Ir al contenido principal

3 domingo advento 2021

FAGAMOS TODO CANTO NOS LEVE A POÑER ÁS PERSOAS NO CENTRO DO NOSO ACTUAR

SINAL DE ADVENTO

Colocamos a S. Xosé

 

CANTO GOZOSO

o  ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)

o  LECTURAS: Que ledicia miña (Nº 4)

o  OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)

o  COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)

 

OLLOS DE ESPERANZA

O terceiro domingo colócanos xa no tramo final deste tempo de Advento. É o momento de que nos preguntemos se verdadeiramente está a ser un tempo de graza, renovación e cambio; é o momento de facer memoria humanizada de todo canto estamos a facer nestas semanas para que quen camiña ao noso lado, ou preto de nós, se sinta unha persoa querida, acollida e acompañada.
Que este non sexa un tempo sen máis, e si o tempo que nos volve poñer no camiño que Xesús nos invita a percorrer.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque vivimos a fe máis como un castigo que como unha experiencia de graza; SEÑOR, ESPÉRTANOS AO CAMBIO.
  • Por non ser persoas agradecidas e capaces de dirixir un sorriso a quen se preocupa de nós; CRISTO, ESPÉRTANOS AO CAMBIO.
  • Porque deixamos que o tempo de Advento pase sen que o noso corazón cambie; SEÑOR, ESPÉRTANOS AO CAMBIO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE SOFONÍAS

Exulta, filla de Sión; berra lediciosa, Israel,

alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.

O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos.

O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás a ter medo da desgracia.

No día aquel diráselle a Xerusalén:

Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.

O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva.

El salta de alegría por ti, embrúxate co seu amor,

dá brincos de alegría por ti. Eu aparteite da asemblea festiva; retirei de ti o seu ¡Ai!

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES

Irmáns e irmás:

Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres. Que todo o mundo vexa o bos que sodes. O Señor está a chegar. Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

A xente preguntáballe a Xoán:

‑¿E logo, que temos que facer?

El respondíalles:

‑O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.

Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle:

‑Mestre, ¿que temos que facer?

El contestoulles:

‑Non esixades nada máis do que vos está mandado.

Tamén uns soldados lle preguntaron:

‑E nós, ¿que temos que facer?

El contestoulles:

‑Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.

Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:

‑Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desata-los amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e recoller na hucha o seu trigo; pero a palla ha de a queimar no lume que nunca apaga.

Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.

PALABRA REMOÍDA

· Se hai algunha palabra que cobra vida propia ao longo de todo o tempo de Advento non pode ser outra que alegría. Ela vai sendo un retrouso constante ao longo de todo este tempo, pero é quizais neste domingo cando resoa con moita máis forza. A pesares deste intento da Palabra de facerse resoar, nós seguimos deixando que esvare pola orella abaixo, sen permitirlle entrar no noso oído para que, facéndose eco, a escoitemos. Está é logo a primeira das tarefas á que nos chama a Palabra que esta mañá temos escoitado: a abrirlle oco nos nosos oídos para que poida resoar en nós ata que acabe cambiándonos para ben.

· Se deixamos que a alegría vaia rebordando en nós, entenderemos moito mellor a Xesús e o seu proxecto de amor. El sempre vai invitando a achegarse aos demais, a escoitar, a non volvernos indiferentes diante do que pasa ao noso redor, a non deixar que as persoas sexan utilizadas como se fosen cousas, a... sempre chamada e invitación a facer da palabra mirada sobre o mundo e a vida das persoa para cambiar a mellor. E isto non se pode facer máis que desde un esforzo por ser persoas alegres, que non superficiais, lerchas ou hipócritas. Persoas sensibles e con mirada de humanidade de nós para cos demais, e do esforzo de comprender o que a eses “demais” que temos ao lado lles pasa, lles doe ou lles preocupa. A alegría, entón, ten que saír do corazón, que é desde onde verdadeiramente se van desenvolvendo as nosas miradas.

· A todo isto Xesús ponlle rostro e nome. Non fala nin ao chou nin para quedar ben. O nome que lle dá é rostro de solidariedade. O rostro de quen ao pasar, para e se fixa nas persoas, para e escoita, para e tenta comprender e tender a man para axudar. Do xeito que sexa, pero para axudar. A solidariedade que nos mostra Xesús non é a dos grandes plans e proxectos, non é a das grandes manifestacións e “pancartas”. Non. A súa solidariedade comeza por fixarse, mirar, sorrir e tender a man a quen está mais preto e se sente necesitad@. Por iso é unha solidariedade con nome. Sen promoción nin campaña de publicidade, pero é. Desde aquí entendemos a urxencia por non facer de menos, non asoballar, non mirar para outro lado, non... e a todo isto ten que axudarnos o Advento, porque o que busca e pretende é cambiar os nosos corazóns de rocha en carne. E sempre desde e con alegría verdadeira.

ORACIÓN COMPARTIDA

Na invitación a rezar con alegría no corazón, dicimos:
SEÑOR, QUE ACTUEMOS CON CORAZÓN LEDO
  • Para que a Igrexa, parroquial e universal, sexa nos seus pastores e nos seus membros, unha Igrexa leda e acolledora; Oremos. 
  • Para que nós descubramos a importancia de ser persoas xenerosas, solidarias e movidas pola alegría do actuar de corazón; Oremos. 
  • Para que este tempo de Advento que nos queda para chegar a Nadal, o aproveitemos para cambiar actitudes e comportamentos que sabemos non nos axudan a ser mellores; Oremos.
Poñemos, na túa man a nos vida, o que nos doe, ocupa e preocupa, sabendo que nos vas acompañar neste noso camiñar cotián. P.X.N.S. Amén.

INTERIORIDADE ACOLLIDA

Podes imaxinar un Deus triste?
Seria un triste deus.
Se Deus é a alegría e está dentro de ti, por que estás triste?
Moi sinxelo: estás fóra de ti.
Se che afecta máis o que vén de fóra que o que tes dentro,
é que dás máis importancia ao accidental que ao esencial.
Cambia a perspectiva.
Non mires o de dentro desde o de fóra.
Mira todo o que che vén de fóra desde o teu verdadeiro ser.
Nada nin ninguén poderá quitarche a paz e a alegría.
Esa alegría que xurde de dentro.
Será como unha chama que non pode extinguirse.
Non só te aquecerá a ti, senón que dará luz aos demais.
A túa vida será, desde agora, distinta.

(Do libro de Cáritas 2021/2022)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...