Ir al contenido principal

3 advento 2025

 iii domingo de advento 2025

ADVENTO, TEMPO DE ESPERANZA

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Volve, Señor (Nº 90)

o   LECTURAS: As túa palabras, Señor (Nº 113)

o   OFERTORIO: Xesús chamado amigo (Nº 89)

o   COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)

ESCOITA ACTIVA  

            Certamente, hai persoas para as que a próxima vinda de Xesús non é motivo de ledicia algunha. Porque, claro ....como poderán aledarse as persoas de corazón mesquiño, subidas na idolatría dos cartos, do poder, da fama?, como poderán aledarse persoas de corazón mediocre que esmagan e explotan?; como poderán aledarse as persoas de corazón duro que causan inxustizas e violencia?; como poderán aledarse as persoas de corazón soberbio, tan cheas de si mesmas que non teñen espazo para máis nada?, como poderá aledarse a xente agoreira que disfruta anunciando calamidades, xuízos e castigos, mostrando unha falsa imaxe dun Deus xusticeiro, rancoroso e vingativo?..................

E nós?. Se cremos verdadeiramente no amor infinito de Deus que o Neno nos trae, a vinda de Xesús será causa de alegría....

Así, pois empezamos a nosa celebración rebentando de esperanza e ilusión. Que se nos note!!!!!!!!!!!!!!!!!.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Polas veces nas que, diante dos que pensan distinto, respondemos con agresividade ou pechándonos en nós mesmos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.

·      Polas veces nas que non queremos pararnos a reflexionar e a contemplar os sinais de esperanza que hai ao noso redor, preferindo vivir nun laio permanente, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.

·      Polas veces nas que cando non vai a auga polo noso rego nos apartamos do mundo, sen querer pousar nel a esperanza que vén de Deus, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Que se alegren o deserto e maila terra reseca,

que brinque de ledicia a estepa e que floreza!

Que, coma a lis, floreza abundantemente,

que brinque en exultante danza!

Concedéuselle a gloria do Líbano,

o esplendor do Carmelo e do Xarón.

Eles mesmos verán a gloria do Señor,

o esplendor do noso Deus.

Fortalecede as mans adormecidas,

e ponde firmes os xeonllos que tremen.

Dicídelles ós de corazón tímido:

"Collede ánimo, non temades.

Velaí o voso Deus.

Chega a vinganza, a recompensa de Deus.

Chega El mesmo, e salvaravos".

Entón abriranse os ollos dos cegos,

e os oídos dos xordos destaparanse.

Entón o coxo saltará coma un corzo

e a lingua do  mudo cantará xubilosa.

e os rescatados do Señor volverán por ela,

entrarán en Sión con xúbilo,

felicidade eterna sobre as súas cabezas.

Conseguirán ledicia e felicidade,

pois o sufrimento e o pranto fuxirán.

 

Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

 

Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará. Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.

Palabra do Señor .

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:

-            ¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?

Respondeulles Xesús:

-            Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. ¡E ditoso quen non se escandalice de min!

Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:

-            ¿Que fostes ver ó deserto?: ¿unha cana abaneada polo vento? Pois logo, ¿que fostes ver?: ¿un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, ¿a que saístes?: ¿a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:

Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,

para que prepare o teu camiño.

Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.

PALABRA DO SEÑOR

 

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

ü  Son moitos os desertos desde os que imos medrando na sociedade actual. Investimos, erroneamente, todos os nosos esforzos en posuír, acaparar, atesourar.... esquecéndonos de que hai outros valores moito máis importantes. O termo, mesmo ás veces tan prostituído, de “crise de valores”, do que tanto escoitamos falar nos medios de comunicación é tan certo como que hoxe estamos celebrando o terceiro domingo do advento. A crise de valores, o crer que o podemos todo, o pensar de xeito individual esquecendo que somos comunidade, está na orixe da rotura do tecido social á que estamos asistindo. Nunca coma hoxe as persoas estivemos tan orfas, tan baleiras, tan agoniadas, tan necesitadas de vivencia interior. Temos o material; si, pero imos descubrindo que con iso non nos chega, que nos falta algo que nos leva a mirar ao lonxe, que vaia enchendo de sentido e razón a vida. Por que non acabamos de entender?. Por que diante da gran pobreza do desacougo e da desesperanza, non somos capaces de mirar cara Ti para camiñar xuntos polo vieiro do amor que nos marcaches?. Por que seguimos extraviando o noso rumbo?. 

