A FAMILIA, FOGAR DE ESPERANZA
CANTO GOZOSO
Entrada.- Eu soñei (nº 58)Lecturas.- Escoita ti a Palabra de Deus (Nº 26)
Ofertorio.- Na nosa terra (nº 36)
Comuñón.- No colo da miña nai (Nº 49)
OLLOS PARA VER
Neste tempo de Nadal unímonos como comunidade crente de...... para celebrar o domingo da Sagrada Familia, a familia de Nazaret. Desde ela miramos ad intra das nosas familias, das nosas casas, de todas as experiencias de familia nas que o amor é o fío vermello que une as relacións. Si, a familia é comunidade de vida e amor, colo de acollida, de aloumiño, de compaña, de seguridade, sorriso espontáneo e tamén pano de bágoas.Unámonos esta mañá para agradecer e poñer por riba do altar a todas as nosas familias, fogares de esperanza onde nacemos á fe e onde descubrimos o amor e a xenerosidade verdadeiros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Porque moitas veces non somos capaces de respectar a pluralidade existente nas nosas familias, SEÑOR, QUE SEXAMOS FAMILIA NO AMOR.
- Porque moitas veces non poñemos da nosa parte esforzo para crear un clima de entendemento e paz nas nosas familias. CRISTO, QUE SEXAMOS FAMILIA NO AMOR.
- Por non conseguir integrar a Deus no camiñar das nosas familias; SEÑOR, QUE SEXAMOS FAMILIA NO AMOR.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
O Señor honrou ó pai máis cós fillose afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
O que respecta ó pai terá vida longa
e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai
Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer coma compensación do pecado
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES
Irmáns e irmás:Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.
Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.
Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.
Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
En canto se foron os magos, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:- Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.
En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto e díxolle:
- Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel. Pero, ó saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vila chamada Nazaret. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ACOLLIDA
· Partindo da primeira lectura que hoxe escoitamos, tomada do vello testamento, do Libro do Eclesiástico, invítasenos a mirar “ad intra” das nosas familias para preguntarnos como imos construíndo as relacións entre cada unha das persoas que conformamos a unidade familiar. Porque inda que algúns pensen o contrario, a familia non é espazo de opresión nin hotel ao que se vai comer e durmir, senón comunidade, comuñón de persoas e proxectos que se van desenvolvendo coa colaboración e axuda das persoas que a conformamos. Preguntémonos logo se nós nos esforzamos para que sexa así. Preguntémonos tamén cal é o noso grado de respecto entre unhas xeracións e outras no eido das nosas familias. Somos dos que dispomos de tempo para escoitar aos maiores?; transmitimos aos máis pequenos a necesidade de axudar, compartir tempo e saber escoitar aos avós? Todo un reto nun mundo demasiado atarefado polas présas e a pouca capacidade de escoitar e querer aprender de quen ten a experiencia por ter vivido antes.· Paulo convídanos a que estas relacións familiares as poñamos tamén en práctica ad extra, nas nosas comunidades: acolléndonos, respectando a pluralidade, agradecendo o traballo desenvolvido e compartido, desde a sinxeleza e a humildade de saber que nin o sabemos nin o podemos todo, que non estamos en posesión da verdade absoluta e que cómpre escoitar e dialogar. Traballemos logo e esforcémonos para que as nosas comunidades parroquiais sexan verdadeiras testemuñas de tempo compartido e vida acompañada. Porque hoxe se queremos ser comunidades verdadeiramente cristiás temos que esforzarnos por levar o evanxeo coa nosa presenza. Isto supón vencer a tentación xulgar aos demais desde o noso cumio para ir converténdonos en persoas máis empáticas; que non miméticas ou imitadoras.
· Só construíndo berces familiares cos vimbios do amor, do diálogo e do respecto, e cinguidos co fío vermello da fe, seremos quen de superar atrancos e dificultades, como lles pasou a Xesús, Xosé e María. No evanxeo que vimos de proclamar aparecen claramente como unha familia migrante, que tivo que fuxir do seu país a Exipto. Á luz do que escoitamos e proclamamos, tamén nós poñemos diante do altar a tantas familias de migrantes, a tanta xente que pode non ter papeis, pero que está xunguida a nós polo fío vermello, como celebrabamos o día de Nadal. Traballar sen descanso para que todas as familias teñan as mesmas oportunidades pode ser un bo compromiso neste domingo da Sagrada Familia.
ORACIÓN COMPARTIDA
Deus móstranos na familia de Nazaret, a forza e a necesidade de facer do amor, do respecto e do diálogo camiños de encontro familiar. Desde o agradecemento por esta gran nova, dicimos:GRAZAS, SEÑOR, POLAS NOSAS FAMILIAS
· Pola Igrexa, para que enfortecida pola graza do Señor neste ano xubilar sexa sempre familia que acolle, acompaña, acubilla e testemuña o amor de Deus, OREMOS.
· Polas familias que sofren dificultades de calquera tipo: de convivencia, de relación, económicas, laborais... para que atopen en nós, persoal e comunitariamente, axuda, acompañamento e tempo, OREMOS.
· Polas familias que, como lle pasou a María, Xesús e Xosé, tiveron que migrar fuxindo da violencia ou na busca dun futuro mellor, para que nunca atopen as nosas portas pechadas, OREMOS.
· Polas nosas familias, que nos queren, nos coidan, nos aturan, nos acollen, para que sempre sexamos familias asentadas no amor, no respecto, no diálogo, OREMOS.
Grazas, Señor, por espertarnos a valorar e agradecer o ser familias onde nos queiramos, nos axudemos e nos preocupemos unhas persoas das outras. P.X.N.S. Amén.
ESPERANZA CONCRETADA
Pai/Nai agarimoso e aloumiñador,concédelle ás nosas familias a graza de vivir xuntas no amor,
sendo luz no mundo e testemuñas vivas do teu Evanxeo.
Que respondamos á túa chamada construíndo fogares
nos que reinen a paz, a alegría e a entrega mutuas.
Comentarios