

Non che pedirá nada,
porque a pesares de que o quere todo,
quéreo de balde, entendes?.
Que raro se nos fai!.

Nadal para ti se soñas e compartes,
se camiñas e te encarnas, coma El,
xunto aos que nada teñen.

Nadal para ti, se aínda te atreves,
coma os primeiros cristiáns,
a dicir cada día:
“Gloria a Deus no ceo
e paz na terra aos homes e mulleres que El quere tanto”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...