ü  Dunha cousa temos certeza: Igrexa e mundo camiñamos cara un futuro. Ás veces, no noso camiño, vémonos atacados polo mal, a crise, a inxustiza, o desánimo..... Ante o ataque, moitas veces temos a tentación de pecharnos, de radicalizar a nosa postura, de non abrirnos ó diálogo, laiándonos de tempos pasados e condenando ó presente a ser un tempo sen salvación. Porén, o papel da Igrexa , o papel de cada unha e cada un de nós en tanto somos Igrexa, ten que ser o de persoas mensaxeiras dunha Boa Nova: Cristo xa vén botarnos unha man: os cegos ven, os xordos escoitan, os mortos resucitan.... En que medida somos conscientes na nosa vida da presenza de Cristo?. En que medida somos mensaxeiras da Boa Nova?. En que medida vivimos a esperanza?. En que medida nos deixamos levar polo desánimo pensando que isto non ten sentido, que é inútil o noso traballo ou que non paga a pena apostar a nosa vida polo Reino?. Hoxe a Palabra dinos alto e claro algo que moitos dentro da nosa Igrexa esqueceron: o presente tamén é tempo de salvación: Cristo está aquí, vén salvarnos dispersando o mal e poñéndonos en camiño. Non podemos quedar atrás, non podemos quedar parados, non podemos vivir crispando e enranciando. Hai moito que facer.

ü  Porque non esperamos a outro, que o camiño deste Advento nos vaia pondo en actitude de avanzar, de mirar cara adiante, de non deixarnos contaxiar dos baleiros e dos desertos que fan que algúns non sintan a ledicia de abrirche a porta agora que chegas e chamas. Por iso, tamén nós, queremos anunciar que os coxos andan, que os cegos ven e que os xordos oen. Pois é esta a gran noticia que Deus nos anunciou e que nós non podemos nin queremos renunciar nin a vivir e a anunciar.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque o amor é a mellor das respostas coas que podemos prepararnos para acollerte, dicímosche xuntos:

CHEGA DEUS: ABRÁMOSLLE O NOSO CORAZÓN

Pola Igrexa, para que transmitamos unha mensaxe liberadora, cargada de esperanza e de ledicia, que faga posible as palabras de Isaías, OREMOS.

CHEGA DEUS: ABRÁMOSLLE O NOSO CORAZÓN

Polas nosas comunidades, para que acompañemos o camiño de todas as persoas con sinais do Reino: escoitando, visitando; axudando, acompañando, sementando a vida que vén de Deus, OREMOS.

CHEGA DEUS: ABRÁMOSLLE O NOSO CORAZÓN

Para que botemos fóra de nós o medo que nos paraliza e nos acomplexa, e teñamos o valor de aceptar a responsabilidade de sermos persoas mensaxeiras de esperanza e amor, OREMOS.

CHEGA DEUS: ABRÁMOSLLE O NOSO CORAZÓN

Señor, que saibamos ir deixando atrás canto nos fai seguir camiñando na escuridade e impedindo poder comezar a descubrir que a luz é esperanza e máis amor. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Neste terceiro domingo de Advento queremos, Señor:

que a alegría reborde no corazón de cada un e cada unha de nós,

que a forza do Espírito nos alente para non deixarnos vencer polo desánimo;

que as nosas actitudes non transmitan pesimismo, desesperanza ou derrotismo;

que as palabras que cambian o corazón non se convertan en baleiras,

para que cando digamos: paz, xustiza, solidariedade, igualdade e liberdade as convertamos nos vimbios para construír o berce quentiño do noso corazón. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...