Ir al contenido principal

Festa do Apóstolo 2020

OBEDECER: UNHA TAREFA DE PERMANENTE DISCERNIMENTO LIBRE E RESPONSABLE

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
LECTURAS: Escoita ti a Palabra de Deus (Nº 26)
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Hoxe estamos de festa na nosa comunidade, e non unha festa calquera. É a festa de toda Galicia e de tódolos galeg@s. A festa de Santiago. Como toda festa que se prece, é momento de encontro familiar, veciñal, parroquial... Volvemos atoparnos para agradecer o don da fe e compartir a forza do comunitario. Un comunitario que vivimos na celebración como un momento de oración agradecida do compartir as nosas raíces, a nosa identidade, a nosa cultura.
Fagamos deste encontro que agora comezamos unha experiencia leda na que deamos grazas polo don da fe vivido desde a nosa identidade crente e galega, no día de Galicia.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Polas veces nas que a obediencia irracional nos impide pensar en como as nosas decisións afectan ás persoas; SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS COACCIONE.
  • Polas veces nas que, nas nosas decisións, as ideas foron máis importantes cas persoas; CRISTO, QUE O MEDO NON NOS COACCIONE.
  • Polas veces nas que nas nosas decisións nos faltou paz e nos sobrou arrouto; SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS COACCIONE.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Utiliza a primeira lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos que lemos hoxe, a expresión “pasar a coitelo”, que tomada literalmente está lonxe do noso xeito de actuar e pensar.Pero se nos achegamos a ela desde unha perspectiva máis simbólica, pode axudarnos a reflexionar sobre as nosas actitudes, e a razón que nos move a tomalas. A Santiago, Herodes pasouno a coitelo, é dicir: quitoulle a vida. Fíxoo porque non era dos del, non pensaba coma el, non tiña as súas mesmas ideas. Tamén nós, de xeito simbólico, se non temos ben asentadas as raíces desde as que imos decidindo horizontes na vida e maneiras de realizalos, podemos tamén pasar a coitelo a quen non pense coma nós: esparexendo comentarios que doen e feren, non achegándonos cando sabemos que está a pasar por un mal momento, dándolle as costas e facéndoo invisible para nós e o noso entorno, volvéndonos insensibles ante a súa dor e soidade. En fin, de moitas maneiras podemos pasar nós tamén a coitelo ás persoas que, segundo os parámetros da nosa sociedade, non nos interesan ou non nos son útiles. Fronte a esta tentación, Pedro e os demais apóstolos non deixaban de insistir en que por riba das ideas han estar sempre as persoas. E neste mesmo sentido o Papa Francisco ten coma un dos eixes do seu pontificado a afirmación que di: “as persoas son máis importantes cas ideas”. E nós, témolo tamén claro?
E pensamos sobre isto neste Día de Galicia, dia de festa na Comunidade, día de festa en moitos pobos, dia de festa para moitos colectivos e familias. Por iso, sen perder este sentido festeiro, podemos reflexionar e preguntarnos se as ideas de quen pensa diferente, nos van levando a tentar escoitar e aprender, ou somos dos que ante quen xa non pensa coma nós lle damos as costas e lle facemos o baleiro? Os Apóstolos e aqueles primeiros cristiáns ante as dificultades non lles plantexaron outra guerra, ao contrario, foron dando testemuño de misericordia, perdón e esforzo por facerse entender. Deste xeito, e pouco a pouco, a novidade da fe que non se sustentaba sobre a violencia, senón sobre a persoa e a súa dignidade, ían facendo que o número de seguidores de Xesús fose crecendo.
Claro que, facelo desde a coherencia de quen non escapa ante as dificultades nin tampouco renuncia diante das ameazas, supúxolle, como nos di o Evanxeo , ter que beber moitas veces o cáliz da persecución, a incomprensión e mesmo a morte. Mais como tesouro que sabían que debías conservar, o seu testemuño acabou sendo xermolo de fraternidade comunitaria e participación na busca dunha sociedade máis xusta e pacífica. Hoxe, no día de Galicia, tamén nós, desde a diferenza no noso xeito de pensar, estamos chamados a ser xermolo de unión e traballo colaborativo, para que Galicia sexa terra de acollida, de igualdade e integración desde a pluralidade e diversidade de cantos a conformamos.

FRATERNIDADE ORANTE

Festa grande hoxe en Galicia; festa de todas e todos sen exclusión, que mellor que unirnos dese este sentido comunitaro para rezar xunt@s:
QUE A COMODIDADE NON NOS FAGA RENUNCIAR Á DEFENSA DA DIGNIDADE
Que non renunciemos nunca a ser Igrexa enraizada na cultura e na fe que nos legaron con esforzo e traballo os noso maiores; Oremos.
QUE A COMODIDADE NON NOS FAGA RENUNCIAR Á DEFENSA DA DIGNIDADE
Que as nosas parroquias sexan verdadeiras comunidades nas que as nosas relacións sexan estreitas e verdadeiramente familiares. Oremos.
QUE A COMODIDADE NON NOS FAGA RENUNCIAR Á DEFENSA DA DIGNIDADE
Que nunca sintamos tristura por poder enriquecernos aprendendo unha nova lingua, coñecendo a cultura da nosa identidade e comprometéndonos a transmitila, coa alegría de quen valora a diversidade, ás xeracións máis novas. Oremos.
Que a comodidade non nos faga renunciar á defensa da dignidade.
Grazas, Señor, por poder celebrar este día de Festa coa nosa comunidade, á que nos unen unha mesma identidade e o cariño e respecto de poder facelo na nosa lingua. P.X.N.S.Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

“A memoria é unha dimensión da nosa fe que poderíamos chamar «deuteronómica», en analoxía coa memoria de Israel. Xesús déixanos a Eucaristía como memoria cotiá da Igrexa, que nos introduce cada vez máis na Pascua (cf. Lc 22,19). A ledicia evanxelizadora sempre brilla sobre o transfundo da memoria agradecida: é unha graza que necesitamos pedir. O Apóstolos endexamais esqueceron o momento no que Xesús lles tocou o corazón: «Era ao redor das catro da tarde» (Xn 1,39). Xunto con Xesús, a memoria fainos presente «unha verdadeira nube de testemuñas» (Hb 12,1). Entre eles, destácanse algunhas persoas que incidiron de maneira especial para facer xermolar o noso gozo crente: «Acordádevos daqueles dirixentes que vos anunciaron a Palabra de Deus» (Hb 13,7). Ás veces tratase de persoas sinxelas e achegadas que nos iniciaron na vida da fe: «Teño presente a sinceridade da túa fe, esa fe que tiveron a túa avoa Loide e a túa nai Eunice» (2 Tm 1,5). A persoa crente é fundamentalmente «memoriosa».”

(Francisco, E.G. 13)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...