Ir al contenido principal

17 domingo TO A 2020

UN DEUS QUE NON DESCARTA A NINGUÉN

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Temos unha festa (Nº 6)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: No colo da miña nai (Nº 49)

COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Sempre que se escoita a palabra tesouro rapidamente a asociamos con algo de moito valor material; como se non houbese outros moitos tesouros dos que poidamos disfrutar e enriquecernos humanamente.
Hoxe, día 26 de xullo, festividade de S. Xoaquín e Santa Ana, traemos á nosa celebración un dos grandes tesouros da nosa sociedade: as avoas e os avós, mestres e mestras en humanidade, en cariño, en desinterese; e que desgrazadamente en moitos casos son esquecidos, utilizados e, como diría o papa Francisco, descartados.
A pandemia que estamos a sufrir foi especialmente dura coas persoas maiores, cobrándose a vida de moitas delas. Por iso na nosa celebración de hoxe querémoslle render unha homenaxe sinxela, pero cheíña de agradecemento e de esperanza.

Que o encontro de hoxe nos axude a descubrirmos os tesouros de amor e agarimo que Deus ten posto ao noso dispor, un dos cales son as avoas e os avós, que en moitos casos foron e son custodias e transmisoras da semente da fe.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Porque non valoramos a fe coma un tesouro na nosa vida, relegándoa ao último lugar na nosa escala de valores, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
Porque moitas veces deixámonos levar polo materialismo, o consumismo, a superficialidade, CRISTO, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
Por ter esquecido aos nosos maiores, non adicándolle tempo, negándolle o cariño, relegándoos á soidade e ao silencio; SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO PRIMEIRO LIBRO DOS REIS

En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle:
"Pídeme o que queiras".
E dixo Salomón:
- Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar. Concédelle, pois, ao teu servo un corazón escoitador, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. ¿Quen, senón, podería gobernar este pobo tan grande?"
Ao Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo. E díxolle:
"Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DE XESÚS SEGUNDO MATEU

Dilles Xesús ás multitudes:
O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
Tamén se parece o Reino dos Ceos a un tratante de perlas finas: en atopando unha de grande valor, foi vender canto tiña e mercouna.
Do mesmo xeito é semellante o Reino dos Ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolleu peixes de todas as clases. Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.
¿Entendedes todo isto?
Eles responderon:
Entendemos.
El concluíu:
Por iso todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese ó dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e mailo vello.

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

O rei Salomón pídelle ao Señor un corazón quente, capaz de discernir o mal do ben, capaz de sentir tenrura, capaz de escoitar, de pararse, de confiar e de traballar a prol do seu pobo.... E iso mesmo que Salomón pide para si é o que se nos pide a cada un e cada unha de nós, que nos chamamos cristiáns e cristiás. Si, porque fronte ao que moitas persoas, mesmo dentro da nosa Igrexa, poidan pensar, aí está o cerne da mensaxe cristiá, aquilo do que seremos examinados ao final da nosa vida: canto amaches?. E claro que iso vai supoñernos esforzo, renuncia, sacrificio e mesmo adestramento para poder conseguir uns bos resultados no seguimento de Xesús. Moitas veces meteremos a pata, caeremos e mesmo trabucaremos o camiño; pero se sabemos poñer nel as nosas esperanzas, ilusións e felicidade, ao final triunfaremos nesta maratón da vida.
Porque, de certo, ter fe é un tesouro, aínda que nós moitas veces non o valoramos e o consideramos como tal. Lonxe de Salomón, para nós son tesouros as cousas materiais, e non damos creto a pensar que pode ser considerado como tal algo que non dá cartos. Somos tan necios que confundimos valor e prezo, sen decatarnos de que o que realmente nos fai felices, o que nos fai mellores persoas é querer e ser queridos e de que as cousas máis importantes da vida, os TESOUROS, non teñen prezo nin se poden mercar con cartos: familia, amigos, saúde, amor, liberdade.... As riquezas, o poder, o boato... son só bixutería fronte á perla valiosa da fe.
E Deus, que a diferenza de nós non é necio e non confunde valor con prezo, puxo noso corazón as sementes daquilo que lle pedía Salomón: o seu proxecto de amor e salvación. Nas nosas mans está facelo medrar e atopar a felicidade ou deixalo afogar. Estamos chamados a escavar para que a terra estea aireada e preparada, para que a semente poida dar froito. E ás veces, é duro. É duro cando non hai descubrimento nin sorpresa, entón a fe custa. Sobre todo cando esixe renuncias, e esíxeas moitas veces. É dura cando non achamos o tesouro, senón que nos impuxeron un deber. É duro cando non é un VALOR, senón un costume. É duro cando non é unha liberación, senón unha canga. É duro cando non é vida, senón mera rutina. É duro cando non é de conviccións, senón que é un cumprimento.

Pero cando descubrimos en Xesús o mellor tesouro, toda a nosa vida, os nosos esforzos, as nosas renuncias atopan sentido Nel e desde El.... e desexaremos contaxiar aos demais co noso descubrimento.

