Ir al contenido principal

1 xaneiro 2022

 DIÁLOGO ENTRE AS XERACIÓNS, EDUCACIÓN E TRABALLO INSTRUMENTOS PARA CONSTRUIR UNHA PAZ DURADEIRA

CANTOS: Panxoliñas

BENDICIÓN NO COMEZO

  • Que Deus nos bendiga todos os días do ano,
  • Que Deus nos sorría todos os días do ano,
  • Que Deus se fixe en nós todos os días do ano,
  • Que Deus nos conceda a súa paz todos os días do ano
  • A paz, o amor e a xustiza de Deus, que se manifestaron en Cristo, nacido para a nosa salvación, sexan con todos e con todas vós.

OLLOS DE ESPERANZA

Por segundo ano consecutivo celebramos o Nadal mergullados nunha pandemia que non cesa. Camiñamos con desacougo, con medo, no medio da incertidume.
Mais non podemos deixar que a tebra nos envolva. Hoxe comezamos un novo ano. Estamos hoxe aquí para agradecer este don de Deus e poñelo baixo a tenrura de María. Que ela, muller forte, crente e nai, nos axude ser pequenas lumieiras capaces de alumear a quen camiña ao noso carón.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Porque son demasiadas as ocasións nas que renunciamos ao diálogo, caendo na tiranía da imposición, SEÑOR, ÉNCHENOS COA TÚA PAZ.
Por renunciar a educarnos na cultura do coidado; CRISTO, ÉNCHENOS COA TÚA PAZ.
Por non ter descuberto o traballo como camiño de realización persoal, SEÑOR, ÉNCHENOS COA TÚA PAZ.

PALABRA PROCLAMADA 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

O Señor faloulle a Moisés:
- "Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: Que o Señor te bendiga e te garde. Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos".
Palabra do Señor
Grazas a Deus

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS GÁLATAS

Mais así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei e para que recibísemos a filiación.
A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama ¡Abbá! (que quere dicir ¡meu Pai! ). Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.
Palabra do Señor
Grazas a Deus

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Os pastores foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores.
María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
Palabra do Señor
Grazas a Deus

PALABRA REMOÍDA

O Papa Francisco, na súa mensaxe da Xornada da Paz, fala de tres camiños para construír unha paz duradeira:

1.     Diálogo entre as xeracións: Todo diálogo supón unha confianza entre as persoas interlocutoras, porque dialogar significa escoitarse, confrontarse, poñerse de acordo e camiñar xuntos. A crise sanitaria que sufrimos aumenta en nós a sensación de soidade e podemos caer na tentación de pecharnos en nós mesmos. A xente maior séntese soa, a mocidade séntese impotente, as crianzas teñen medo... É urxente, xa que logo, abrir camiños de diálogo: a mocidade precisa da experiencia da xente maior e a xente maior precisa do afecto e do dinamismo da mocidade. Non desaproveitemos esta oportunidade para construír xuntos camiños para a paz.

2.   A educación: É a base dun desenvolvemento humano integral, pois fai á persoa máis libre e responsable ao tempo que é unha ferramenta indispensable para a defensa e a promoción da paz. Só investindo en educación teremos sociedades cohesionadas, capaces de xerar esperanza, riqueza e progreso. Unha educación capaz de poñer no centro á persoa e a ética do coidado. Se algo nos deixou claro a pandemia é que somos fráxiles, que precisamos unhas persoas doutras e que o coidado ten que ser a ponte capaz de unir ás persoas nun diálogo entre xeracións.

3.   O traballoA crise sanitaria leva parella unha crise económica. O traballo é, nestes momentos, un ben escaso. E, como ocorre sempre en momentos de crise, é unha oportunidade para que moita xente, buscando só o seu propio proveito e enriquecemento, non teña reparo ningún en explotar aos demais, esquecendo que o traballo ten que ser camiño de realización da persoa. Se cadra hoxe máis ca nunca debemos reclamar un traballo digno para todos os seres humanos, desenvolvido en condicións laborais decentes e dignas orientadas ao ben común e ao coidado da creación e un salario xusto, que permita unha vida digna persoal, familiar e social. O traballo, non debemos esquecelo, é un factor indispensable para construír e manter a paz, pois é a base sobre a que se constrúen a xustiza e a solidariedade. 

Que Santa María, Raíña da Paz, nos dea folgos para camiñar por estes vieiros.

ORACIÓN COMPARTIDA

Neste día santo no que se nos deu un Salvador, dicimos:

QUE SEXAMOS PERSOAS CONSTRUTORAS DE PAZ

û Para que toda a Igrexa non peche nin os oídos nin o corazón ao clamor das persoas pobres da terra, que imploran xustiza e paz, OREMOS.

û Para que as nosas comunidades sexan sempre berces de diálogo entre as diferentes xeracións que nelas convivimos, OREMOS.

û Polas vítimas da pandemia e polas súas familias; por todas as persoas que nesta longa noite de pedra tratan de ser pequenas lumieiras de esperanza, OREMOS.

û Por cada unha e cada un de nós para que, sen facer balbordo, con humildade e perseveranza, nos convertamos cada día en persoas artesás da paz, OREMOS. 

Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA



Non che desexo un ano marabilloso no que todo sexa bo. Este é un pensamento máxico, infantil, utópico.

Deséxoche que te animes a mirarte, e que te queiras como es.

Que teñas o suficiente amor propio para pelexar moitas batallas e a humildade para saber que hai batallas imposibles de gañar e polas que non paga a pena loitar.

Deséxoche que non te permitas os “non podo” e recoñezas os “non quero”.

Deséxoche que escoites a túa verdade e que a digas con conciencia plena de que só é a túa verdade, e non a da outra persoa.

Que te expoñas ao que temes, porque é o único xeito de vencer o medo.

Que aprendas a tolerar as “manchas negras” da outra persoa, porque cadaquén ten as súas.

Que non te condenes por equivocarte, non somos persoas todopoderosas.

Que medres ata onde e cando queiras.

Que logres ser feliz, sexa cal sexa a realidade que che toque vivir.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...