Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2017


A familia, fogar que acolle, acompaña e sanda
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Temos unha festa (Nº 6)
o   LECTURAS: Déixate querer (Nº 61)
o   OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
o   COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)
ABRINDO AS PORTAS DO CORAZÓN
Benvid@s á nosa celebración comunitaria deste domingo. Hoxe, último día do ano, sentimos o gozo de celebrar a festa da Familia de Nazaré; e nela a festa de todas as familias que, de formas e modos diferentes, conforman o poliedro social e eclesial das relacións entre as persoas guiadas polo amor compartido, gozado e celebrado.
Como comunidade familiar, e unidos á Familia de Nazaré, comecemos esta festa da unión solidaria fraguada no amor entregado xenerosamente de balde ao que nos invita o seguimento de Xesús.
NECESITANDO DA SÚA MISERICORDIA
·      Por non esforzarnos en remar na mesma dirección nas nosas familias; SEÑOR, QUE O PESIMISMO NON NOS ENVOLVA.
·      Por non facer da nosa palabra vento de unión e comunicación nas nosas familias; CRISTO, QUE O PESIMISMO NON NOS ENVOLVA
·      Por deixar que as malas maneiras ou as respostas sen cariño nin tenrura rexan as nosas relacións familiares; SEÑOR, QUE O PESIMISMO NON NOS ENVOLVA
ESCOITAMOS O ECO DA PALABRA
Libro do Eclesiástico (Sirácida) que temos escoitado móstranos as relacións entre fillos e pais. O que nos dá a ocasión para que tamén nós nos plantexemos como imos conformando estas relacións. Como nos esforzamos para que nas nosas familias teñamos unha relación san, sincera, libre e de verdadeira comunicación.
Porque inda que algúns pensen o contrario, a familia non é espazo de opresión nin hotel ao que se vai comer e durmir, senón comunidade, comuñón de persoas e proxectos que se van desenvolvendo coa colaboración e axuda de tod@s cantos a conforman. Preguntémonos logo se nós nos esforzamos para que sexa así. Preguntémonos tamén cal é o noso grado de respecto entre unhas xeracións e outras no eido das nosas familias. Somos dos que dispomos de tempo para escoitar aos maiores?; transmitimos aos máis pequenos a necesidade de axudar, compartir tempo e saber escoitar aos avós? Todo un reto nun mundo demasiado atarefado polas présas e a pouca capacidade de escoitar e querer aprender de quen ten a experiencia por ter vivido antes.
Lucas dinos no Evanxeo que temos que aprender a mirar cara á familia de Nazaré. Porque nela descubrimos que, a pesares das dificultades –estas non son só de hoxe-, cando na familia hai unión, capacidade de escoita, sinceridade e confianza, as dificultades véncense e supéranse. Non sen esforzo, si, pero con mirada e perspectiva de que hai futuro e esperanza. Esa esperanza da que falabamos o domingo pasado ao celebrar que nos chegaba a través do Xesús Neno. Pero este Neno non nace nin só nin abandonado, senón que nace arroupado e acollido polos seus pais. Somos tamén nós medio desde onde o berce familiar se converte en experiencia de encontro, participación e acollida? María, Xosé e Xesús, a tríade de relacionalidade que nos achega a posibilidade de construír cultura de encontro, móstrannos como, se queremos e poñemos esforzo da nosa parte, é posible, non escapar dos problemas, pero si non sentírmonos solos á hora de acadar a súa solución. Deixemos entón que os fogares, os nosos fogares, sexan verdadeiras escolas onde aprendamos a querer e a querernos.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
No gozo de rezar xunt@s dicimos agora:
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER FAMILIAS DE MAN COLLIDA
Pola Igrexa, a gran familia das persoas discípulas de Xesús; para que unidas na fe manifestemos ao mundo o amor e a misericordia de Deus; OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER FAMILIAS DE MAN COLLIDA
Para que os gobernos do mundo respecten a todas as familias, nos seus modos e formas, valorando a súa contribución a desenvolver unha sociedade máis xusta e fraterna; OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER FAMILIAS DE MAN COLLIDA
Polas familias que sofren a causa das dificultades económicas, a enfermidade ou a falta de entendemento; OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER FAMILIAS DE MAN COLLIDA
Para que cada un de nós poñamos todo da nosa parte para que as nosas familias non sexan hoteis nin pensións, senón berces onde aprendamos a querer e a deixarnos querer; OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER FAMILIAS DE MAN COLLIDA
Grazas, Señor, por invitarnos a camiñar na construción de familias que van deixando pegada de entendemento, igualdade e amor no medio dun mundo que moitas veces o esquece. P.X.N.S. Amén.
PARA POÑER O CORAZÓN NA ESPERANZA
A mensaxe que provén da Sagrada Familia é ante todo unha mensaxe de fe. Na vida familiar de María e Xosé Deus está verdadeiramente no centro, está na Persoa de Xesús. Por iso a Familia de Nazaré é santa. Por que? Porque está centrada en Xesús.
Cando pais e fillos respiran xuntos este clima de fe, posúen unha enerxía que lles permite afrontar probas incluso difíciles, como mostra a experiencia da Sagrada Familia, por exemplo, no feito dramático da fuxida a Exipto: unha dura proba.
O Neno Xesús coa súa Nai María e con san Xosé son unha imaxe familiar sinxela pero moi luminosa. A luz que ela irradia é luz de misericordia e de salvación para todo o mundo, luz de verdade para toda persoa, para a familia humana e para cada familia. Esta luz que vén da Sagrada Familia aléntanos a ofrecer calor humano nesas situacións familiares nas que, por diversos motivos, falta a paz, falta a harmonía e falta o perdón. Que non mingüe a nosa solidariedade concreta especialmente en relación coas familias que están vivindo situacións máis difíciles polas enfermidades, a falta de traballo, as discriminacións, a necesidade de emigrar...
(Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...