FRATERNIDADE ORANTE

Agradecid@s por ter posto no noso corazón o tesouro da fe, compartimos agora a nosa oración comunitaria e dicímosche xunt@s:
GRAZAS POLO TESOURO DA FE
Grazas, Señor, pola Igrexa, que fai presente a Cristo Resucitado no medio dun mundo plural que construímos co esforzo de todos.
Grazas, Señor, polas nosas comunidades, que queren ser un fogar aberto a todos e que permiten a celebración e a expresión comunitaria da nosa fe.
Grazas, Señor, pola semente da fe, unha fe que nos dá a esperanza de saber que todos os nosos maiores que se foron por mor do Covid 19 xa están no teu colo.
Grazas, Señor, por tantas persoas maiores que ó noso redor, co seu testemuño de vida, son estímulo e alento na construcción do Reino.

Grazas, Señor, porque te nos mostras como o verdadeiro e o mellor tesouro desde a sinxeleza e a cercanía. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Señor, Xesús,
¡quen nos dese bater coma ti
co tesouro agachado da vida feliz coa xente de Deus!
¡Quen nos dese esa sabedoría fonda
que nos leve ás fontes da alegría,
ás fontes de toda acción sa e liberadora!
Señor, Xesús,
por todas partes se nos fan ofertas,
énchennos a casa, as ideas, o corazón
de promesas, de cousas, de soños
e seguimos cada día un pouco orfos.
Nos cartos hai felicidade,
pero sempre cun límite grande;
nos encontros comunitarios hai felicidade,
pero sempre saben a pouco.
Nos avances da xustiza hai felicidade,
pero que vagaroso é o seu paso.
Na fraternidade hai unha gran felicidade,
pero case sempre é un desexo insatisfeito.
¿Onde, Xesús,
Onde bateches ti co tesouro agachado do Reino?
¿Na ollada do neno que se fía do Pai?
¿Na man do irmán que se estende cara ao irmán?
¿No corazón que ama aínda a quen o odia?
¿Na decisión do que rompe a lei por valerlle a unha persoa?

¿Onde, Xesús, onde está a pedriña preciosa do Reino?
M. Regal, Co Evanxeo pola man, páx. 258


Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

25 domingo TO B 2015  HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES Descarga o ficheiro Domingo 25 TO B 2012  https://remoldapalabra.blogspot.com/2012/09/domingo-25-to-b.html DOMINGO 25 TO B 2009 https://remoldapalabra.blogspot.com/2009/09/domingo-25-to.html

7 Domingo TO 2020 A

PORQUE NOS DOE A XENTE, QUEREMOS SER IGREXA EN SAÍDA Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSOENTRADA: Seguirei os teus pasos (Nº 103) LECTURAS: O amor é o meirande (Nº 120) OFERTORIO: Misioneiro (Nº 115) COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58) ABRINDO OS OLLOS Se cadra hoxe máis ca nunca todas as persoas que conformamos a Igrexa de Xesús estamos chamadas a ser comunidade en saída. Xa pasaron os tempos nos que bastaba con agardar a que viñese a xente, os tempos nos que nos sentiamos protexidos nos nosos grupos burbulla. Agora, somos cada un e cada unha de nós quen temos que achegarnos á multitude ferida no camiño pola cultura do descarte, a unha multitude que perdeu a esperanza, a unha multitude que sofre polo sensentido de ter convertido a economía e o rendemento na area movediza sobre a que edificar a vida. Si. Hoxe máis ca nunca estamos chamadas e chamados a ser sal e luz, hospital de campaña, bálsamo que alivia e esperanza.
Deixemos que a frescura da Palabra resoe nos nosos oídos e cambie a maneira que temos…

1 Domingo Coresma 2020 A

Tempo de poñer o reloxo a punto: iguais e sen exclusións
Descarga o ficheiro
SINAL DE CORESMA Celebramos o primeiro domingo de coresma, e con el presentamos un sinal que nos pode ir axudando a marcar este tempo penitencial que comezamos o mércores da cinsa.
Propoñemos un reloxo como imaxe central. No interior do reloxo, escribimos: “CORESMA É TEMPO DE...”, ao redor da cal iremos cada domingo axuntando unha actitude que temos que ir reflexionando ao longo da semana.
Como neste primeiro domingo as mulleres crentes queren visualizarse e maniféstanse en varios puntos do país para mostrar o seu esquecemento e a pouca ou ningunha valoración polo seu traballo na Igrexa, queremos que a primeira actitude, que ha levar a non calar ante silencios aos que se somete á muller dentro da Igrexa, sexa a de REIVINDICAR. A partires dela, cada semana irán aparecendo: contemplar, dialogar, curar e confiar.
CANTO GOZOSO ENTRADA: Non vou so (Nº 60)
LECTURAS: As túas palabras, Señor (113) / Un novo sol sobr…