Ir al contenido principal

18 Domingo TO A 2020

NON DEIXEMOS QUE O PAN ENDUREZA NAS “ALACENAS”.

COMPARTÁMOLO CON QUEN O PRECISE

Descarga o ficheiro

 CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)

LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)

OFERTORIO: Recibe, Señor (Nº 31)

COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Dun tempo a esta parte vimos escoitando novas diversas respecto ao actuar dos membros da Igrexa. Na maioría das veces son novas de corte negativo, e case sempre xiran ao redor de comportamentos pouco ou nada edificantes: loita por cartos, denuncias por abuso, escándalos pola xestión dos bens. Se nos deixamos levar pola información que nos traen estas novas, poderiamos pensar que a Igrexa só é un foco corrupto e de corruptores. Porén, inda que non sempre teñamos conciencia diso, non é só o actuar dos curas, monxas ou bispos, senón que dela forman parte, formamos parte, todas as persoas cristiás. E ben seguro que entre nós ten que haber persoas que fagan o ben, que sexan xenerosas, que teñan capacidade de escoitar e acompañar, que poñan a súa vida ao servizo dos demais abrindo as súas casas a quen o precise, poñendo os seus bens a dispor das persoas ás que lles falten ou entregando a súa vida a dar testemuño alegre e esperanzado da mensaxe de Xesús. Porque a Igrexa somos todas e todos, non deixemos que ninguén nos secuestre ou nos roube o lugar que nela temos. Defendámolo coa nosa participación e colaboración para facer as nosas parroquias e o noso mundo cada dia moito mellor.

RENOVANDO O CORAZÓN

Por cada vez que non fixen do meu ser Igrexa testemuño de xenerosidade para coas persoas necesitadas;

Por cada vez que fomos incapaces de compartir ou pouco do que temos con quen verdadeiramente o precisaba;

Por cada vez que non puxen o meu esforzo na renovación de comportamentos e actitudes que me achegasen un pouco máis ao evanxeo;

REMOENDO NA PALABRA

Á crise de saúde provocada polo coroavirus estalle a seguir unha crise económica galopante, e da que ninguén sabemos moi ben ata onde vai chegar. Pero o que que xa si imos sabendo é que moitas familias, cada vez máis, precisan comida; que outras moitas necesitan pagar a luz e o aluguer; e non poucas ven como o futuro que lles espera é, cando menos, marrón, senón xa moi negro. Ante esta situación, unha vez máis, a Palabra que acabamos de escoitar vén na nosa axuda para que non deixemos que os prexuízos entren na nosa forma de ver a realidade e de falar dela. Si, porque moitas veces os prexuízos lévannos a que falemos de memoria, sen pensar, sen darnos conta da situación pola que están a pasar as familias que perderon o seu traballo e coidan que, pola idade que teñen, hai poucas posibilidades de atopar outro. Ou que perderon o seu traballo e o que lles ofrecen son salarios moi precarios que non lles dan nin para cubrir os mínimos vitais de cada mes. Na sociedade vaise abrindo cada vez unha fenda máis grande entre os moi ricos, poucos e cada vez máis ricos, e os pobres, moitos e cada vez máis pobres. E non só noutros continentes, tamén ao lado da nosa casa. Por iso a nosa resposta non pode ser só rezar –o que está moi ben-, senón que é necesario tamén actuar, non calar ante as inxustizas que imos vendo, participar en accións que fagan posible que ninguén sexa invisible e que a dignidade non se lles roube no nome do engano, a mentira e a corrupción. E a isto invítanos a palabra que hoxe temos proclamado. Tanto a profecía de Isaías, como a carta que Paulo lle escribe aos romanos, onde lles lembra

Vemos no Evanxeo como Xesús non queda só na oración. Esta vai acompañada da acción. El reza para atopar a forza, o alento e a presenza do Pai/Nai Deus, de xeito que saiba responder como corresponde a aquela situación na que, polo seu actuar coherente, cada vez vía máis comprometida a súa propia vida. Non se limita a dicirlles ide buscar de comer, senón que co que atopan comeza a conxugar o verbo compartir. Pouco entre moitos sempre dá algo; un algo moi importante que ten sempre detrás a moitos alguéns. Moito para un só, non é máis que individualismo e cegueira de corazón. As nosas escusas moitas veces non son máis que autoxustificacións para non facer nada e pretender tranquilizar a nosa conciencia. E iso pásanos cando sabemos que non actuamos como deberamos. Sempre, pero especialmente nestes tempos duros e difíciles que estamos a vivir, e non sabemos como irán sendo, precisamos uns dos outros. Moitas mans nunha mesma dirección son un fluxo de solidariedade que nada nin ninguén pode parar. Poñamos tamén a nosa e non nos deixemos vencer pola tentación da despreocupación.

COMPARTINDO O COMPROMISO

Poñemos a nosa vida nas mans do Deus Pai/Nai dicindo comunitariamente:

QUE NA ESCOITA DESCUBRAMOS A TÚA PRESENZA

Para que a Igrexa non se deixe vencer polas presións externas, e sexa fiel ao compromiso de estar sempre ao lado das persoas empobrecidas, OREMOS.

Para que as nosas comunidades non se deixen vencer polo desalento da ritualidade, e se vexan alimentadas polo traballo solidario e o servizo a quen nos precise, OREMOS.

Para que, agradecendo o pan que nos alimenta, non llo neguemos nunca a quen teña necesidade del; OREMOS.

Alenta sempre, Señor, a forza da túa palabra en nós, para deamos os mellores froitos. P.X.N.S. Amén.

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO

Se podo facer algunha cousa,
se podo realizar algún servizo,
se podo dicir algo ben dito,
dime como facelo, Señor.
Se podo amañar un fallo humano,
se podo dar forzas ao meu próximo,
se podo alegralo co meu canto,
dime como facelo, Señor.
Se podo axudar a unha persoa desgrazada,
se podo aliviar algunha carga,
se podo irradiar máis alegría,
dime como facelo, Señor.

(Grenville Kleiser)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...