Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2021

 FAGAMOS DA ALEGRÍA A FORMA DE VIVIR O EVANXEO EN FAMILIA

CANTO GOZOSO

            Entrada.- Eu soñei ( 58)

         Lecturas.- Benaventurados ( 118)

         Ofertorio.- Eiqui están, Señor ( )

         Comuñón.- Gracias, Señor, graciñas ( 50)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

            Onte compartiamos a ledicia de renovar o noso compromiso de acollida do Deus Neno no medio de nós. Hoxe a ese compromiso poñémoslle imaxe, para que sexa unha realidade concreta e presente en nós: a familia. Si, porque Deus non nace ao chou, senón entre as familias, con elas e no medio delas vai facendo oco na vida das familias, na nosa vida. Porque todas e todos nós conformamos, de xeitos distintos, diversos e plurais, familias. Que en todas elas saibamos acoller ao Deus Neno que nos vén ofrecer o mellor dos agasallos: a alegría dunha convivencia acolledora, igualitaria e servizal.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·      Polas veces nas que non coidamos as relacións familiares. SEÑOR, SEGUE A CAMIÑAR CON NÓS.

·      Polas veces nas que non buscamos dialogar e facernos entender no eido das nosas familias. CRISTO, SEGUE A CAMIÑAR CON NÓS.

·      Polas veces nas que nos comportamos como se a familia fose un simple hotel. SEÑOR, SEGUE A CAMIÑAR CON NÓS.

PALABRA PROCLAMADA 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

O Señor honrou ó pai máis cós fillos

e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.

Quen honra a seu pai redime as culpas.

Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.

Quen honra a seu pai gozará dos fillos

e cando vaia pregar será atendido.

O que respecta ó pai terá vida longa

e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai 

Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,

non o desatendas nos días da túa vida.

Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento

e non o aldraxes todo o tempo que viva.

O ben que se lle faga a un pai non será borrado,

hache valer coma compensación do pecado. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Irmáns e rmás:

Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.

Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.

Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.

Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados. Palabra do Señor.Grazas a Deus.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían tódolos anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles voltaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:

‑¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.

El respondeu:

‑¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?

50Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.

Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en gracia diante de Deus e mais  dos homes. Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

·      Falar de familia non é dicir palabras bonitas, moitas veces a modo de retrouso, e que nos fagan quedar ben. Non. A familia é realidade plural onde se viven experiencias distintas que non teñen por que gustar a tódalas persoas que a conforman. Pero non debemos esquecer que o que dá consistencia ás familias non é o pensamento único e  imposto, senón  a capacidade de aceptarnos na nosa diversidade e pluralidade á hora de ver e entender a vida. Polo que non podemos convertela nunha realidade uniforme, pechada, inmutable e repregada só sobre si mesma. E isto, inda que parece mentira, a todos e todas cústanos moito aceptalo, o que acaba levando a desencontros e enfrontamentos; cando non silencios distantes entre os que as conformamos. 

·      Por iso hoxe , ao celebrar a festa da familia de Nazaret, e desde o mesmo relato do evanxeo que acabamos de escoitar, é un bo momento para que nos preguntemos que capacidade teño eu de saber escoitar, aceptar e crear canles de diálogo e comunicación cando a realidade familiar non é como a min me gustaría que fose. Ou mesmo, non é como a realidade que cada un e cada unha de nós viviu cando eramos máis novos. As persoas cambiamos, evoluimos, temos formas e xeitos diferentes de pensar e ve-la vida, e isto non se pode impoñer, senón aprender a respectalas. 

·      Traballemos logo para que nas nosas familias aprendamos –nos esforcemos– por aceptarnos como somos, e non creemos, por cuestións que acaban rompendo a relación e o contacto, fendas, distancias e separacións entre as persoas que  formamos parte da realidade familiar. É tan difícil poñer o amor no centro, por riba das nosas ideas? Se somos capaces de aprender a aceptar a quen é diferente, vive de xeito diverso a como o fariamos nós, entende as relacións humanas doutra maneira... estaremos facendo que, de verdade, a familia sexa verdadeiro berce de alegría.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

No agradecemento de sabernos membros dunha familia que nos quere e á que lle queremos, unímonos para rezar e dicir:  

QUE A TÚA ALEGRÍA CREZA NAS NOSAS FAMILIAS.

·      Para que na Igrexa todas e todos nos esforcemos por  non pechar a porta a ningunha familia que nela chame. Inda que non sexa como a nosa ou como a nós nos gustaría que fose. Oremos. Que a túa alegría creza nas nosas familias.

·      Por tódalas familias do mundo, para que nelas estea sempre presente o esforzo por entenderse, escoitarse e axudarse. Oremos. Que a túa alegría creza nas nosas familias.

·      Polas persoas pobres, enfermas e migrantes, para que nunca atopen nin a porta do noso corazón nin da nosa casa pechadas. Oremos. Que a túa alegría creza nas nosas familias.

Grazas, señor, por invitarnos a  poñer hoxe a realidade das familias, de tódalas familias, no centro da nosa oración. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Oh Deus, Pai/Nai de tenrura e agarimo:

María e Xosé, escoitando a túa voz,

ofrecéronche as súas vidas cun si xeneroso,

acollendo ao teu Fillo no fogar de Nazaret.

Eles coidaron a Xesús neno con tenrura e rectitude;

educárono no camiño do seu crecemento na servicialidade, a escoita e a axuda para que puidese ser testemuña do teu amor co seu actuar e servir aos demais.

Que tamén nas nosas familias,

aprendamos a querernos, respectarnos,

axudarnos e aceptarnos tal e como

cada un dos que as conformamos somos.

Que a luz da túa esperanza recibida en Xesús,

sexa guieiro neste camiño. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...