Ir al contenido principal

13 domingo TO C 2019

Necesitamos crear, cada día, refuxios desde os que acoller e  facer ver o rostro do Deus que se fixo dos nosos
Descarga o ficheiro
Cantos
Entrada.- Vaiamos ao altar  ( 133 )

Lecturas.- Protéxeme, meu Deus, que refuxio en Ti
Ofertorio.-  Grazas, Señor, na mañá  (117 )
Comuñón.- Déixate querer  ( 61  )
Mirada en derredor
     A separación entre a fe e a vida é unha das fendas á que non acabamos de darlle resposta os cristiáns hoxe en día. Cada vez o noso actuar afastase máis das pegadas deixadas por Xesús; e facémolo de tal xeito que mesmo atopamos sempre escusas que xustifiquen este afastamento. Por iso, se queremos vivir o presente do Evanxeo, temos que preguntarnos de que xeitos nós, coas nosas decisións e a coherencia do noso actuar, estamos sendo semente de presenza de Cristo no medio do mundo. É tempo xa de deixar de botarlle a culpa aos demais e de queixarnos dos que non veñen, para pasar a preguntarnos por que non están. Quizais a nosa falta de testemuño teña moito que dicir sobre isto.
Humildade construtiva
·        Por  ver moito para as equivocacións dos outr@s, e mirar pouco para as nosas. SEÑOR, GRAZAS POR SER REFUXIO DE MISERICORDIA.

·        Por escoitar todo canto lle pasa aos demais, e oír pouco os estrondos das nosas equivocacións. CRISTO, GRAZAS POR SER REFUXIO DE MISERICORDIA.

·        Por non saber ser porta aberta para quen necesita ser escoitado e acollido. SEÑOR, GRAZAS POR SER REFUXIO DE MISERICORDIA.
Palabra para remoer
·         Deus sempre chama –en Eliseo estamos tod@s nós-. Faino coa sinxeleza e sensibilidade de quen non se fai notar, pero que sabemos que está. Non necesita nin altofalantes nin cámaras de televisión; tampouco facebook, twitter ou Instagram. A súa chamada faina desde a nosa capacidade para descubrilo en quen temos preto e nos tende a man, mostrándonos o seu sorriso ou goza da nosa compaña en silencio. E para iso só necesitamos poñer un pouco de atención e enfocar máis aló de nós mesmos, porque Deus é sempre presenza de alteridade: no outro e cos outros. A esta chamada somos invitados a responder prestándolle atención. Non o deixemos pasar por diante da nosa porta sen abrirlle!

·        Na súa chamada faise tamén presente a capacidade que ten de acoller para que, aprendendo Del, tamén nós acollamos. Non é estraño entón canto temos rezado no salmo. No “protéxeme que en Ti me refuxio”, están presentes tantas persoas que buscan hoxe, neste noso mundo tan cheo de velocidade e tan falto de atención e humanidade, a oportunidade de vivir. Por iso teñen que saír dos seus países e só van atopando fronteiras; fronteiras, que queiramos ou non entendelo, fómolas facendo nós; non son froito do “Big -Bang” no que todo deu comezo, senón da nosa ansia de dominar, controlar, mandar ou exercer o poder. Consecuencia: pensamos que uns temos máis dereitos ca outros, que uns somos mellores, máis ricos e mesmo máis cultos ca outros, máis... sen darnos conta de que só é sorte. A de ter nacido desta banda, namentres outr@s tocoulles na do outro lado. Como nos custa entendelo! Preguntémonos por que pensamos que temos máis e mellores dereitos e nos cremos superiores, preguntémonos... non deixemos nunca de preguntarnos, porque iso suporá que temos capacidade crítica e non de acomodación. E nesa capacidade para non acomodarnos é onde podemos escoitar e descubrir a chamada de Deus. Non fagamos riso dela; tomémola en serio, miremos cara nós, e non deixemos de camiñar!

·        E este xeito de actuar non pode entenderse se non é desde a liberdade. A capacidade de situarnos, reflexionar e tomar decisións sen deixarnos levar pola “pantalla do quedar ben”. Como lle dicía Paulo aos Gálatas, é necesario que o actuar con liberdade sexa firme, maduro e sen crear, nin persoal nin socialmente, xugos que escravizan. E respecto disto tod@s temos que estar cos ollos ben abertos, para non caer neles, pois moitas veces os xugos creámolos nós coas propias xustificacións, pensando que somos libres, namentres nos imos cargando de múltiples dependencias, adherencias e autoxustificacións ante o noso propio actuar. Os demais non son/ somos, inda que moitos o digan, xustifiquen e manteñan, lobos uns para os outros; nin no noso ADN está a capacidade de destruírnos e enfrontarnos uns aos outros. Inda que moit@s se rían, necesitamos reivindicar, facéndolle oco e escoitándoo no silencio, a presenza e forza do Espírito. A realidade non está só no que vemos. Como di Francisco, o antropocentrismo tecnocrático empobrécenos e reléganos, ás persoas, a un segundo ou terceiro nivel. Deshumanízanos, poñéndonos á marxe da Casa Común. A pedagoxía de Xesús non é a do arrouto, senón a da capacidade de ver, escoitar, integrar e discernir. Non deixemos que o tempo se nos pase sen que nos deamos conta. Somos presente que camiña, non pasado que frea.
Gratitude compartida
Invitados a atopar acubillo no Deus que sempre é refuxio, dicimos:

QUE A LIBERDADE RESPONSABLE GUÍE AS NOSAS DECISIÓNS.

·        Para que sexamos unha Igrexa comunidade na que atopen acollida e refuxio as persoas golpeadas pola fraxilidade e a equivocación. Oremos. Que a liberdade responsable guíe as nosas decisións.

·        Para que traballemos por ser comunidades onde se atopen acollidas as persoas golpeadas pola dor, o sufrimento, o fracaso ou a soidade. Oremos. Que a liberdade responsable guíe as nosas decisións.

·        Para que nós non sexamos nunca persoas de fronteira que erguen muros que esconden, separan, condenan ou sinalan a quen se sente distinto e non se sabe acollido nin escoitad@, Oremos. Oremos. Que a liberdade responsable guíe as nosas decisións.

Señor, grazas por lembrarnos que temos que ser irmáns que se achegan, e non intolerantes que exclúen. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Sensibilidade para construír
Mirando para dentro de nós,:

“Pero non podemos ignorar que a enerxía nuclear, a biotecnoloxía, a informática, o coñecemento do noso propio ADN e outras capacidades que temos adquirido dannos un tremendo poder. Mellor dito, dan aos que teñen o coñecemento, e sobre todo o poder económico para utilizalo, un dominio impresionante sobre o conxunto da humanidade e do mundo enteiro. Nunca a humanidade tivo tanto poder sobre si mesma e nada garante que vaia a utilizalo ben, sobre todo si se considera o modo como o está a facer. Basta recordar as bombas atómicas lanzadas en pleno século XX, como o gran despregue tecnolóxico ostentado polo nazismo, polo comunismo e por outros réximes totalitarios alo servicio da matanza de millóns de persoas, sen esquecer que hoxe a guerra posúe un instrumental cada vez máis mortífero.”

                                                               ( Francisco, Laudato Si.104)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...